cosmogonía
(< grκοσμογονία)
-
s
f
[FILOS/RELIX]
Doutrina de carácter mítico-relixioso, filosófico ou, en xeral, precientífico, sobre a orixe e a formación do Universo, propia de cada pobo ou cultura. Xeralmente, vinculábase a orixe do cosmos á orixe do home, ambas as dúas atribuídas a seres sobrenaturais preexistentes ou ben a unha orde cósmica xeral, a miúdo materializada polo océano primixenio, ou partindo da existencia inexplicada do caos, de onde nacerían determinadas estruturas, como o ovo cósmico ou a árbore orixinal. As cosmogonías do antigo Oriente teñen como característica común a crenza de que a auga, substancia primordial, existía antes do inicio da creación, idea presente con distintas variacións tanto nos mitos exipcios coma nos sumerios, babilonios e persas. Os relatos do libro da Xénese, contemporáneos destas tradicións, presentan elementos comúns co mito babilónico pero diferéncianse pola defensa do monoteísmo máis estricto. No Rig Veda dos antigos hindús aparecen varias versións da creación do mundo, pero todas elas parten de que no principio existía o non ser, do que xurdiu o ser ao tomar conciencia de si mesmo e o demiúrgo Prajapati, creador do ceo e da terra, deulle vida ao primeiro home. A concepción do universo na China da antigüidade recóllese no Chou pi suan ching (s IV a C) e propón unha teoría na que o ceo e a terra eran dous planos separados por unha distancia de case 40.000 km. Posteriormente, as teorías cosmogónicas chinesas evolucionaron e definiron o universo formado por dúas substancias: o yang, principio do movemento, e o ying, asociado ao repouso. En Grecia, as correntes cosmogónicas están presentes desde Hesíodo, quen fala do caos como a orixe do cosmos. Platón estableceu teorías xeométricas e musicais para tentar explicar a construción do Universo polo demiúrgo, que contrasta co pouco impacto que acadou o atomismo. A escolástica medieval aceptou o pensamento grego, completouno cunha interpretación literal da Xénese e supuxo un conflito entre o pensamento cristián e a ciencia moderna, evidente nos casos de Copérnico ou Galilei. A teoría dos remuíños de Descartes constituíu a primeira cosmogonía independente das tradicións culturais europeas. No s XVIII, a hipótese de Kant (1755), que supuña a orixe dos planetas como froito dunha nebulosa de po que rodeou o Sol, ou a hipótese da nebulosa primixenia de Laplace, déronlle ao sistema solar a autonomía dun sistema autorregulado. Xa no s XX, co aparición da mecánica celeste, dos novos métodos e instrumentos de observación astronómica e das teorías que, como a relatividade xeral, permitían formular cientificamente o problema da orixe do Universo, xurdiu unha nova rama da astronomía, a cosmoloxía, que estudia todo aquilo que antes era campo especulativo da cosmogonía.
-
s
f
[ASTRON]
Rama da astronomía que ten por obxecto o estudio da formación dos obxectos celestes (planetas, estrelas, galaxias, etc). Diferénciase entre cosmogonía planetaria, cosmogonía estelar e cosmogonía galáctica, segundo o tipo de obxecto celeste que estudie.