Coruña, A
Concello cabeceira da comarca e da provincia homónima, situado no NO da Comunidade Autónoma de Galicia. Limita óao N co Océano Atlántico, ao L coa ría da Coruña e o concello de Oleiros, ao S co concello de Culleredo, e ao S e ao O co de Arteixo (todos eles da comarca da Coruña). Abrangue unha superficie de 37,6 km 2 cunha poboación de 244.388 h (2007), distribuída entre a cidade da Coruña e parroquias de Elviña, Oza, Viñas e Visma (2.345). A capital municipal é a cidade da Coruña, situada a 43° 22’ de latitude N e 8° 24’ de lonxitude O, 62 km ao N de Santiago de Compostela. Cabeceira de partido xudicial e capital de provincia, as súas parroquias están adscritas á arquidiocese de Santiago.
Xeografía física
Climatoloxía
O termo municipal da Coruña encádrase baixo o dominio climático oceánico húmido. Non obstante , os factores locais e o seu carácter plenamente urbano exercen unha influencia que imprime importantes modificacións e contribúe a perfilar un auténtico microclima peculiar. No que respecta ao seu réxime térmico, a temperatura media anual é suave (13,95°C), debido máis ao escaso rigor do tempo invernal cá calidez dos veráns. O mes máis frío é febreiro, con 9,9°C de temperatura media, e o máis cálido é agosto con 18,8°C. A oscilación térmica é de 8,9°C, unha amplitude reducida polo efecto suavizante da influencia oceánica. Os trazos de clima local da cidade coruñesa maniféstanse na baixa relativa da pluviosidade respecto ao seu contorno, que a converte na cidade marítima do litoral cantábrico e galego que recolle a menor cantidade anual de precipitacións, un total de 1.012 mm, aínda que repartidas durante bastantes días ao ano. O réxime pluviométrico (a distribución estacional das precipitacións) ten un máximo no inverno, estación na que se recolle o 36% do total anual. Tamén o outono resulta unha estación particularmente chuviosa, co 29% das precipitacións anuais. Pola contra, o verán rexistra unha media do 12% do total, o que redunda nun déficit hídrico no mes de xullo. Trátase dunha cidade batida polo vento, onde o aire en constante acción configura un dos enclaves urbanos europeos máis ventosos. A humidade ambiental é elevada e hai abundantes días cubertos.
Relevo e xeoloxía
Xeoloxicamente, A Coruña está asentada nunha península granítica dunha altitude media de 26 m. A súa morfoloxía é variable, con formas acusadas e pendentes medias que oscilan desde o 5% ao 15 ou 20%. A cota máxima do concello é o Monte das Arcas, de 289 m de altitude. Outros picos destacados son os montes de Fieteira (177 m), San Pedro (145 m), Ortigueira (172 m) e Pena Moa (168 m). Este conxunto topográfico modelouse sobre un bloque granítico seccionado por unha rede de fallas e fracturas perpendiculares, onde a tectónica e a erosión formaron as elevacións citadas e pequenos vales interiores (os de Bens, Elviña e Palavea). A súa costa caracterízase pola variedade de formas: depósitos areosos (praia do Orzán), praias de fondo de enseada ou calas (As Lagoas, Santo Amaro e San Roque) ou praias de ría (Oza). Entre elas intercálanse calas penedosas, que alternan con tramos acantilados relativamente baixos, de entre 20 e 30 m, costas de formas suaves, promontorios e illotes. As condicións naturais proporcionan á Coruña unha singular variedade ecolóxica e paisaxística que sufriu unha profunda transformación derivada do intenso poboamento do concello.
Xeografía humana
Demografía
O faro romano da Torre de Hércules testemuña a importancia que na Antigüidade tiña a ruta marítima á que daba servizo. O porto da Coruña, posiblemente o Portus Magnus Artabrorum, debía constituír un enclave transcendental para o comercio coa Gallaecia. Ese intenso tránsito mercantil debeuse manter ata a Alta Idade Media, pois as ánforas e outros restos localizados nas proximidades do litoral coruñes dátanse ata o s VI. Non obstante , malia esa gran dimensión do comercio marítimo, o volume demográfico do núcleo coruñés non debeu ser moi considerable nin na Antigüidade nin na Idade Media, pois en ningún momento foi sé episcopal. Na Idade Moderna, favorecida pola condición de cidade de reguengo, a poboación coñeceu un progresivo crecemento, malia estar sometida ás crises conxunturais propias da época (fames, andazos e enfrontamentos bélicos). Así, nun censo realizado en 1571, contábanse 1.000 veciños (o que significaría uns 3.600 h), cifra que tardaría máis de dous séculos en duplicarse, ata chegar aos 2.051 veciños en 1760 (serían 7.300 h). Grazas á consolidación da periodicidade dos rexistros censuais, a partir de 1887 pódese coñecer con maior precisión a evolución da poboación da Coruña, que experimentou desde finais do s XIX ata o ano 1996 unha explosión demográfica que provocou que pasara de 53.165 h en 1900 a 243.785 h en 1996, cun incremento do 358%, o que significa un ritmo medio anual do 3,7%. En 1991 estableceuse a marca máxima da poboación do concello, con 246.953 h; o lixeiro descenso experimentado dende entón (-5,08%, 1991-2007), lonxe de significar un síntoma de declive da cidade, como se podería interpretar, responde a factores que demostran, pola contra, a súa vitalidade como núcleo metropolitano, pois son os concellos limítrofes os que están a recibir a expansión da urbanización, converténdose en núcleos residenciais de poboación procedente da capital herculina, que manteñen con ela unha vinculación laboral, social e cultural practicamente cotiá. Ese espectacular crecemento demográfico experimentado pola cidade no s XX é aínda máis relevante se se ten en conta que en 1860 contaba cun censo de 36.492 h, o que significa que en menos de 150 anos incrementou a súa poboación nun 568%. A Coruña foi un dos destinos principais do éxodo desde as áreas rurais cara ás cidades que experimentou Galicia no s XX. Esta explosión demográfica coñeceu distintas velocidades. Entre 1900 e 1930 o concello coruñés aumentou a súa poboación a un ritmo de aproximadamente 1.000 h ao ano, e acadou os 74.132 h nesa última data. A partir de 1930 e ata 1960, o crecemento triplicouse e disparouse a un ritmo de 30.000 efectivos máis cada decenio. O remate da primeira corrente emigratoria cara ao estranxeiro, debido á conxuntura de crise (primeiro económica e despois bélica) nos países de destino, permitiu este grande ascenso da poboación da cidade, xa que a imposibilidade de marchar fóra de Galicia potenciou a alternativa das urbes interiores, ao tempo que o crecemento natural era moi forte (en especial nunha cidade como a coruñesa onde a poboación era moi nova). Entre 1960 e 1970 a cidade medrou 12.000 h, un importante aumento pero menor ca nos anos anteriores, xa que coincidiu coa reactivación da emigración e a inauguración dos fluxos a destinos da Europa central e occidental, novas alternativas á tradicional aventura americana. Foi unha nova crise, a do petróleo de 1973, a que provocou o remate deste proceso emigratorio. A partir desa data produciuse o maior crecemento da cidade, que en 1981 tiña 43.000 residentes máis ca en 1970, grazas tamén ás elevadas taxas de crecemento natural rexistradas no decenio. Desde entón, o incremento demográfico diminuíu, aínda que se mantivo ata 1991. Dende década de 1990, a cidade cambiou de dinámica demográfica por mor da incidencia do proceso de expansión da urbanización cara aos concellos próximos, que experimentaron, á súa vez, un forte incremento baseado na súa oferta de solo e vivendas a prezos máis accesibles. As causas da carestía da vivenda na Coruña con respecto aos municipios do seu contorno radican fundamentalmente, á parte do lóxico incremento do prezo en función da súa renda de localización nun espazo central, no reducido espazo dispoñible no interior do concello; malia todo, nesa década puidéronse erguer novas áreas residenciais, como o polígono dos Rosais, nunha área periférica do SO da cidade. A carestía do solo ten outro efecto demográfico directo na natalidade, pois os elevados prezos fan inaccesible a adquisición de vivenda para as persoas novas que deciden emanciparse e abandonar o domicilio familiar, e que normalmente non dispoñen da solvencia económica precisa para un desembolso tan elevado. Deste modo, a oferta de vivenda a mellor prezo nos núcleos próximos amósase como case que a única opción viable para aqueles que pretenden adquirir unha vivenda en propiedade, o que ten o seu reflexo na natalidade, pois constitúen os grupos de idade potencialmente máis fértiles; así, a maior parte dos fillos dos mozos coruñeses (emigrados de feito, aínda que dun xeito bastante peculiar) nacen fóra da cidade herculina, o que á súa vez provoca que o crecemento natural da Coruña sexa lixeiramente negativo. En 2006 o crecemento vexetativo no concello da Coruña foi do -1,5‰, como resultado dunha natalidade do 8,1‰ e unha mortalidade do 9,6‰. Nesa caída da natalidade tamén influíu o comportamento demográfico da sociedade, que experimentou fondos cambios na súa escala de valores ao longo do s XX. A estrutura por idades amosa unha poboación predominantemente adulta. Os maiores de 65 anos representan o 19,9% da poboación total, mentres que os menores de 20 anos son o 15,1%. A distribución por sexos amosa un gran desequilibrio a prol das mulleres, que constitúen o 53,42% da poboación. Predominan as vivendas familiares de primeira residencia. As secundarias teñen unha porcentaxe pequena, dado que se adoitan localizar nas periferias da cidades. As baleiras presentan unha proporción relativamente importante, a maioría non están ocupadas por procesos especulativos. Por último destacar a gran cantidade de edificios con usos non residenciais.
Evolución do plano urbano
Na época romana produciuse o primeiro poboamento da Coruña nos arredores da torre de Hércules. Pero non foi ata a plena Idade Media cando se produciu o verdadeiro nacemento do núcleo coruñés. Os ss XI e XII foron unha etapa decisiva: institucionalizouse a cidade e fixouse o propio nome do núcleo. Nesta época, sobre un pequeno promontorio no extremo SL da península asentouse a Cidade Vella. Os séculos seguintes, XIV e XV, significaron a consolidación da cidade, que a finais do s XVI xa estaba plenamente conformada. No s XVI, o porto coruñés acadou un notable desenvolvemento como porto pesqueiro, militar e comercial. A Cidade Vella estaba fortificada e nela concentrábanse as funcións defensivas e oficiais. Apareceu unha distinción clara de barrios entre A Pescadería, extra muros, a área dos pescadores e comerciantes, e a Cidade Vella, intra muros. No s XVIII fortaleceuse o proceso de urbanización. A cidade creceu fronte á baía. Fóra das murallas desenvolvéronse outros núcleos de poboación, dos que o máis próximo e destacado era Santa Lucía, un arrabalde que concentrou notables actividades comerciais e industriais. No s XIX foi outra fase de intenso crecemento. O florecemento industrial e mercantil da Coruña deu lugar a un incremento da actividade constructiva na cidade. A fortificación do s XVII tivo que ser demolida en parte. Neses momentos era posible distinguir diversos sectores dentro da cidade: a Cidade Vella, illada en parte polas murallas; a Pescadería, condicionada pola súa posición no istmo da península, constituía a área comercial e pesqueira que se unía co barrio de San Tomé, ao N da Cidade Vella, gañándolle os primeiros terreos ao mar; os núcleos de Riazor e Santa Lucía; e as primeiras articulacións de espazos públicos como a Praza da Verdura. Estas unidades relacionáronse tralo derrubamento das murallas que separaban a Cidade Vella da Pescadería, o que permitiu a unión de ambas mediante o conxunto urbano da Praza de María Pita. Así mesmo, as vías de circulación articularon o crecemento cara ao interior (Santa Lucía) e Fisterra (Riazor e Santa Margarida). Gran parte da trama urbana da Coruña estaba consolidada no s XIX. A finais desa centuria fíxose necesario introducir principios organizadores do desenvolvemento urbano. Así, a cidade levou á práctica o seu Plan de Ensanche. O espazo elixido para o seu emprazamento foron as hortas situadas entre o Camiño Novo e o peirao de Garás, o sector cara a onde se dirixía o principal eixe histórico de desenvolvemento urbano e portuario, que tiña as mellores condicións ambientais para a expansión residencial. A continuidade na ordenación do crecemento urbano concretouse no Plan do Segundo Ensanche de 1910 que, sen embargo, non se materializou completamente e funcionou como un conxunto de normas de aliñación. Xa en 1948, aprobouse un novo Plan de Aliñación: o seu resultado foi a coroa de barrios que desde Labañou ata Os Castros, pasando pola Agra do Orzán e Os Mallos, constitúe o primeiro grande espazo residencial para os habitantes da cidade. Na década de 1960 urbanizáronse os polígonos industriais da Grela-Bens e Sabón, e iniciáronse os polígonos residenciais de Elviña, que expandiron a área de vivendas da cidade. A urbe coñeceu ao longo desa década e parte da seguinte un crecemento sen precedentes por todos os seus barrios, debido ao forte incremento demográfico. Na década de 1980 redactouse o Plan Xeral de Ordenación Urbana. Co plan recuperáronse certos espazos e creáronse outros novos, como a Praza de Santa Catarina, a de Santo André, a de Paulo Iglesias, o Campo de Marte, etc; potenciáronse as infraestruturas da cidade; melloráronse as instalacións portuarias; por último, impulsouse a oferta de ocio, cultura e turismo (coa construción de edificios emblemáticos), a posta en marcha do campus universitario e a realización de obras de embelecemento da cidade como o seu paseo marítimo. Os polígonos residenciais dos Rosais e Matogrande foron as últimas actuacións que expandiron o plano da cidade coruñesa na derradeira década do s XX.
