corvo

corvo

(< lat corvu)

  1. [ANIMAL/ORNIT]
    1. s m

      Ave do xénero Corvus, da familia dos córvidos, de aspecto groso, peteiro forte e máis longo ca o resto da cabeza, e plumaxe negra con irisacións. Son animais intelixentes, nos que son comúns os xogos -con pedras ou paos que se pasan uns aos outros- e con gran capacidade para aprender e, polo tanto, para aproveitar recursos ou situacións ambientais novas. Aliméntanse tanto de pequenos animais que capturan eles mesmos coma de prea ou de sementes e froitos. Manipulan con facilidade o alimento, coas patas e o peteiro, e, ás veces, agachan parte del coa intención de recuperalo en épocas de escaseza. Emiten voces graves. Os dous sexos teñen un aspecto similar e forman parellas de por vida; estas defenden, na época de cría, un territorio no que se enfrontan a outros corvos ou a aves rapaces de moito maior tamaño ca eles.

    2. corvo común [port: gralha-preta; cast: corneja común; ingl: carrion crow] [Corvus corone, Fam dos córvidos]

      Corvo de 47 cm de lonxitude, de cola de bordo recto, amplamente distribuído pola rexión paleártica. Na Península Ibérica presenta unha distribución continua na metade norte, especialmente ligada a áreas de cultivo e só limitada pola necesidade da presenza de árbores altas onde fai o niño; é rara na metade sur, onde unicamente está presente entre os 500 e os 1.600 m de altitude. Existen tres subespecies: C. corone cornix, co dorso e o ventre de cor cinsenta e co resto do corpo negro, distribuída dende Alemaña e Italia ata Siberia central e Afganistán, ademais de Irlanda e o noroeste de Inglaterra; C. corone sardonius co dorso e co ventre de cor entre cinsenta e ocre, presente no sueste de Europa e C. corone corone, de plumaxe totalmente negra, que se rexistra en Europa occidental e central. En Galicia é común a subespecie C. corone corone, e tamén se observa a C. corone conix na costa durante o inverno. Desde antigo ténselle atribuído a esta ave unha rica simboloxía. Ovidio asegura que antes o corvo era branco e que o pintaron de negro como castigo por falar en exceso. En Francia e na Península tamén cren que na súa orixe foi branco e que logo mudou de cor como castigo por comer preas, por non volver á Arca de Noé ou por algunha outra razón. A medicina máxica propoñía o uso de plumas de corvo para devolverlles a cor negra aos cabelos encanecidos. A cor negra das súas plumas e o feito de comer preas asóciano coa morte e cos anuncios de morte. Esta asociación xa aparece en varias obras de Esquilo. En Galicia, mesmo, adoita increparse a alguén coa fórmula: “Corvo agoreiro, vaite lixeiro, que nesta porta non hai carne morta”. Na Antigüidade, polos seus dotes adiviñatorios, asociábase con Apolo, o deus da profecía. Nalgunhas cidades galegas tamén se lles chama corvo aos cregos e seminaristas pola cor negra da súa vestimenta. Satán, deus da morte, atopa no corvo un animal axeitado para encarnarse; a bruxa, copia do seu infernal señor, tamén se encarna en corvo. En moitos contos galegos e europeos a alma do que morre en pecado deixa o corpo metamorfoseado en corvo. Ao contrario do resto dos córvidos, este animal adoita vivir só e en lugares retirados. Por iso a tradición europea o asocia cos ermitáns e, por exemplo, na obra de Eduardo Pondal o corvo simboliza o poeta. Na tradición oral recóllense ditos como: “Díxolle o corvo á pega: bótate alá, que es negra. Sempre o corvo vai a onde preada hai. Corvos en bandada, ou sombra ou preada”.

    3. corvo grande [port: corvo; cast: cuervo; ingl: raven] [Corvus corax, Fam dos córvidos] Corvo

      de 63 cm de lonxitude, de plumaxe totalmente negra e coa cola en forma de cuña. Aniña en cantís ou árbores, especialmente en comarcas montañosas pouco poboadas polo home. Presenta unha distribución holártica. Existen 10 subespecies das que a subespecie C. corax hispanus está presente en toda a Península Ibérica.

    4. corvo norteamericano [cast: corneja americana] [Corvus brachyrhynchos, Fam dos córvidos]

      Corvo de 45 cm de lonxitude, de plumaxe negra e cola redondeada. Está presente en gran parte de Norteamérica.

    5. corvo sudafricano [Corvus albicollis, Fam dos córvidos]

      Corvo de ata 55 cm de lonxitude e peteiro especialmente groso, de plumaxe negra agás a caluga, cruzada por unha franxa branca. Está presente en medios agrestes e montañas do L e do S de África.