Xeografía económica
Economía
O elemento máis decisivo para o desenvolvemento económico da Coruña é, sen dúbida, o seu porto. Á marxe das actividades pesqueiras que acolle dende tempos ancestrais, destacou sobre todo como porto comercial. Por esa razón, a crise do comercio marítimo de principios do s XVIII provocou unha difícil situación económica, agravada polas consecuencias da prolongada Guerra de Sucesión (cargas tributarias, fames, enfermidades e escaseza de man de obra, recrutada para as milicias). O concello coruñés, consciente da necesidade de potenciar o comercio, esforzouse por conseguir a autorización do tráfico colonial, para o que insistentemente elevou diversas solicitudes á Corte. En 1714, co acubillo da nova administración borbónica, proclive á política mercantilista, fundouse a Compañía de Honduras, coa pretensión de dinamizar o comercio con aquela parte do istmo centroamericano, pero a empesa fracasou. En 1716, os concelleiros acordaron pedir a restauración dos privilexios que Carlos I concedera para comerciar coas Molucas en 1522, que quedaran suspendidos trala sinatura do acordo hispano-luso de 1529; a petición, puramente testemuñal, tiña como principal obxectivo incidir nas reivindicacións coruñesas con respecto ao comercio americano e lembrar o agravio histórico que supuxera para a cidade a concordia cos portugueses. En 1721 propúxose a creación dunha nova compañía privilexiada, que tampouco prosperou. Non obstante , á marxe do control oficial, moitos navíos arribaban aos portos galegos, en ocasións baixo pavillón estranxeiro. En 1734 creouse a Compañía de Galicia, que tampouco chegou a operar. En 1764 establecéronse os correos entre La Habana e A Coruña e tres anos despois, en 1767, púxose en marcha o servizo cos portos do Cono Sur americano; ambas as dúas liñas permitiron o desenvolvemento do comercio lícito coas colonias, aínda que o privilexio coruñés non durou moito, xa que en 1778 se decretou a apertura ao comercio colonial con América, trala abolición do monopolio sevillano-gaditano. Ademais, a utilización das fragatas do servizo de correos da coroa para a actividade mercantil dos comerciantes coruñeses, disuadíraos de construír a súa propia flota mercante e no momento da apertura non tiveron a iniciativa de dotarse dela, polo que non aproveitaron plenamente as posibilidades que lles brindaba a nova lexislación. A dotación de servizos e vías de comunicación beneficiou o florecemento das actividades mercantís. Entre os primeiros, destaca a inauguración en 1689 do servizo de correos co porto inglés de Falmouth. Respecto ás comunicacións terrestres, en 1761 comezou a construírse a estrada xeral a Benavente (imprescindible para as viaxes á corte), en 1764 iniciouse a construción da estrada de Santiago de Compostela e en 1883 inaugurouse a liña de ferrocarril a Madrid. Naquela época, a relevancia da administración rexia era fundamental para a economía da cidade, pois a quinta parte da poboación coruñesa estaba directamente vinculada ás institucións da coroa. A Revolución Industrial e as transformacións económicas de comezos da Idade Contemporánea tiveron na Coruña, coma no resto de Galicia, inicios titubeantes. A crise comercial e industrial causada polas guerras napoleónicas e pola perda de mercados que provocou a independencia da maior parte das colonias americanas agudizouse entre 1821 e 1856, por mor da recesión xeral europea, sen que a creación de pequenas industrias (fundición de ferro, vidro, curtidos, salgadura, etc) lograra evitalo. Entre 1856 e 1900 produciuse unha etapa de recuperación grazas á que a cidade se converteu nun dos centros industriais máis importantes de Galicia, como consecuencia do crecemento da Fábrica de Tabacos, xunto cos sectores téxtil, do vidro, de produtos alimentarios e de consumo doméstico, etc, que proporcinaban uns 5.000 empregos directos. A propia modernización e expansión da zona urbana deu emprego a unha importante cantidade de obreiros e artesáns da construción. Apareceron tamén diversas entidades financeiras e mercantís como o Banco de La Coruña (1858-1875), a Caja de Ahorros (1876) e a Cámara de Comercio (1886). A unión da cidade con Madrid e cos principais núcleos urbanos de Galicia foi unha das arelas que se foi acadando paulatinamente. As visitas de Isabel II (1858), Afonso XII (1877, 1881 e 1883) e Afonso XIII (1900, 1909 e 1927) deron realce á inauguración das obras e conclusión de diversas liñas férreas. No s XX, o progreso industrial acelerouse a partir de 1930, e cristalizou na creación da empresa eléctrica FENOSA (1941). Baixo o impulso dos plans de desenvolvemento dos anos sesenta naceu a refinería de petróleo e os polígonos industriais da Grela-Bens e Pocomaco. O tráfico de pasaxeiros cara a América entre 1840 e 1960 proporcionou importantes beneficios a armadores, consignatarios e aprovisionadores. Coa progresiva modernización da flota pesqueira a partir de 1902, o porto da Coruña constituíuse nun dos primeiros da Península en tonelaxe desembarcada, a pesar de que a carencia de caladoiros propios propiciou dende 1980 unha aguda e progresiva crise, aínda sen resolver. Outro sector que experimentou un crecemento moi notable a partir de 1960 foi o sector turístico, favorecido decididamente polas corporacións locais, mediante o acondicionamento de espazos de ocio e o impulso das instalacións hostaleiras. A cidade coruñesa orientou cara aos servizos a súa economía na década de 1980 debido ao crecemento do tecido empresarial e das actividades profesionais, que pasaron a asumir o papel predominante do crecemento urbano. Pero os cambios acaecidos, aínda que reafirmaron o perfil terciario, introduciron modificacións na composición interna da estrutura funcional. O cambio foi o paso dunha economía de servizos moi dependente da función administrativa a unha estrutura empresarial e de negocios que modificou en poucos anos o perfil socioeconómico coruñés. A Coruña pasou de ser unha cidade administrativa e militar a conformarse nun núcleo urbano dominado polos servizos e o comercio. De todos os xeitos mantén unha notable diversificación da súa base económica, cun sector secundario desenvolvido e cun porto moi activo, que non impediu que a crise afectase a certas actividades industriais (pesca, fertilizantes, alimentación, metalurxia e varadoiros). Deste xeito, a estrutura do emprego no concello da Coruña amosa unha clara maioría de traballadores asalariados, que representan máis do 80%, debido á importancia que posúen os sectores terciario e industrial. Na distribución sectorial da poboación ocupada destaca o sector terciario, que oferta o 77,5% dos empregos. O secundario acolle ao 7,2% na construción e ao 13,6% na industria. Polo que respecta ao sector primario na agricultura traballan o 0,7% e nas actividades pesqueiras o 1,1% dos traballadores. A taxa de actividade (2001) do concello da Coruña é do 53,4% (62,8% a masculina e 45,4% a feminina); a taxa de ocupación é do 46% (55,6% a masculina e 37,8% a feminina) e a taxa de paro é do 13,9% (11,5% a masculina e 16,8% a feminina).
Sector primario, a pesca e o porto
Aínda que cunha porcentaxe moi pouco significativa, o sector primario está presente, cando menos nominalmente, na Coruña. A maioría de empregados deste sector dedícanse ás actividades pesqueiras. A pesca inclúese habitualmente dentro do primario, aínda que a que se desenvolve no porto coruñés é case toda industrial e tecnificada. A Coruña é unha das principais lonxas europeas de peixe fresco. O porto ocupa o quinto lugar entre os españois e o seu impacto na economía da cidade é moi importante, grazas ao intenso tráfico de petróleo e derivados, de produtos a granel, e tamén á sinalada actividade pesqueira. Ademais, a creación do peirao para transatlánticos potenciou a cidade como punto de interese dentro do tráfico internacional de pasaxeiros. A actividade agraria ten un papel case anecdótico. Está reducida ás pequenas hortas que aínda permanecen na periferia da cidade. Os seus cultivos, máis que abastecer de produtos os mercados coruñeses, dedícanse ao autoconsumo dos agricultores-propietarios, que normalmente desenvolven a súa actividade laboral principal noutro sector, e manteñen esa práctica tradicional como complemento das súas economías domésticas e como instrumento de emprego do tempo de lecer.
Industria e construción
A Coruña tamén acolle un gran número de establecementos industriais. Son empresas xeralmente de pequeno e mediano tamaño. A localización dos investimentos industriais e das empresas acollidas aos programas PEMES fan da área metropolitana da Coruña o segundo foco de concentración industrial en Galicia, despois de Vigo. Isto supón un reforzamento da función industrial coruñesa. Como grandes industrias illadas destacan a Refinería de petróleo, situada nun sector periférico e pechada á cidade, a Fábrica de Tabacos, a de Carburos e a de Armas. Os procesos desurbanizadores que tenden a trasladar as industrias de gran tamaño fóra das cidades e a situación de crise de determinados sectores industriais provoca que dúas das fábricas sinaladas (a de Armas e a de Tabacos) permanezan dende finais da década de 1980 ameazadas pola posibilidade de peche, xa anunciado en varias ocasións. Non obstante , o maior bloque do sector secundario da Coruña concéntrase nos seus dous polígonos industriais: o da Grela-Bens e o de Pocomaco, parques empresariais totalmente ocupados e cun forte dinamismo económico. Dúas das principais industrias por volume de facturación localizadas no interior do municipio herculino dedícanse á alimentación, concretamente á fabricación de bebidas: son BEGANO (embotelladora de Coca-Cola) e a cervexeira Hijos de Rivera, SA (fabricante de Estrella Galicia, 1906, HR e River). Tamén destaca SGL Carbón SA, dedicada á fabricación de subministracións eléctricas. A industria téxtil distínguese polo seu dinamismo e capacidade de incorporar innovacións, tanto nos procesos de fabricación (deseño e confección), coma nos métodos de comercialización, factores que posibilitaron a penetración dos seus produtos nos mercados internacionais, nos que gozan de grande aceptación e aprecio; neste sentido, entre as empresas radicadas no termo municipal da Coruña, destaca Caramelo SA. Malia estar radicados en concellos limítrofes, nos polígonos industriais de Sabón (no concello de Arteixo), Culleredo e outros puntos da área metropolitana, operan firmas xurdidas na súa maior parte da iniciativa do empresariado coruñés, que desprazaron a súa localización a eses concellos obrigados pola escaseza e carestía de solo na cidade. Entre estas empresas, que habería que considerar plenamente coruñesas, pois naceron ao abeiro do seu desenvolvemento industrial, destacan as do sector téxtil do grupo INDITEX (Industria de Diseño Textil, SA), localizada no polígono de Sabón. Tamén en Sabón radican tres das máis importantes industrias lácteas de Galicia: La Lactaria Española, SA; Luasol SL e LEYMA. Por último, Arteixo Telecom, SA, outra das empresas do polígono de Sabón. Dentro do sector secundario, a construción é o subsector que xera maiores rendementos: coñeceu o seu momento de maior desenvolvemento entre 1960 e 1980; nos últimos anos, o subsector experimentou un cambio estrutural fondo, coa substitución das pequenas empresas polas de maior tamaño, en moitos casos de capital foráneo.
Servizos
O sector terciario é o que predomina no concello. O seu forte desenvolvemento contribuíu a proxectar unha imaxe de cidade comercial e de servizos. Todos os subsectores do terciario coñeceron unha grande expansión. O incremento dos servizos empresariais constituíu o principal factor do crecemento urbano. A expansión da banca (protagonizada por Caixa Galicia, unha das primeiras entidades españolas de aforro, e o Banco Pastor) reforza o papel da Coruña como centro financeiro. Ademais, os seguros, as oficinas técnicas, os despachos profesionais, as delegacións de empresas e dos medios de comunicación, son motores básicos da economía da urbe: no que respecta ao sector da comunicación, o grupo de empresas de La Voz de Galicia sitúase nun lugar preeminente entre a prensa española, con instalacións de alta tecnoloxía; tamén cómpre destacar a pluralidade da prensa coruñesa, que conta con outros xornais como El Ideal Gallego, La Opinión de A Coruña e Deporte Campeón. Neste ámbito da comunicación, tamén destaca o sector audiovisual, que experimentou un notable desenvolvemento a raíz da creación da Escola Oficial de Imaxe e Son, que formou a gran parte dos novos profesionais da comunicación galegos. Unha das iniciativas máis sobranceiras neste eido foi a creación do consorcio R, cunha participación maioritaria da banca local, ben directamente, ben a través das súas empresas, e que se dedica á subministración de sinal de televisión de pago e liñas telefónicas e acceso a internet. O terciario dependente da Administración tamén medrou, a pesar de que a creación da Comunidade Autónoma, coa súa capital en Santiago de Compostela, onde se instalou o novo aparato administrativo, supuxo un freo a este incremento. Malia todo, na Coruña teñen a súa sede o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, a Delegación do Goberno, a cabeceira da rexión militar e outros organismos do Goberno Central. O comercio experimentou un importante pulo, aínda que a reestruturación do sector provocou problemas de adaptación. As cadeas de venda polo miúdo (supermercados como Claudio, Día, Gadis, Froiz, etc), as grandes superficies (os hipermercados franceses Carrefour e Alcampo, a xoguetería norteamericana Toys’r’us, etc), os grandes almacéns (El Corte Inglés) e os centro comerciais (Cuatro Caminos e Los Rosales) centran o sobresaínte sector comercial da cidade e teñen un maior dinamismo global có modelo tradicional de pequeno comercio, que sobrevive nun contexto de crecentes dificultades nas áreas de emprazamento tradicional (centro urbano). Entre os servizos públicos, cómpre destacar a especialización acadada pola sanidade: centros como o Hospital Juan Canalejo, o Hospital Materno Teresa Herrera ou o Centro Oncolóxico, cóntanse entre os máis innovadores e avanzados de España. No que respecta ao ensino, aos múltiples centros primarios e secundarios, uniuse a creación en 1990 da Universidade da Coruña, segregada da de Santiago de Compostela e que, ademais doutras titulacións, dispón dunha oferta de estudios técnicos como arquitectura e enxeñería de camiños, exclusivos en Galicia. Pola súa banda, a Universidade Internacional Menéndez y Pelayo escolleu A Coruña como unha das sedes do seus cursos de verán, os máis prestixiosos dos que se celebran en España.
Turismo
A Coruña experimentou dende a década de 1980 unha renovación urbana de gran magnitude, que potenciou tanto os seus equipamentos e infraestruturas coma a actividade turística. Desde principios do s XX, figurou entre as cidades preferidas pola alta burguesía española para gozar do verán, xunto con Donostia ou Santander, dada a beleza do seu emprazamento e das súas áreas máis nobres. Estes recursos paisaxísticos e a súa tradición turística potenciáronse a través da realización dun programa que tende a aumentar o turismo urbano, ao mesmo tempo que fomenta o turismo cultural e o de congresos (ademais de crear unha serie de equipamentos e obras emblemáticas para o propio goce dos seus veciños). Deste modo mellorouse a accesibilidade externa e interna da cidade mediante o acondicionamento das vías de comunicación e a realización de actuacións nas súas rúas. Ademais, construíronse aparcamentos subterráneos debaixo das principais prazas e vías da cidade. A dotación de infraestruturas e equipamentos para a cultura e o ocio fortaleceuse mediante a realización, entre outros, do Palacio de Congresos e Exposicións, da Casa das Ciencias, do Domus-Casa do Home, do Aquarium Finisterrae, do Museo de Belas Artes, do edificio da Fundación Barrié de la Maza, do Coliseum; un conxunto de construcións monumentais dedicadas á difusión da cultura e á organización de espectáculos de diverso tipo que configuran ano tras ano unha programación na que teñen cabida as expresións plásticas, musicais e escénicas máis diversas, que converten a cidade herculina nunha referencia cultural que transcende o ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia. Ao longo do ano, pero especialmente durante o verán, A Coruña acolle os espectáculos das principais figuras internacionais da música popular ben no Coliseum, ben no pazo de congresos. A Casa das Ciencias, o Domus e o Aquarium Finisterrae, integran un circuíto de museos científicos, que pola súa concepción supoñen unha proposta vangardista deste tipo de centros. A construción do Palacio da Ópera dotou a este xénero dun espazo propio que permitiu a consolidación do Festival de Ópera da Coruña. O Coliseum, con equipamento de usos múltiples, permitiu tamén a recuperación das corridas de touros, coa celebración, normalmente en agosto, dunha feira anual á que acoden os principais toureiros do panorama taurino. No proceso de renovación urbana da cidade creáronse novas áreas verdes (Parque Europa, o de San Diego, o de San Pedro e o escultórico da Torre) e un espazo singular como é o Paseo Marítimo, que circunda o litoral da península coruñesa. Pero, malia a indubidable consistencia da oferta museística e cultural, o principal reclamo turístico constitúeo o sector hostaleiro, baseado nunha gastronomía de gran calidade e complementado pola animada vida nocturna da urbe que adoptou como lema A cidade onde ninguén é forasteiro, cuñado a principios da década de 1960 polo alcalde Peñamaría de Llano. No tocante á restauración, os establecementos da cidade teñen gran tradición e reputación (especialmente na preparación de peixes e mariscos). Tamén destacan as tapas, que ten os seus principais expoñentes na área comprendida entre a praza de María Pita e a rúa da Barreira. Respecto á animación nocturna, no interior do termo municipal da Coruña pódense distinguir varias áreas que concentran un elevado número de establecementos de ocio (bares, pubs, discotecas, etc): no Orzán mestúranse locais de copas orientados a públicos moi diversos, ambientados con estilos moi diferentes, nun amplo abano que vai dende a exclusividade de clubs de acceso restrinxido ata os locais de rock, pasando polos aires flamencos, os ritmos caribeños, a exaltación céltica, a devoción polo jazz, a estética underground ou os sons electrónicos, que conviven con outros máis eclécticos e con discotecas míticas; na Cidade Vella, caracterizada tamén pola súa heteroxeneidade, hai varios locais emblemáticos. No contorno da Praza de España xurdiu outra área moi concorrida, que acolle periodicamente concertos, recitais e que tamén ofrece espectáculos de contadores de Historias; pero a maior parte do público que acode a esta zona frecuenta os bares da rúa de San Xoán. As grandes discotecas localízanse dun xeito máis disperso, e moitas xa están fóra dos límites do concello. O 3 de decembro do ano 2001 recibiu da ONU o premio Nations in Bloon como a cidade máis habitable do mundo.
Transportes e comunicacións
A cidade herculina é punto final de diferentes vías de comunicación. Na Coruña remata a estrada nacional radial N-VI, e tamén a autovía A-6, paralela á anterior, que comunican a zona setentrional de Galicia con Madrid. A autoestrada AP-9, principal arteria do occidente de Galicia, únea co Eixo Atlántico, con Ferrol, Santiago de Compostela e Vigo, ata a fronteira portuguesa en Tui. Outra autoestrada, a AG-55, comunica a cidade coa capital da comarca de Bergantiños, Carballo. A estación de ferrocarril de San Cristovo é unha das dúas terminais da rede ferroviaria galega (a outra é Vigo). O porto coruñés converte a cidade en punto de ruptura de carga, espazo para o desenvolvemento do tráfico portuario de mercadorías e persoas. Finalmente, o aeroporto de Alvedro, situado no concello veciño de Culleredo, completa a rede de comunicacións da área metropolitana.
Historia
Orixes míticas
A lenda máis antiga é a que relaciona o nacemento da cidade co heroe grego Heracles. Na súa Crónica General, Afonso X o Sabio xa dá conta de como este, tras matar en combate o xigante Xerión, construíu sobre a súa sepultura a torre que leva o seu nome, e ordenou a fundación da Coruña. Baseándose en crónicas anteriores, Vicetto remonta na súa Historia de Galicia (1865), a institución da cidade a Brigo, neto de Iafet e bisneto de Noé. A finais do XIX Murguía e outros eruditos dan publicidade á lenda irlandesa de Breogán, que sería o constructor da Torre e o fundador de Brigantia, dende a que o seu fillo Ith partiu para conquistar Irlanda.
Dos primeiros poboadores á romanización
O achado de machados pulimentados da época neolítica, confirma a presenza de asentamentos humanos nos límites do concello, hai aproximadamente 4.000 anos. A desaparecida necrópole megalítica da Zapateira, formada por máis de trinta mámoas (3500-3000 a C), xunto coa presenza de pezas do Bronce Final (900-700 a C), probaron a continuidade do poboamento. Dende o s II d C as fontes grecorromanas situaron no NO da Península un núcleo habitado polos ártabros ou arrotrebas, anterior á conquista romana. Este primitivo poboamento estaba integrado por numerosos castros (Nostián, Elviña, etc) que, ao parecer, mantiveron contactos con outras zonas da Península e mesmo de fóra dela (s II-I a C). Segundo o historiador Dión Casio (s III a C), Xulio César desembarcou no 61 a C ao mando das súas galeras, conquistou o lugar e obtivo un abondoso botín. Non obstante , non foi ata a época de Augusto, despois das Guerras Cántabras (26-19 a C), cando a rexión se incorporou definitivamente ao Imperio. A romanización supuxo o abandono paulatino dos castros e a instalación da poboación en lugares máis próximos ás terras de labor e á baía. Xurdiu entón a cidade de Brigantium ou Brigantia, que se identificou ás veces con Betanzos, pero con maior frecuencia coa cidade da Coruña. Durante os ss I e II d C, cando posiblemente se construíu o faro e un porto con peirao de pedra, a cidade acadou a súa máxima extensión. Producíronse diversos achados de restos arqueolóxicos datados nesta época en distintos lugares da urbe, que apoian a idea dunha notable romanización e de importantes relacións comerciais con Italia (s I), a Bética (ss I-II) e África (ss III-IV). Durante os ss V e VI, a vida urbana debeu experimentar un esmorecemento progresivo, igual ca no resto da metade occidental do Imperio, especialmente dende a chegada dos suevos a Galicia (409).