  2. [ANIMAL/ORNIT]
    1. corvo mariño [port: corvo-marinho; cast: cormorán; ingl: cormorant]

      Ave acuática da familia dos falacrocóridos, de ata 101 cm de lonxitude e 160 cm de envergadura, as máis das veces con plumaxe negra brillante, aínda que as partes espidas -arredor dos ollos e do peteiro- poden aparecer vivamente coloreadas. Teñen o pescozo longo, cunha pequena bolsa na gorxa moi vascularizada, que empregan para termorregularse, e as patas en posición moi atrasada e con membranas interdixitais. As súas plumas non son totalmente impermeables, especialmente as das ás que se enchoupan logo da pesca. O peso adicional das plumas molladas axúdaos a mergullarse. Voan co pescozo estendido e, moitas veces, en grupos aliñados en formación. A maioría das especies son sedentarias, viven en augas continentais ou no litoral mariño, son gregarias e aniñan formando colonias en cantís ou, no caso das poboacións continentais, en árbores mortas próximas á auga. A posta, composta ata de seis ovos, dá lugar ás crías; estas nacen espidas e cegas, e abandonan o niño ás 5 ou 8 semanas. En certos países, utilizáronse corvos mariños domésticos para a captura de peixes, aos que se lles colocaba un colar de coiro no pescozo para impedirlles introducir no estómago a presa. Esta técnica practícase en Xapón dende o s V e continúa como actividade asociada ao palacio do emperador.

    2. corvo mariño chuíta [Phalacrocorax gaimardi, Fam dos falacrocóridos]

      Ave acuática de 75 cm de lonxitude, de plumaxe negra, con dúas manchas grandes de cor branca aos lados do pescozo e no dorso, e ás tamén salpicadas de branco. O peteiro é fino e de cor amarela, e as comisuras bucais e as patas de cor vermella viva. Está presente nas illas e nas costas sudamericanas do Pacífico e no extremo sur das costas atlánticas americanas.

    3. corvo mariño cristado [port: corvo-marinho-de-crista; cast: cormorán moñudo; ingl: shag] [Phalacrocorax aristotelis, Fam dos falacrocóridos]

      Ave acuática de 75 cm de lonxitude cunha pequena curupela. Distribúese dende o mar de Barents ata Marrocos. Na Península Ibérica habitan pequenas colonias ao longo da costa cantábrica, atlántica e mediterránea. Destacan os grandes núcleos reprodutores das Illas Cíes e das Ons, que albergan a metade das parellas peninsulares.

    4. corvo mariño das Galápagos [Nannopterum harrisi, Fam dos falacrocorácidos]

      Ave acuática de ás reducidas, que non lle permiten voar, e plumaxe negra. Habita nas Illas Galápagos.

    5. corvo mariño de Brandt [Phalacrocorax penicillatus, Fam dos falacrocorácidos]

      Ave acuática de plumaxe escura salpicada de azul. Habita o litoral norteamericano do Océano Pacífico.

    6. corvo mariño grande [port: corvo-marinho-de-faces-brancas; cast: cormorán grande; ingl: cormorant] [Phalacrocorax carbo, Fam dos falacrocóridos]

      Ave acuática de 91 cm de lonxitude, co queixo e as meixelas de cor branca. Na Península Ibérica aparece como ave invernante. Na costa de Galicia e no resto da costa do Mar Cantábrico está presente a subespecie P. carbo carbo, orixinaria fundamentalmente das Illas Británicas, mentres que nas augas do interior da Península aparece a subespecie P. carbo sinensis, orixinaria dos Países Baixos e Dinamarca, que tamén aniña en reducido número.

    7. corvo mariño orelludo [Phalacrocorax auritus, Fam dos falacrocorácidos]

      Ave acuática de ata 80 cm de lonxitude, coas plumas da parte superior da cabeza encrechadas. Vive tanto en ríos e lagos coma na costa, dende Alasca e Terranova ata o centro de México e Cuba.

    8. corvo mariño pequeno [cast: cormorán pigmeo; ingl: pygmy cormorant] [Phalacrocorax pygmeus, Fam dos falacrocáridos]

      Ave acuática de 48 cm de lonxitude, coa cabeza redonda e o peteiro non moi longo e escuro, o pescozo máis curto ca outros corvos mariños e cola longa. Habita tanto en ríos e marismas coma no litoral mariño de Oriente Próximo.

  3. gran de corvo [FUNGO]

    cornizó.

Refráns

  • Corvos en bandada, ou sombra ou preada.
  • Cría corvos e tiraranche os ollos.
  • Despois de vendimas, corvos.
  • Os corvos en bandada ventan presada.