O burgo medieval
As referencias escritas á cidade son escasas entre principios do s V e o ano 868, pero A Coruña (Farum Brecantium) debeu subsistir durante a Alta Idade Media como unha aldea de pescadores e labregos, que tivo que enfrontarse aos ataques viquingos durante o s IX, como o que repeleu o rei galaico-astur Ramiro I no 846. Durante os ss IX e X, o Faro Brecancio foi a cabeza dun distrito administrativo real (comissium), dependente da arquidiocese de Santiago no aspecto eclesiástico a partir do 915. Entre o comezo do s XI e o s XII a documentación a penas achega información, pero a Historia Compostelana dá conta de como xunto aos restos do faro, se construíu unha fortaleza que foi obxecto de disputas entre a raíña dona Urraca e o arcebispo de Santiago de Compostela Diego Xelmírez (1121). Trala morte da raíña, o seu fillo Afonso VII recuperou mediante permuta o territorio (1126), que en diante conservou sempre a súa condición de reguengo. A chamada “Terra de Faro” debeu de comezar a súa repoboación baixo o impulso de Fernando II entre os anos 1164 e 1166. Nesta época, a documentación refírese á cidade como “Crunia”, “Curunia” ou “Cruña”. O monarca Afonso VIII decidiu o traslado da poboación que residía no Burgo á Coruña (1208), recoñeceulle o rango de vila, asignoulle como marco xurídico o foro de Benavente e outorgoulle un alfoz de dúas leguas á redonda. Entre os seus privilexios parece que se incluíu o dereito de cuñar moeda e se estableceu tamén a prohibición, que continuou vixente ata o s XIV, de conceder a veciñanza a nobres ou monxes, agás os do mosteiro de Sobrado. O feito de tratarse dun dos poucos enclaves de reguengo nun reino dominado case completamente pola nobreza e o clero, supuxo que os monarcas a favoreceran desde este momento. A reactivación da economía e do comercio do occidente europeo, durante os ss XII e XIII, supuxo o rexurdimento desta poboación grazas á súa situación, especialmente apta para acoller o tráfico marítimo que, co tempo, aumentou a súa importancia. Durante a Baixa Idade Media, A Coruña converteuse nunha cidade encabezada por un patriciado posuidor de bens raíces, ao que se foi incorporando un próspero grupo de mercadores e armadores de barcos favorecidos polo poder real. Nun estrato inferior figuran os artesáns (xastres, zapateiros e ferreiros) e os pequenos comerciantes. Existía ademais unha importante xudería ao redor da rúa da Sinagoga. O goberno da cidade e as funcións xudiciais exercíaas un alcalde do foro que, dende 1344, era designado polo concello, xunto con outro nomeado polo rei. Os seus abusos controlábaos a asemblea veciñal ou concello, integrada pola elite da vila, que se reunía en ocasións especiais no adro da igrexa de Santiago ou no do convento de San Domingos. O concello escollía un número indeterminado de xurados (concelleiros) e dous procuradores, que o representaban a efectos legais. O crecemento da cidade superou pronto o recinto amurallado, situado na península, e dende finais do s XIII o arrabalde da Pescadería, no que se instalaron boa parte dos comerciantes, medrou sobre o istmo. Os privilexios e as franquicias concedidos por Afonso X (1255) a este grupo, entre os que se incluía o libre desembarco e venda de sal, favoreceu o desenvolvemento do tráfico internacional no porto e a exportación de peixe salgado ou afumado. O grupo do patriciado urbano loitou durante estes anos por conservar o control da autoridade fronte aos fidalgos asentados no alfoz e aos mercadores do arrabalde, así como para aumentar os seus privilexios comerciais. A guerra civil entre Pedro I e o seu irmán Enrique II de Trastámara viviuse na Coruña coa presenza do primeiro (1365) e, trala súa morte, coa ocupación pacífica da cidade por Fernando I de Portugal (1369-1371), quen reclamaba a coroa de Castela, por ser, como Pedro, bisneto de Sancho IV. O duque de Lancaster, xenro de Pedro I, desembarcou nela en 1386 con máis de 12.000 homes, pero ao ser incapaz de derrotar o novo Rei Xoán I, firmou a paz e abandonou o país (1388). Xoán II concedeulle o título de cidade (1446) e autorizou o libre comercio entre Inglaterra e A Coruña para dous buques de cada unha das nacionalidades. Os veciños da Coruña participaron na revolta antiseñorial irmandiña (1467-1469) con 600 homes, xunto cos habitantes de Betanzos e da comarca das Mariñas. Durante a guerra civil que enfrontou a Isabel I coa súa sobriña dona Xoana (1475-1476), A Coruña apoiou a primeira, pero trala súa victoria a localidade foi doada ao conde de Benavente. Este tentou tomar posesión dela mediante sitio (1476), como xa fixera en 1465, pero os coruñeses, dirixidos polo fidalgo Diego de Andrade, resistiron e o conflicto prolongouse durante meses ata que os monarcas decidiron intervir. Mediante unha real cédula de 1478, confirmaron o carácter de reguengo da Coruña e como mostra do seu compromiso acudiron a visitala do 6 ao 9 de outubro de 1486. Durante o reinado dos Reis Católicos, os mariñeiros e os membros do gremio de mareantes da Coruña foron eximidos do pago do imposto coñecido como a quintalada, composto pola cuarta parte dun tonel de viño, un moio de sal, cinco milleiros de sardiñas e un carro de madeira.
A Coruña na época dos Austrias (ss XVI-XVII)
A figura do gobernador do Reino de Galicia, con sede na Coruña, apareceu en 1475 acompañada por un tribunal de xustiza (1486) que, co tempo, se converteu na Real Audiencia. A comezos do s XVI, A Coruña recibiu novos privilexios como o dereito á celebración dunha feira franca anual (1503). O 28 de abril de 1506 recibiu os reis Filipe o Fermoso e a súa esposa Xoana procedentes de Flandres para tomar posesión da Coroa de Castela. En abril de 1520, durante o reinado de Carlos I, celebráronse Cortes no convento de San Francisco, e o monarca concedeu o privilexio dun mercado franco, antes de embarcar para recibir a coroa imperial de Alemaña. A expansión territorial da monarquía hispana orixinou a concentración do comercio americano en Sevilla, pero A Coruña recibiu da Casa da Contratación o dereito para importar especias das illas Molucas (1522-1529). O fracaso desta iniciativa limitou o crecemento da cidade. A Coruña foi o porto de embarque do futuro Filipe II, en xullo de 1545, quen ía casar coa raíña de Inglaterra María Tudor. A partir de 1578, o gobernador e capitán xeneral e a Real Audiencia asentáronse na cidade de forma definitiva, circunstancia que a converteu a efectos prácticos na capital militar e xudicial de Galicia. A Armada Invencible fixo escala na Coruña na súa viaxe cara a Inglaterra en xullo de 1588 e, tralo desastre, a cidade acolleu 66 barcos que regresaron en setembro. Despois desta fracasada invasión, os enfrontamentos entre Filipe II e a Raíña Isabel de Inglaterra endurecéronse, e a cidade viuse condicionada polo feito de servir como porto militar, polo que sufriu as ofensivas británicas. O 19 de maio de 1589 tivo que enfrontarse aos ataques de Drake, que destruíu o mosteiro de San Domingos, a parroquia de San Tomé e o seu barrio, xunto co arrabalde da Pescadería. Na exitosa defensa da praza distinguiuse, segundo a tradición, a célebre heroína María Pita. O crecemento demográfico experimentado foi importante: pasou dos 600 contribuíntes fiscais de 1517 aos 1.583 de 1657. Ao longo dos ss XVI e XVII, o porto coruñés rexistrou, malia todo, unha importante actividade; foi un dos lugares nos que embarcaban con frecuencia as tropas para Flandres e América, serviu de base para corsarios galegos e estranxeiros, e mesmo foi punto de partida de expedicións de irlandeses (1579 e 1599) que tentaban recuperar o dominio católico nos países americanos. En materia agrícola, a insuficiencia da produción da zona inmediata fixo que as importacións de gran e outros produtos alimenticios e téxtiles foráneos fose habitual na Coruña durante os ss XV-XVIII. Durante o s XVII, a cidade perdeu boa parte do protagonismo económico dos séculos anteriores e viuse sometida ao pago de gravosos impostos e servizos que, xunto aos inconvenientes de converterse nun destacado obxectivo bélico, sometida aos ataques inimigos e á incomodidade que supuña a presenza da guarnición, supuxo unha etapa de decadencia. A comezos do s XVII, o capitán xeneral e gobernador, Diego das Mariñas, emprendeu a mellora das fortificacións da cidade, ampliou as murallas ata integrar no seu interior o convento de San Francisco e o Hospital do Bo Suceso, e construíu a Porta de San Miguel. En 1639, os coruñeses tiveron que defenderse dun novo intento de desembarco, neste caso da flota francesa, comandada polo arcebispo de Burdeos, que fracasou. A estrutura social da Coruña durante a Idade Moderna diferenciábase notablemente do resto das vilas e cidades do reino. Ao redor do 1640, máis da metade dos seus habitantes dedicábanse a actividades mariñeiras, mentres que o peso do artesanado era escaso. A meirande parte deles residían na Pescadería, xunto con algúns mercadores locais e estranxeiros, tendeiros, unha pequena cantidade de labregos e boa parte dos militares da guarnición. Entre estes últimos e o persoal da Real Audiencia, que habitaba maioritariamente na Cidade Alta, sumaban cerca do 15%. Entre as primeiras factorías establecidas na Coruña destacou a fábrica de mantelería, que chegou a abastecer a Casa Real (1685-1808). Segundo os datos de González Dávila (1645), na súa costa abundaban todo tipo de peixes, mentres que as importacións eran de trigo francés, tecidos e queixo inglés, panos flamengos, armas, ferro e cal biscaíños, e sal e azucre portugués. Durante o goberno de Carlos II chegouse a un acordo co monarca británico para o establecemento de correos marítimos entre ambos países polos portos da Coruña e Falmouth (1689). A Raíña Mariana de Neoburgo chegou á cidade en 1690, procedente de Alemaña, onde casara por poderes con Carlos II.
A Coruña durante o Século das Luces
Logo da morte sen descendencia de Carlos II (1700) produciuse a Guerra de Sucesión, durante a que a cidade tivo que facer fronte a novos impostos, recrutamentos e fortificacións, que mermaron a súa economía. Despois do conflicto, o monarca Filipe V creou a Intendencia do Reino de Galicia (1716), que se ocupaba dos asuntos económicos (facenda e comercio), do abastecemento do exército, policía, etc. A cidade sufriu as ameazas da flota británica en 1719, ano no que saíu unha expedición de escoceses destinadas a recuperar o dominio católico en Escocia e, novamente, en 1726, cando a praza forte foi obxecto de reiterados ataques e tentativas de invasión, que non chegaron a culminarse. O fracaso que supuxo para A Coruña o proxecto da Compañía de Galicia, creada en 1734 para comerciar co Yucatán, superouse a mediados do s XVIII, axudado polas melloras da agricultura galega e da industria da salgadura de peixe, así como polo privilexio de comerciar con América (cos portos de La Habana, Montevideo e Bos Aires) en 1764. A Coruña converteuse nun activo centro de importacións e reexportacións, destinadas sobre todo á zona de El Plata, que concentrou ata o 75% do comercio exterior galego (1778-1796). Para promover o desenvolvemento do porto e, en xeral, da actividade industrial e mercantil, instituíuse o Real Consulado da Coruña (1785-1829). Malia a súa importancia, o comercio non xerou a creación dunha flota mercante propia, nin un crecemento industrial importante, sobre todo pola competencia introducida despois da liberalización do comercio con América (1778). De xeito paralelo á mellora económica, produciuse un importante aumento da poboación, recollido no Catastro de Ensenada (1752), que rexistrou 2.054 contribuíntes. Na segunda metade do s XVIII acometéronse un conxunto de obras, como a estrada Benavente-A Coruña (1761) e a estrada a Santiago (1764), que permitiu a mellora nas comunicacións. Nos primeiros anos do s XIX, a cidade experimentou importantes transformacións na economía, coa aparición ou o desenvolvemento de industrias como a sombreirería, a cordoería ou a Fábrica de Tabacos.
Conquista e liberación da Coruña
A invasión francesa orixinou na Coruña a creación autónoma da Junta General Provisional (31.5.1808), integrada por 46 veciños, entre os que se incluían algunhas autoridades. Fronte ao baleiro de poder que sucedeu á renuncia dos monarcas e pola dubidosa actitude das autoridades, o presidente da xunta coruñesa, Francisco de Biedma, convocou unha reunión de todas as xuntas de Galicia na Coruña o 5 de xullo de 1808. Desta xuntanza, na que participaron representantes das xuntas de Santiago de Compostela, Betanzos, Lugo, Ourense, Pontevedra e Tui, saíu a constitución dunha Junta de Galicia sometida á Junta Suprema Central. Un corpo do exército inglés, dirixido por Braid, chegou á Coruña en novembro de 1808 co obxecto de unirse ás tropas de Moore, establecido en Salamanca, e facer fronte aos franceses en Astorga. Despois da derrota do exército inglés, Moore decidiu retirarse e dirixiuse cara á Coruña, a onde chegou o 12 de xaneiro, para levar as súas tropas cara a Inglaterra. Ante a imposibilidade de embarcalas, o xeneral Moore decidiu facer fronte aos franceses na cidade e voou a ponte do Burgo para gañar tempo. Na Batalla de Elviña, o 16 de xaneiro de 1809, os franceses situáronse no Peñasquedo mentres os ingleses se distribuían por Mero e Santa Margarida. A superioridade numérica dos franceses e o falecemento sucesivo dos xenerais británicos Braid e Moore, outorgoulles a victoria aos invasores e a cidade rendeuse o 19 de xaneiro de 1809. A Coruña foi ocupada polas tropas do mariscal Soult e impúxose unha nova administración dependente de Xosé I; mentres, as guerrillas populares dificultaban as subministracións e as comunicacións. Os intentos de someter a rexión tiveron pouco éxito e, ante a necesidade de tropas noutras rexións, os franceses abandonaron a cidade o 23 de xuño de 1809, mentres se reconstruía a Junta Superior del Reino de Galicia, presidida polo capitán xeneral Ramón de Castro e sometida á Junta Central.
A configuración administrativa da Coruña
Pola súa condición de cidade de reguengo, durante o Antigo Réxime A Coruña estaba dotada dun concello que só tiña atribucións sobre o recinto da cidade, gobernada por un corrixidor, nomeado polo rei, que exercía a súa xurisdición tamén sobre as parroquias que integran o actual concello. A consecuencia da Constitución proclamada en Cádiz o 19 de marzo de 1812, a corporación municipal da Coruña converteuse en concello constitucional, ao mesmo tempo que se constituíu o de Oza, formado polas parroquias de Elviña, Oza, Viñas e Visma. Ambos estaban adscritos á provincia de Galicia. Despois da derrogación da Constitución polo Rei Fernando VII, en novembro de 1814, produciuse a desaparición do concello de Oza. Durante o Trienio Liberal (1820-1823), rehabilitáronse os concellos constitucionais da Coruña e Oza e creouse a nova provincia da Coruña (1822), pero un segundo decreto do Rei Fernando VII derrogou a Constitución en 1823. Trala morte de Fernando VII (1834) triunfou definitivamente o sistema constitucionalista-liberal e os concellos da Coruña e Oza recuperaron as súas atribucións. O concello de Oza ou Santa María de Oza, incluíu entre 1834 e 1836 tres parroquias que despois pasaron ao concello de Alvedro (Almeiras, O Burgo e Rutis) e perviviu ata o 13 de xullo de 1912, cando se integrou no da Coruña. O novo sistema municipalista supuxo un avance democrático, malia que os seus alcaldes fosen nomeados polo goberno central seguindo os cambios no goberno de Madrid, ata 1917, cando pasaron a ser nomeados polas corporacións municipais. Neste período a burguesía industrial e comercial da cidade dominou a corporación municipal e entre os seus obxetivos destacan: a regulamentación da vida cidadá mediante ordenanzas e a resolución do problema do ensanche da cidade alén do límite das murallas, que foron derrubadas en parte do seu perímetro a partir de 1840.
Absolutistas e liberais na Coruña
O triunfo dos liberais nas Cortes de Cádiz e as incipientes transformacións do país atoparon o seu reflexo na Coruña, onde as ideas progresistas se deron a coñecer desde periódicos e publicacións, e onde se constituíu unha agrupación de carácter masónico, denominada Club de La Esperanza. Entre os seus membros incluíanse destacados burgueses como Marcial de Adalid ou Pedro de Llano, xunto a comerciantes, intelectuais, maxistrados ou militares, como o propio capitán xeneral Lacy. En 1814, tralo restablecemento do absolutismo, iniciouse unha campaña de depuración, tanto na administración coma no exército, dos liberais coruñeses dirixida polo cóengo Diego González Baqueriza e o monxe dominicano Nicolás de Castro. Así mesmo, baixo a dirección do crego Xoán Chacón e de Manuel Martínez, os absolutistas coruñeses emprenderon unha campaña de propaganda antiliberal, dende os púlpitos e a prensa, que contou co apoio do clero e dos fidalgos. Fronte a esta situación produciuse un pronunciamento liberal na Coruña, na noite do 17 ao 18 de setembro de 1815, organizado por burgueses como Sinforiano López e encabezada polo mariscal de campo Juan Díaz Porlier, que logrou facerse co control da cidade e constituír unha xunta. Porlier foi detido o 21 de setembro, de camiño a Santiago de Compostela, e xulgado e axustizado na Coruña o 23 de outubro de 1815. O 21 de febreiro de 1820, a guarnición da Coruña secundou o pronunciamento de Riego (1.1.1820) e constituíu a Junta Superior de Gobierno na cidade, dotada de plenos poderes para o goberno de España ata a constitución das Cortes. Durante o Trienio Liberal (1820-1823), A Coruña nomeou a catro deputados liberais para as Cortes: Xosé Alonso e López, Xosé María Moscoso, Estanislao Peñafiel e o xeneral Quiroga. O Trienio concluíu coa intervención da Santa Alianza que, coa axuda do xeneral Pablo Morrillo Morrillo, cercou a cidade da Coruña e rendeuna o 16 de xullo de 1823. As tropas da Santa Alianza permaneceron na Coruña ata abril de 1825 para garantir a súa fidelidade. Durante a Década Ominosa (1823-1833), a maioría dos elementos liberais da Coruña marcharon ao exilio en Inglaterra, como consecuencia da campaña de depuración do goberno, e en 1824 trasladouse a Santiago de Compostela a sede da capitanía xeneral, para evitar que fose sometida por unha posible sublevación liberal.
A consolidación do liberalismo
Durante a rexencia de María Cristina restaurouse o réxime liberal e a próspera burguesía coruñesa converteu a cidade en firme base do liberalismo, garantíndolle á cidade a capitalidade dunha das catro novas provincias nas que se dividiu o Reino en 1833 e a presenza da deputación provincial. A cidade sumouse ao pronunciamento progresista, promovido por Espartero, contra o goberno moderado o 11 de setembro de 1840 e constituíuse unha Junta Provisional, na que participaron Pedro Andrés Mourín, Vicente Alsina, Santos Allende, Nicolás de Luna e Xoán Francisco Fernández. Malia que fora o movemento xuntista o que impulsou a Espartero ao goberno de España, cando este asumiu a rexencia, suprimiu todas as xuntas provisionais e iniciou un proceso de centralización do poder que contou coa oposición, entre outros, dos progresistas coruñeses. O 12 de xuño de 1843, un novo pronunciamento levou ao poder aos moderados, que constituíron unha nova xunta que defendeu o papel central e dominante da cidade dentro de Galicia. Na Década Moderada (1844-1854) destacou a alcaldía de Xoán Flórez, que durante os seus mandatos (1846-1847 e 1851-1854) emprendeu un labor de mellora e ornamentación da cidade e iniciou as obras dun novo peirao, da praza de touros, do cuartel e do hospital militar. O 23 de xuño de 1854 produciuse o nomeamento na Coruña dunha nova corporación municipal e dunha Junta de Salvación favorable ao novo goberno de Espartero, que volveu ao poder no Bienio Progresista (1854-1856). Durante os anos da Unión Liberal (1856-1868), A Coruña experimentou unha importante reactivación cultural subliñada pola celebración dos Xogos Florais (1861), nos que participaron a meirande parte dos poetas galegos do momento, e a inauguración do Teatro Principal (1867). O 11 de outubro de 1863 foi elixido deputado pola Coruña Bieito Plá e Cancela, logo do retorno dos moderados ao goberno central.
O Sexenio Revolucionario
O 30 de setembro de 1868, A Coruña secundou o pronunciamento de Cádiz (17.9.1868) e constituíuse unha Junta Revolucionaria presidida polo coñecido político republicano Xoán Manuel Pereira. A Junta Revolucionaria destituíu os membros da corporación local e nomeou outra encabezada polo alcalde Xulián Arias Carvajal, que foi anulada polo goberno provisional instalado en Madrid. Das eleccións municipais de decembro de 1868 saíu un goberno integrado por 18 concelleiros monárquicos e 12 republicanos. A aprobación da Constitución de 1869 levou a que tanto os republicanos coma os carlistas coruñeses se manifestasen conxuntamente na Coruña en contra dos progresistas. A inestabilidade xeral manifestouse na cidade nun enfrontamento durante os días 13 e 14 de outubro que comezou cunha manifestación de republicanos en Elviña contra o novo réxime, o que obrigou ao capitán xeneral a decretar o estado de guerra na provincia. Nas seguintes eleccións municipais (1871), os republicanos venceron en todas as seccións da cidade e Federico Tapia foi o primeiro alcalde republicano, quen permaneceu no cargo ata agosto de 1873. Baixo o seu mandato, Amadeo I visitou A Coruña (22.8.1872), onde foi recibido con frialdade pola corporación municipal. A proclamación da Primeira República (11.2.1873) abriu un período no que Luís Tettamancy sucedeu como alcalde a Federico Tapia o 24 de agosto de 1873 e no que se emprenderon diversas medidas e reformas para a mellora da cidade, como o derrubamento das murallas que dificultaban o enlace entre a Cidade Alta e o Ensanche, a organización en barrios do municipio, a creación dunha policía urbana e diversas medidas de control sobre e a calidade dos alimentos. Nas eleccións xerais de maio de 1873 foi elixido deputado pola circunscrición coruñesa o republicano Francisco Teijeiro.
A Restauración: a alternancia monárquica fronte á proposta republicana
O golpe de estado de Pavía inaugurou o período da Restauración (1874-1931), no que os partidos dinásticos, conservador e liberal, alternaron á fronte do concello, aínda que tiveron que cohabitar co núcleo republicano coruñés. Entre os numerosos alcaldes nomeados polo goberno central nesta etapa destacou na década dos setenta Bruno Herce, que realizou a limpeza dos materiais das murallas, o que permitiu a construción das prazas de María Pita, Ourense, Lugo e Pontevedra. Durante a década seguinte, o alcalde Luís Miranda Vázquez levou a cabo a construción do baluarte de San Carlos, mentres que o seu sucesor, Alexandre Brandao, proxectou a traída de augas e inaugurou a liña de ferrocarril A Coruña-Madrid. Na década dos noventa destacou á fronte do concello Xosé Marchessi Dalmau, que rematou a construción da Praza de María Pita, realizou un novo trazado da avenida dos Cantóns, ampliou a traída de augas e iniciou a instalación da luz eléctrica na cidade en dous gobernos entre 1890-1891 e 1893-1894. En marzo de 1893 produciuse un movemento popular de oposición ao intento de trasladar a capitanía xeneral para León e o alcalde Soto González encabezou a Junta de Defensa da Coruña, que adoptou diversas medidas de presión como a supresión de todo tipo de pagamento ou tributo para o Estado. Soto González foi cesado nas súas funcións, pero constituíuse unha nova xunta que entorpeceu o labor municipal e modificou o proxecto de traslado. O republicanismo coruñés, dirixido por Antonio Lens Viera, Santiago Casares Quiroga e, entre outros, Xerardo Abad Conde, acadou a maioría no goberno do concello en 1901 e foi a forza dominante ata 1923; sen embargo, ata 1917 (cando foi elixido alcalde Santiago Casares Paz), só podía exercer o control da cidade a través do poder dos seus concelleiros, xa que o alcalde o impoñía o goberno central, que sempre optaba por un candidato monárquico. O alcalde Francisco Mariño foi elixido por segunda vez en 1904 e acometeu, entre outras medidas, a ampliación do cemiterio municipal, iniciou a construción do Palacio de María Pita e mellorou a iluminación pública e a traída de augas. Sucedeuno no cargo Xoán Sánchez Anido (1906-1908), quen reorganizou a beneficencia municipal e acometeu o recheo gañándolle terreo ao mar na dársena da Mariña. Manuel Casás Fernández, que tomou posesión do cargo en 1916 á fronte dunha corporación municipal republicana, pretendeu transformar a cidade nun centro turístico seguindo o modelo de Santander. En xullo de 1917, Puga Parga foi nomeado alcalde polo goberno central e tivo que enfrontarse cunha folga xeral na Coruña, reflexo da crise do sistema. A corporación municipal respondeu con dureza e suspendeu de emprego e soldo os funcionarios que participaron no paro, mentres o gobernador civil detivo as principais figuras do republicanismo coruñés. A consecuencia destes feitos Puga Parga deixou o posto e accedeu á alcaldía o republicano Santiago Casares, que foi substituído por Xerardo Abad Conde en xaneiro de 1918, o que provocou fortes enfrontamentos locais dentro do movemento republicano co sector de Casares Quiroga. A xestión dos republicanos coruñeses viuse paralizada polo enfrontamento entre as tendencias locais e polo boicot do goberno central, que se negou dun xeito sistemático a ratificar os orzamentos locais. O 1 de outubro de 1923 constituíuse a primeira corporación municipal seguindo o novo modelo imposto por Primo de Rivera; estaba integrada por membros do Centro Maurista e da Cámara de Comercio. O mesmo que os seguintes gobernos municipais, limitaron as súas reunións aos xoves e dedicáronse en exclusiva á xestión do municipio, á marxe do debate político. Sucedéronse á fronte do concello Laureano Martínez Brañas e o contraalmirante Victoriano Suances, que destacou pola dureza coa que reprimiu unha folga de funcionarios municipais. Manuel Casás Fernández, que accedía por segunda vez á alcaldía o 11 de marzo de 1925, realizou unha importante renovación dentro da corporación municipal e integrou entre os seus membros destacados galeguistas como Carré Aldao. Conseguiu o establecemento da Audiencia Territorial de Galicia, da delegación de Facenda, da Casa de Correos, do cárcere provincial e da sucursal do Banco de España. Organizou tamén unha grande homenaxe á figura de Curros, pero tivo que dimitir do seu posto en decembro de 1927 ante o escaso apoio dos concelleiros. Os gobernos municipais que o seguiron, presididos por Xesús Casares Bescansa, Xosé Viñes Gilmet e Maximiliano Linares Rivas, promoveron poucos proxectos e chegouse a paralizar a actividade municipal en 1930, cando os republicanos se negaron a colaborar no goberno da cidade.
Os marxinados do sistema: o movemento obreiro
As primeiras referencias ao obreirismo coruñés datan de 1871; sen embargo, a estruturación do movemento obreiro non se iniciou ata 1881, cando se constituíu a Federación Local Obrera (FLO). Dende ese momento, o movemento obreiro coruñés mantívose dentro da corrente anarquista, que foi predominante ata a Dictadura de Primo de Rivera. En 1891, baixo a dirección de Xosé Rodríguez Iglesias, estableceuse a agrupación socialista da Coruña, que recibiu a visita de Paulo Iglesias en 1892 coa finalidade de consolidala. A primeira folga documentada na Coruña, protagonizada polos peóns que traballaban na construción da igrexa de Santo Andrés, promovérona en xullo de 1882 os anarquistas e os socialistas. Os últimos días do mes de agosto de 1886 produciuse o Motín dos Consumos, un desencadeamento de ira popular motivado pola recarga tributaria que afectaba aos artigos de primeira necesidade. En 1901 tiveron lugar na Coruña os acontecementos de maio, un conflicto iniciado na primavera polos traballadores da compañía arrendataria de consumos, que se estendeu máis tarde aos aforadores e aos volantes dos fielatos. Despois da negativa dos empresarios, que axiña mandaron chamar traballadores foráneos, e da violenta resposta da Garda Civil, que provocou un morto e varios feridos na xornada do 30 de maio, cando os traballadores se manifestaron para protestar pola chegada dos primeiros traballadores andaluces, os sindicatos coruñeses convocaron unha folga xeral para o 31 de maio de 1901. A protesta dos traballadores, que incluía todos os sectores do abundante proletariado urbano, levou á proclamación do estado de guerra na cidade polo capitán xeneral de Galicia, feito que provocou unha sanguenta represión que rematou con oito mortos entre os traballadores, entre eles catro mulleres. A conflictividade laboral estendeuse tamén aos principais grupos de traballadoras, como as peixeiras, que protagonizaron unha folga en 1903; as tecedeiras, que orixinaron unha importante folga en xuño de 1908; e as cigarreiras, que non se organizaron en sindicatos ata 1916. A Folga Xeral Revolucionaria de 1917 na Coruña, que en teoría tivo a súa orixe no despido dun empregado do hospital municipal, realizouse sen alteracións considerables da orde pública; sen embargo, a resposta do alcalde, Manuel Puga Parga, e mais do goberno civil foi excesiva, tanto no militar coma nas medidas sancionadoras. Non obstante , malia a actividade sindical, a presenza de representantes obreiros no concello foi excepcional. Dende 1901, cando se presentou por primeira vez Xosé Rodríguez, ata 1923, os socialistas só conseguiron un concelleiro en 1913, Fernando Cortés Bugía, quen renunciou aos sete días debido á incompatibilidade coas súas funcións de director da Escola de Artes e Oficios da Coruña e o seu traballo en La Voz de Galicia. Así mesmo, durante eses anos, destacaron Xosé Mosquera Bello e Xaime Baella, líderes do anarquismo coruñés que se mantivo sempre á marxe das institucións locais. Os movementos sindicais coruñeses sufriron as consecuencias da dictadura de Primo de Rivera de xeitos distintos: a FLO foi declarada ilegal e sufriu unha dura represión e a UGT aceptou a colaboración coa dictadura, polo que incrementou o numero de afiliados nos primeiros anos. Non obstante , en setembro de 1930, cando a crise da Dictadura era evidente, a FLO organizaba na Coruña o Congreso Nacional Anarquista (CNA) e, baixo a dirección de Xosé Villaverde, liderou numerosas folgas, que se sucederon durante 1930 con especial incidencia no sector da construción. Paralelamente a esta actividade sindical e política, desenvolveuse unha intensa tarefa divulgadora protagonizada polos ateneos obreiros e a prensa sindical.
O agromar do galeguismo na Coruña
Nos últimos anos do s XIX e primeiros do XX, A Coruña constituíuse na vangarda do rexionalismo galego liberal grazas á actividade do grupo da Cova Céltica (integrado, entre outros, por Manuel Murguía, Eduardo Pondal, Andrés Martínez Salazar, Galo Salinas, Francisco Tettamancy, Eladio Rodríguez González e Manuel Lugrís Freire), que se reunía na Librería Regional, propiedade de Uxío Carré Aldao. Así, as primeiras editoriais de carácter rexionalista (Librería Gallega de Carré e Biblioteca Gallega de Martínez de Salazar e Fernández Latorre), xurdiron neste contexto. En 1893, os rexionalistas coruñeses lograron capitalizar a Junta de Defensa de Galicia, instituída para evitar o traslado da capitanía xeneral da Coruña a León, que presentaron como unha ofensa non só á Coruña senón a toda Galicia. Co traslado de Murguía á Coruña por motivos profesionais en 1894, impulsáronse algunhas das iniciativas máis salientables do ámbito cultural galego: a Revista Gallega (1895-1907), voceiro oficial do grupo e dirixida por Galo Salinas, a creación da Escola Rexional de Declamación (1903) ou a erección do monumento aos mártires de Carral (1904). Así mesmo, este dinamismo cultural tivo a súa importancia política: en 1897 fundouse a Liga Galega da Coruña, organización que tiña por obxecto a defensa dos intereses morais, materiais, políticos, económicos e sociais de Galicia. Ademais, deste núcleo rexionalista xurdiu o sector máis influente dos membros fundadores da Real Academia Galega, que iniciou a súa actividade na rúa Rego da Auga en 1906. Solidaridad Gallega, constituída na Coruña no verán de 1907 por republicanos, rexionalistas e tradicionalistas, acadaba a súa maior victoria electoral na cidade herculina, onde obtivo seis concelleiros dos trece que estaban en disputa nas eleccións municipais de 1909. Así mesmo, entre 1907 e 1908, Uxío Carré editou na Coruña A Nosa Terra, voceiro da Sociedade Galega. A Irmandade de Amigos da Fala, primeira organización política nacionalista, fundouse o 18 de maio de 1916 no local da Real Academia Galega. Nos comicios celebrados en febreiro de 1920 obtivo acta de concelleiro Lois Peña Novo, quen concorrera na lista das Irmandades da Fala, e o 22 de febreiro de 1923 (seis meses antes de abandonar o cargo) era designado tenente de alcalde da Coruña.
A Segunda República e a sublevación militar de 1936
En setembro de 1929, Antón Vilar Ponte e a plana maior das Irmandades da Fala da Coruña confluíron con Santiago Casares Quiroga, Salvador Madariaga e os seus seguidores para constituír na Coruña a Organización Republicana Gallega Autónoma (ORGA), que concorreu por primeira vez a unhas eleccións en 1931. Nas eleccións municipais da Coruña, celebradas o 12 de abril de 1931, as candidaturas republicanas acadaron 34 concelleiros (11 concelleiros a ORGA, 9 os radicais-so-cialistas, 9 os republicanos independentes, 3 os radicais, 1 a Federación de Izquierda e 1 os socialistas), fronte aos 5 dos monárquicos. A primeira corporación municipal estivo presidida por Antonio Lens Viera, substituído aos poucos días por Anxo Senra Fernández, quen abandonou o cargo meses despois. O goberno de Xoán González Rodríguez centrouse na promulgación de medidas antirrelixiosas e o de Manuel Iglesias Corral, o seu sucesor, na defensa da capitalidade da Coruña, feito que fixo que abandonase as reunións convocadas co obxecto de establecer o Estatuto de Galicia. O movemento obreiro coruñes durante a Segunda República estivo dividido entre o sindicato ácrata da FLO/CNT e a UGT. Na FLO podíanse distinguir dous grupos, un dirixido por Xosé Villaverde e marcado polo seu carácter moderado, que foi perdendo poder fronte a un segundo grupo composto por elementos da FAI, ata que en 1932 Villaverde dimitiu e fundou unha sección do Partido Sindicalista na Coruña. A FLO coruñesa emprendeu un proceso de radicalización marcada por repetidas mobilizacións, entre as que tiveron especial resonancia a folga xeral de maio e a do 8 de decembro de 1933. Durante esta protesta producíronse unha serie de atentados anarquistas que contribuíron á crispación política, como a explosión de bombas no Café Iberia, asalto ao autobús de liña regular a Carballo e ao cuartel da Garda Civil de Oleiros, voadura dos transformadores da subministración eléctrica e a queima de igrexas. A UGT estaba moito menos implantada como sindicato na Coruña, pero despois da victoria electoral da dereita nas eleccións do 1933, participaron de xeito conxunto na folga xeral revolucionaria de outubro de 1934. Entre os membros da UGT destacou o tesoureiro Xulio Sabio. De entre os alcaldes que gobernaron a cidade durante a República, cómpre salientar a figura de Alfredo Suárez Ferrín, do Partido Radical-Socialista, que adoptou medidas esquerdistas ata a sublevación militar protagonizada polo coronel Martín Alonso, peza clave na conspiración que desembocou na sublevación de 1936 na Coruña e representante do Movimiento Nacional. Os militares iniciaron o golpe o día 20 de xullo co bombardeo do Goberno Civil e obrigaron ao gobernador Pérez Carballo a entregarse. Os republicanos retiráronse cara ao monte de Santa Margarida e, malia a chegada dos mineiros de Viveiro e Lousame o 21 de xullo, a oficialidade favorable á sublevación militar fíxose co control da situación o 24 de xullo de 1936. Posteriormente, iniciouse un período de depuracións e execucións de membros dos partidos da esquerda e da Fronte Popular, entre as que destaca o fusilamento do alcalde Suárez Ferrín e do gobernador civil Alfredo Pérez Carballo.
O franquismo
Trala victoria das forzas sublevadas, entre o 20 de xullo de 1936 e o 11 de outubro de 1939, sucedéronse na Coruña cinco alcaldes que a penas deixaron pegada, pois as sesións de goberno estaban reducidas á mínima expresión e os órganos de administración gozaban de escasa autonomía. Dende o primeiro momento da sublevación, a oligarquía coruñesa (Pedro Barrié de la Maza, Alfonso Molina, Fernando Álvarez de Sotomayor, etc) apoiou decididamente a Franco; foi deste grupo de onde partiu a idea de lle ceder ao xeneral as torres de Meirás, situadas en Sada. José Pérez Ardá, destacado militante da CEDA na Segunda República, chegou á alcaldía en outubro do 1939 co obxecto de desenvolver o ideario político franquista no seo da sociedade coruñesa; do seu primeiro mandato é a construción do estadio de Riazor, onde se realizaron todas as diversións autorizadas na cidade. A chegada á alcaldía do enxeñeiro Alfonso Molina (1947-1958), personaxe de carácter populista que contaba coa confianza persoal de Franco, supuxo un cambio profundo na xestión municipal e definiu boa parte dos planos para o futuro urbanístico da cidade. Emprendeu a reparación das rúas coruñesas e a reforma dos Cantóns e dos xardíns de Méndez Núñez, xunto coa adecuación das praias de Riazor e do Orzán. Sucedeuno no cargo Sergio Peñamaría de Llano (1959-1963), quen acometeu a canalización dos sumidoiros e da traída de augas, iniciou a construción das vivendas protexidas de Labañou, conseguiu a instalación de Petroliber (Refinería de Petroleos), no val de Bens, e inaugurou o aeroporto de Alvedro. Entre o 1957 e 1964 acometeuse unha modernización da industria, baseada na creación dun Polo de Desenvolvemento Industrial que se orixinou ao redor do complexo industrial da Grela, onde se asentaron as primitivas industrias pesadas de aluminios, siderometalúrxicas e electrodos coa financiación do Grupo Pastor e a enerxía de FENOSA. O asentamento na cidade de novas empresas na década dos anos sesenta estimulou o seu crecemento e produciuse un proceso de urbanización e metropolización paralelo. Ao abeiro destas empresas e doutras, como Pebsa, Santa Bárbara ou Tabacalera, reintroduciuse o sindicalismo obreiro, que promoveu varias mobilizacións no tardofranquismo. Os dirixentes obreiros que destacaron nesta etapa foron, entre outros, Guillermo Díaz, Roberto Liñares, Porto, Nicasio Mouzón e Pilar Valiño, vinculados ao Partido Comunista e ás Comisións Obreiras. Durante o terceiro mandato de Pérez Ardá (1969-1974) construíuse a estación de Autobuses e o Paseo do Dique de Abrigo, creouse tamén o Colexio Universitario da Coruña e favoreceuse a construción da Presa de Cecebre. Jaime Hervada, o seu sucesor e derradeiro alcalde nomeado durante o franquismo, mantívose no cargo nos primeiros meses da Transición ata xaneiro de 1976. Os primeiros gobernos municipais da Transición estiveron presididos por José Manuel Liaño Flores (1976-1979) e por Tapia, durante uns meses no ano 1978. O acontecemento máis destacado deses anos foi o embarrancamento e posterior afundimento do petroleiro Urquiola, en maio de 1976, fronte a ría da Coruña, que derramou 100.000 toneladas de cru e afectou as rías de Ferrol, Ares e A Coruña.
A recuperación da democracia
Tralas primeiras eleccións municipais de 1979, un acordo dos partidos inscritos no marco do proceso de negociación do Estatuto de Autonomía para Galicia, levou á alcaldía a Domingos Merino Mejuto, de Unidade Galega, quen tomou posesión do cargo o 19 de abril de 1979. O seu mandato estivo marcado pola recuperación da democracia no goberno municipal, tanto na forma de xestionalo coma polo incremento da participación cidadá na vida política do concello, e polo control do gasto público. Así mesmo, promovéronse medidas que fomentasen a galeguización da vida pública e o acceso á cultura: creación de numerosos postos escolares, apoio ao teatro galego e ás actividades culturais, etc. Non obstante , o mandato de Merino estivo marcado polas tensións políticas derivadas do proceso autonómico, que na Coruña se manifestaron baixo a forma de loita pola capitalidade. Dende o 27 de abril de 1979, data da primeira manifestación en demanda da capitalidade autonómica para A Coruña convocada polos Amigos de La Coruña de José González Dopeso, sucedéronse numerosas mobilizacións nas que tamén destacaron políticos, como Meilán Gil ou Francisco Vázquez, e formacións políticas, como Alianza Popular (AP), Unión de Centro Democrático (UCD) ou Independientes en Defensa de la Capitalidad. Neste contexto, Merino presentou a súa dimisión en marzo de 1981; sucedeuno Joaquín López Menéndez, un político procedente da UCD que se puxo á fronte do colectivo La Coruña Unida, que o levou á alcaldía. Durante o seu mandato continuaron as manifestacións a prol da capitalidade, a última en xuño de 1982, un mes antes da fixación por lei das sedes das institucións autonómicas en Santiago de Compostela. Os días 25 e 26 de setembro de 1982, no transcurso dunha Asemblea celebrada no pavillón de Riazor, fundábase o Bloque Nacionalista Galego. Francisco Vázquez, que soubo aproveitar o coruñesismo latente nesas mobilizacións en beneficio do Partido Socialista Obrero Español (PSOE), acadou o goberno da cidade logo de obter a maioría absoluta nas eleccións celebradas o 23 de maio de 1983, renovado tamén por maioría absoluta nas convocatorias de 1987, 1991, 1995 e 1999. Dende o primeiro momento emprendeu unha política que combinou as actuacións urbanas (realización de numerosos programas de acondicionamento do centro da cidade e ordenación do crecemento fóra da península) coa dotación de servizos culturais, como a Domus-Casa do Home, a Casa das Ciencias (que inclúe un Planetario), o Auditorio ou o Aquarium Finisterrae, que permitiron unha axeitada proxección exterior da imaxe da Coruña. Durante os seus anos de goberno produciuse tamén a apertura na cidade das grandes áreas comerciais, como El Corte Inglés, Continente e Alcampo; a recuperación do tranvía; a creación da Universidade da Coruña en 1990 por segregación da Universidade de Santiago de Compostela; e o establecemento de Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. Tamén durante este período se produciron novos desastres ecolóxicos. O primeiro en decembro de 1992, cando o buque grego Aegean Sea encallou xunto á torre de Hércules e derramou ao redor de 80.000 toneladas de petróleo nas costas coruñesas. O seguinte tivo lugar en setembro de 1996, cando 200 toneladas de lixo se precipitaron ao mar dende o vertedoiro de Bens; a consecuencia dese desastre o concello emprendeu un plan de selado e recuperación do vertedoiro que permitiu a inauguración o 5 de xullo do 2001 do Parque de Bens, o maior parque urbano de Galicia. Ademais das melloras urbanísticas, na década dos noventa inaugurouse a circunvalación da Coruña e realizáronse melloras nas comunicacións co exterior (ampliación de Alvedro e do porto, Autovía do Noroeste A-6, autoestrada AG-55, etc). Aínda que o número de votantes diminuí, nas eleccións de 2003 Francisco Vázquez volveu a ser elixido alcalde por unha maioría absoluta moi axustada. Nomeado embaixador no Vaticano en 2006, sucedeuno na alcaldía Javier Losada quen, nas novas eleccións de 2007, a pesar de perder a maioría absoluta foi elixido alcalde.
Patrimonio cultural
O asentamento da cidade sobre unha península unida á costa por un estreito istmo condicionou, dende a súa fundación, a morfoloxía urbana. A función da cidade como sede de institucións administrativas de carácter rexional, provincial e local durante a Idade Media e Contemporánea, trouxo consigo a necesidade de construír edificios para acoller estas sedes, que se uniron aos conventos e templos erixidos entre os ss XIII e XVIII. A maior parte das construcións con valor histórico-artístico da cidade concéntranse en tres zonas: a Cidade Vella ou Cidade Alta, o barrio da Pescadería e a zona do Ensanche. Debido ao forte crecemento experimentado a partir de 1860, o patrimonio arquitectónico viuse sometido a un forte proceso de destrucción por mor da especulación inmobiliaria, que se agudizou a partir de 1959 coa demolición tanto de construcións públicas coma privadas, entre outras o palacio do Marqués de Almeiras, o Hospital da Caridade, os cuarteis de Zalaeta e a igrexa dos Xesuítas. Os restos máis antigos da presenza humana que se conservan son os castros de Elviña e Nostián. No primeiro deles, que está en proceso de converterse en parque arqueolóxico, localizouse un pequeno templo. Da época romana consérvase no extremo norte da península a torre de Hércules, declarada BIC en 1931. Construída entre finais do s I e comezos do s II d C polo arquitecto de Coimbra Caio Sevio Lupo, presenta o aspecto que en 1791 lle outorgou a reforma dos enxeñeiros E. Giannini, autor dos planos, e J. Elejalde. No seu contorno dispúxose nos anos 90 un parque escultórico con figuras que representan as orixes lendarias da torre e da cidade; entre outras destacan Ártabros, de Arturo Andrade, Breogán, de Xosé Cid, Caronte, de Ramón Conde, Hércules e Xerión, de Tim Behrens e José Espora, e o bosque de menhires de Manolo Paz.
A Cidade Vella
Sitúase na zona sur da península, no lugar onde se produciu a refundación da cidade en tempos de Afonso IX (1208). Ata a demolición das murallas a mediados do s XIX, a entrada principal da vila situouse na Porta Real. Dende alí, ascéndese cara á igrexa de Santiago, declarada BIC en 1972, que recibía os peregrinos que dende o N de Europa arribaban ao porto da Coruña para chegar ata Compostela seguindo a ruta das vías marítimas. De orixe románica, só conserva as ábsidas e as portadas lateral e principal, xa que foi reformada entre os ss XV e XVII. No adro da igrexa reuníase o concello da cidade. Tamén románica é a igrexa de Santa María do Campo, declarada BIC en 1931. Non se conservan documentos históricos que determinen a súa data de fundación, o primeiro documento que a menciona é de 1218. No 1441, o arcebispo Lope de Mendoza converteuna en colexiata. Trala modificación do s XIV, que engadiu as naves laterais, e o adiantamento da fachada en 1889, presenta tres naves cubertas con bóvedas de canón e unha ábsida semicircular cuberta cunha bóveda de cuarto de esfera. Na fachada principal destacan as dúas torres que a flanquean e o relevo da Adoración dos Magos. Na portada N, ou portada de Santa Catarina, represéntase o martirio da santa, e na do S o apóstolo Santiago. Pegada á cabeceira localízase a capela barroca da Virxe da Estrela. O Museo de Arte Sacra da colexiata, inaugurado en 1990, mostra unha colección de ourivería. A chegada das ordes mendicantes á cidade durante o s XIII trouxo consigo a fundación dos conventos dos franciscanos e dos dominicanos, e a integración na orde das clarisas do beaterio de Santa Bárbara. A igrexa dominicana de San Francisco, declarada BIC en 1939, trasladouse en 1963 ás inmediacións do monte de Santa Margarida, e os cimentos quedaron no seu lugar primitivo. Trátase dunha mostra de arquitectura gótica mendicante con planta de cruz latina cunha soa nave e tres ábsidas cubertas por bóvedas de crucería. O exterior amosa a articulación interior do templo. Mantense na súa primitiva localización a capela da Orde Terceira (1743), erixida segundo os planos de Simón Rodríguez e na que traballou posteriormente o mestre Xosé Vidal; no interior destaca o retablo maior coa imaxe de Cristo abrazando a san Francisco de Xosé Ferreiro. Formando praza con ela está o Museo Militar Rexional, que conserva armas, bandeiras, uniformes e outros elementos relacionados co exército, e no que destaca a maqueta da Batalla de Elviña. Detrás del esténdense os xardíns que comunican co rectorado da Universidade, antigo edificio da Real Maestranza de Artillería proxectado polo enxeñeiro Baltasar Ricaud (1775) e transformado por Gustavo Díaz para acoller as dependencias universitarias, no que destaca a fachada acristalada do paraninfo. Á outra beira da rúa localízase a cabeceira da igrexa de San Domingos, templo barroco trazado e edificado polo dominicano frei Manuel de los Mártires (1762), que acolle a capela de Nosa Señora do Rosario, patrona da cidade. Polo S e a escuadro coa igrexa e co convento dos dominicanos sitúase a casa da Moeda (1662), que acolle instalacións militares, e na que destaca a fachada de cantería. Pegado ao lado N das instalacións dominicanas, sitúase o convento das clarisas de Santa Bárbara, orixinario do s XIII e reformado nos ss XVII e XVIII. Conserva no vestíbulo un relevo coas imaxes da Virxe e o Neno, santa Bárbara e santa Catarina, e outro na fachada coa representación do Xuízo Final e san Francisco. A segunda metade do s XVIII deixou na Cidade Vella unha profunda pegada. No eido da arquitectura privada destacan na rúa Tabernas o palacio da Condesa de Pardo Bazán, sede da Real Academia Galega, no que se conserva a casa-museo da escritora, inaugurada en 1979 polos reis de España, e o palacio neoclásico do marqués de San Martín de Hombreiro. Do mesmo estilo é a casa-pazo de Cornide, onde viviu o ilustrado Xosé Andrés Cornide Saavedra. Edificouna o enxeñeiro Francisco Llovet (1750-1760); no escudo que serve de remate á cornixa apréciase aínda a influencia rococó. Ao seu carón erixiuse o edificio da Veeduría, sede do Goberno Militar, reformado en 1758 polo enxeñeiro Antonio Gaver, para acoller a Intendencia. Pertenceu aos marqueses de Camarasa e alí hospedouse Carlos I en 1520, cando celebrou as Cortes na cidade. A escasa distancia da súa fachada S, esténdese a praza de Azcárraga, antiga praza da Fariña, centrada pola fonte do Desexo, fundida en Francia (1866). Este foro, no que ata 1836 estiveron as Casas Consistoriais, foi ordenado definitivamente polo arquitecto municipal Pedro Mariño y Ortega (1896). Nun plano inferior comunica coa praza da Constitución, que se abre ante o pazo da Capitanía Xeneral, construído segundo os planos do enxeñeiro militar Juan Vergel (1748-1753). Ideado como vivenda do capitán xeneral e sede da Audiencia, organízase arredor dun patio central. No exterior, destaca a coroación da fachada cun tímpano co escudo real; sen embargo, non conta cunha porta central. A muralla medieval que rodeaba a cidade vella tiña catro portas: a Porta Real ou da cidade, a de Aires, a de Parrote e a de san Francisco. A muralla menor que se estendía pola Pescadería e unía a zona do Orzán e do porto, tiña dúas portas: a da Torre e a do Orzán. Consérvanse os tramos que limitan o antigo Hospital Militar, a Maestranza de Artillería e outras instalacións militares ata a rúa Veramar. O castelo de Santo Antón (1588), declarado BIC en 1994, é un forte asentado sobre un antigo illote onde se situaba unha ermida dedicada a santo Antón que se derrubou para construír a fortificación. Acolle o Museo Arqueolóxico e Histórico que conserva algunhas das súas primitivas dependencias, entre elas a cociña, o posto de garda e os calabozos. Cara á baía está o xardín de San Carlos, antiga fortaleza da cidade que custodia no seu interior o mausoleo do xeneral inglés John Moore. O Arquivo do Reino de Galicia, edificio historicista dos anos cincuenta, sérvelle de peche por un dos seus lados. A zona comprendida entre o paseo de Parrote e a Capitanía está protexida por un baluarte e un lenzo da muralla no que se abren as portas abertas no s XVII: a do Clavo e a do Parrote (1676). As murallas, coas súas portas, e o xardín de San Carlos, foron declarados BIC en 1944.
O barrio da Pescadería
Separado da cidade alta polo espazo baleiro que presentan diante as fortificacións, xurdiu a finais do s XIII, pero acadou a súa fisonomía definitiva durante os ss XVIII e XIX, aínda que ao longo do s XX experimentou notables alteracións. Tralo derrubamento da muralla, o seu glacis foi ocupado pola praza porticada de María Pita, concibida por Faustino Domínguez Domínguez (1859). Nela érguese a casa do concello (1908-1913), edificio de estilo ecléctico-historicista de Pedro Mariño y Ortega, que acolle tamén o Museo Reloxos, baseado na colección doada por Antonio Ríos Mosquera en 1972. No exterior destacan as catro esculturas que representan as catro provincias galegas. Os alzados interiores dos edificios da praza trazounos Juan de Ciórraga y Fernández de la Bastida. Nas súas proximidades erixiuse a igrexa de San Xurxo, proxectada por Domingo de Andrade (1693) e continuada baixo a dirección de Fernando de Casas (1737). O trazado da fachada atribúeselle a Clemente Fernández Sarela (1766), e está articulada mediante solemnes columnas toscanas. En 1863 a igrexa cambiou de lugar e no espazo que ocupaba construíuse o Teatro Rosalía de Castro. Preto dela localízase a igrexa de San Nicolao, reconstruída case por completo por Xosé Martínez Celis e Alberte Ruibal (1740) segundo os planos de Simón Rodríguez; trátase dun templo de nave única. A fachada realizouna Faustino Domínguez Domínguez. Entre ambos os templos aséntase o mercado de Santo Agostiño, obra de Santiago Rey Pedreira e Antonio Tenreiro. Adscrito ao racionalismo, consta de soto e planta e está dotado dunha bóveda de formigón armado de 32 m de amplitude. Nesta mesma zona, na rúa Panadeiras, sitúase a igrexa das Capuchinas, trazada por Fernando de Casas (1715) e na que destaca a fachada. A antiga parte habitacional do convento integrouse no moderno edificio do Museo de Belas Artes, obra de Gallego Jorreto. No desenvolvemento urbano foron fundamentais as obras executadas en estilo neoclásico polo primeiro arquitecto municipal da cidade, Fernando Domínguez Romay, baixo o impulso da Ilustración borbónica. Entre elas destacan o edificio do Real Consulado, sede da Real Academia de Bellas Artes Nuestra Señora del Rosario que acolleu ata o seu traslado o Museo de Belas Artes, e inmediato ás Capuchinas, a Aduana Marítima, sede da subdelegación do Goberno (1780). Deseñou igualmente as fontes de Neptuno e da Fama (1791), que centran as prazas de Santa Catalina e de Santo Andrés. A Aduana supuxo a continuación do proxecto de Pedro Martín Cermeño García de Paredes, arquitecto e capitán xeneral do Reino de Galicia, de construír unha fronte marítima homoxénea para a cidade, no que eran pezas fundamentais as clasicistas casas de Paredes, declaradas BIC en 1982. Ata a construción do Teatro Rosalía Castro (1838-1841), antigo Teatro Principal no que traballara o arquitecto municipal Xosé María Noia, non se continuou a harmonización deste frontón da Pescadería. Un incendio en 1867 obrigou á súa reconstrución, seguindo os planos de Faustino Domínguez Coumes-Gay (1870). Trátase dun teatro de tipo italiano cunha planta en forma de ferradura e que no interior conserva a decoración pictórica do escenógrafo italiano Eusebio Lucini. Restaurado por Manuel Gallego Jorreto, converteuse no elemento de transición entre as fachadas pétreas das casas de Paredes e as galerías acristaladas da Mariña, que separan a Dársena da rúa Rego de Auga e da praza de María Pita. O forte crecemento demográfico da cidade determinou dende 1860 a necesidade de anchear a zona urbana, que viña medrando de forma espontánea. Así, acometeuse o recheo do mar en varias etapas, que permitiu a construción dos xardíns de Méndez Núñez, da avenida da Mariña e do porto. Sobre o recheo construíronse en estilo modernista A Terraza (1921) de Antonio de Mesa, sede de Radio Televisión Española (RTVE), o Kiosko Afonso (1926) de Rafael Gómez Villar e rehabilitado por Xosé Manuel Casabella López entre 1980 e 1984; e, en estilo racionalista, a Atalaia (1933), sede da Biblioteca Pública, de Antonio Tenreiro, e o edificio de Correos (1931), de Joaquín Otamendi. Despois da Guerra Civil construíronse o Teatro Colón (1948) e a comandancia de Mariña. Nos xardíns de Méndez Núñez destaca o monumento a Curros Enríquez esculpido por Asorey (1934), fronte ao que se ergue a estatua dedicada ao deputado Daniel Carballo. Eríxense tamén estatuas, bustos e monolitos dedicados, entre outros, a Concepción Arenal, Emilia Pardo Bazán, Castelao, Suárez Ferrín, Pondal, Valle-Inclán, Manuel Murguía, Fernández Flórez e Xoán Fernández Latorre. A Rosaleda organízase arredor do obelisco erixido na honra de Aureliano Linares Rivas. As rúas de Sánchez Bregua e os Cantóns, que discorren ao longo dos xardíns, presentan na súa parte edificada construcións dos anos vinte e trinta, entre os que se intercalan as máis recentes realizacións: o Banco Pastor (1922-1925) de Antonio Tenreiro e Peregrín Estellés, no que se seguiron as directrices ascensionais dos rañaceos da escola de Chicago; a Fundación Pedro Barrié de la Maza, obra de Ramón Vázquez Molezún, Salvador Molezún e Merino Molezún; o edificio de Caixa Galicia, deseñado por N. Grimshaw; o Banco Santander Central Hispano (BSCH), de 1925, de Rodríguez Losada; e a Fundación ONCE. O racionalista Cine Avenida, de Rafael González Villar (1937), acusa a influencia da Art Déco e da arquitectura alemana. Concíbese a planta baixa como prolongación da rúa a través dunha galería comercial. Situado na confluencia dos Cantóns coa rúa Nova e a avenida da Marina, está o obelisco a Linares Rivas.
O Ensanche/
O desenvolvemento planificado do Ensanche iniciouse co anteproxecto do arquitecto Juan de Ciórraga Fernández de la Bastida (1879), destinado a proporcionar vivendas a 9.000 habitantes. En 1883 aprobouse o proxecto dos enxeñeiros Álvarez Cascos e Roldán Vizcaíno, que dirixiu o mesmo Ciórraga. O segundo ensanche (1910) seguiu o plano de Pedro Mariño e de Emilio Pan de Soraluce. Situada na rúa do mesmo nome, a igrexa de Santo Andrés, é froito deste pulo modernizador. O templo, construído por Faustino Domínguez Coumes-Gay (1881-1890), é parroquia castrense. Do mesmo arquitecto son o instituto de bacharelato (1889), cunha fachada articulada en tres corpos con tres alturas e rematado nun pequeno campanario, e as escolas da Guarda (1898), onde os tres corpos que compoñen o edificio se unen por un corredor; os dous edificios construíronse baixo o padroado de Eusebio da Guarda na praza de Pontevedra. O palacio de Xustiza, sede do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, situado na praza de Galicia, foi proxectado por Julio Galán e Ricardo Boán (1908) e iniciado en 1928. Na mesma praza érguese o edificio Cortés (1918) de Rodríguez Losada e a igrexa de Santa Lucía. De tempos da dictadura do xeneral Primo de Rivera datan o palacete do Banco de España, obra de J. de Astiz (1922) e reformado por Romualdo Madariaga (1934). Xa na rúa Juan Flórez están as Escolas Labaca (1910), de Leoncio Bescansa e ampliadas por Joaquín Fernández Madrid na década de 1980. Os edificios privados son un expoñente da prosperidade da burguesía coruñesa anterior á Guerra Civil. Aínda dentro do eclecticismo, destaca o nº 1 da rúa Sánchez Bregua, obra de Faustino Domínguez. A arquitectura modernista, o estilo máis representativo deste grupo social, seguiu o modelo austríaco, austero, rectilíneo, bidimensional e coa ornamentación contida de carácter predominantemente abstracto e marcando as liñas-forza da construción. Entre outras destacan o nº22 da praza de Lugo (1910) de Julio Galán Carvajal, a casa Tejero (1921) de Antonio de Mesa, e a casa Arambillet (1913) de Antonio López Hernández, ambas na mesma praza. En 1921 concibiuse nas inmediacións da praia de Riazor a Cidade Xardín, planificada por Eduardo Rodríguez Losada. Entendida como a conxunción da vida na cidade coa vida do campo, integrouse posteriormente no tecido urbano. Nela construíronse casas unifamiliares de gran prestancia entre as que destaca a Vila Molina. O mesmo modelo empregouse no proxecto da Cidade Satélite situado na península da Torre pero que non se chegou a construír.
O moderno equipamento urbano e a arquitectura industrial
Entre as edificacións de equipamento público destacan, entre outras: o Estadio Municipal de Riazor, realizado por Santiago Rey Pedreira en 1939 pero transformado co paso do tempo; a Casa das Ciencias (1985), o museo interactivo de divulgación científica, situado no alto do parque de Santa Margarida, nun palacete inacabado dos anos cincuenta que Felipe Peña culminou cunha gran cúpula branca; o Palacio da Ópera sitúase aos pés deste xardín, dende o que descende unha fervenza artificial; edificado durante os primeiros anos noventa, recuperou o estilo toscano e combinou amplas zonas acristaladas con elementos de aglomerado; o edificio dos Xulgados (1990), de Xosé Bar Boo, destaca polo emprego de granito sen desbastar para recubrir a fachada; e a Domus-Casa do Home (1995), o museo interactivo aberto ao paseo marítimo, co que o arquitecto xaponés Arata Isozaki completou a oferta de museos científicos da cidade. Na escaleira de entrada destaca unha estatua de Fernando Botero que representa a un guerreiro. Ao final da avenida de Arteixo ten a súa sede o Museo Éléctrico Unión Fenosa, de carácter científico e histórico, e o Museo de Arte Contemporánea Unión Fenosa (MACUF), formado a partir dos fondos adquiridos nas convocatorias da Mostra Unión Fenosa. Fóra xa da zona urbana sobresaen dous edificios de carácter industrial de Andrés Fernández-Albalat, situados á beira da avenida de Alfonso Molina: a fábrica de Coca-Cola (1962) e a SEAT (1965), nos que se combinou o uso do aceiro e o aluminio coas grandes superficies acristaladas. En Elviña xurdiu nas derradeiras décadas do s XX un novo espazo no que cómpre distinguir, dunha banda os diferentes edificios que compoñen o campus universitario, e doutra o Coliseum, edificio de espectáculos de planta circular, no que se acudiu ao emprego do aceiro e do cristal, para manifestar a súa estrutura cara ao exterior. Nos últimos anos do s XX realizáronse diversos monumentos de carácter público entre os que destacan ao dedicado aos Surfistas, de José Castiñeiras Iglesias, á Cigarreira, de María Jesús Urgoiti, á Paternidade, de Ramón Conde, a praza Atlántica, de Acisclo Manzano, o conxunto da avenida dos Caídos, de Marta G. Villar e o monumento a Paulo Iglesias, na praza do mesmo nome. Cómpre destacar o Obelisco Millenium no Paseo Marítimo, inaugurado co cambio de século. Entre as festas que teñen lugar no concello destacan as de María Pita, no mes de agosto; as de Nosa Señora do Rosario, o 7 de outubro; as de Nosa Señora do Carme, o 16 de xullo; as dos Remedios e do Sacramento, o 8 de setembro; a romaría do parque de Santa Margarida, o derradeiro domingo de agosto; a romaría de San Nicolao, o venres anterior ao domingo de Ramos; e as fogueiras de San Xoán, o 23 de xuño.
Datos de poboación (2007)
| Provincia | A CORUÑA |
|---|---|
| Comarca | Coruña, A |
| Extensión | 37 Km2 |
| Poboación Total | 244388 h |
| Poboación Homes | 11383 h |
| Poboación Mulleres | 130558 h |
| Densidade de poboación | 6605.08 h/Km2 |
Parroquias
| Coruña, a |
| Elviña |
| Oza |
| San Cristovo das Viñas |
| Visma |