Cospeito
Concello da Terra Chá, situado no NL da Comunidade Autónoma de Galicia. Limita ao N cos concellos de Vilalba, Abadín e A Pastoriza, ao L, cos de Castro de Rei, ao S, con Outeiro de Rei (Lugo), Castro de Rei e Begonte, e ao O, con Begonte e Vilalba. Abrangue unha superficie de 144,8 km 2 , nos que acolle unha poboación de 6.122 h, distribuídos nas parroquias de Arcillá (167 h), Bestar (80), Bexán ou Rubiños (98), Cospeito (228), Goá (701), Lamas (98), Momán (187), Muimenta (1.009), Pino (611), Rioaveso (267), Roás (378), Santa Cristina (418), Seixas (151), Sisoi (84), Sistallo (596), Támoga (141), Vilapene (192), Vilar (38), Xermar (345) e Xustás (333). A capital municipal é A Feira do Monte, na parroquia de Sistallo, situada a 43° 14’ de latitude N e 7° 34’ de lonxitude O, 117 km ao NL de Santiago de Compostela e 28 km ao N de Lugo. Está adscrito ao partido xudicial de Vilalba, á provincia de Lugo e á diocese de Mondoñedo-Ferrol.
Xeografía física
O concello de Cospeito está baixo o dominio climático oceánico continental. O principal factor que inflúe nesta matización continental é o topográfico, xa que se inscribe totalmente na penechaira da Terra Chá, elevada a unha altitude que oscila entre os 400 e os 500 m, e illada das influencias suavizadoras do océano polas serras da Dorsal Occidental. Por mor destes condicionantes, tanto a oscilación térmica anual como a diúrna son lixeiramente maiores ca na costa. A amplitude anual é de 12°C, como resultado duns invernos frescos (6,5°C de media no mes de xaneiro) e veráns suaves (con menos de 18°C de media). Polo que se refire á pluviometría, o total anual de precipitación recollida é de 1.004 mm; a distribución estacional das precipitacións amosa un desequilibrio bastante moderado, pois no verán só se recolle o 13,2%, mentres que no inverno o 31,8% e no outono o 38,8%. O 16% recollido na primavera, unha estación de transición dende o punto de vista do réxime pluviométrico anual, indica máis que nada a excepcionalidade das chuvias do outono. O relevo caracterízase pola súa planicie, asentado nunha ampla superficie de erosión traballada sobre unha litoloxía dominada polos xistos e gneises, e cuberta de sedimentos do Terciario, como arxilas e margas. Unha nova capa sedimentaria de cronoloxía cuaternaria, composta por depósitos aluviais da rede fluviail chairega, fosilizou os estratos de sedimentos terciarios. A existencia dun relevo plano e dunha litoloxía impermeable favoreceu a formación de lagoas en áreas hidromorfas, como as lagoas de Cospeito, de Carballosa, de Abeleiras ou de Seixas. Estas áreas constitúen interesantes e singulares espazos naturais cunha fauna e flora características. O relevo resólvese en suaves ondulacións, e presenta outeiros residuais de cuarcitas, como o de Cotorredondo (510 m de altitude) ou o de Costa Moura (502 m). A totalidade da rede fluvial pertence á conca do Miño e está integrada por numerosos ríos e regos, entre os que destaca o Támoga, que atravesa o termo municipal en dirección meridiana e desauga no Miño, que transcorre polo S do concello.
Xeografía humana
A evolución da poboación do concello de Cospeito no s XX enmárcase dentro das pautas que rexeron a Historia demográfica dos municipios rurais de Galicia, aínda que presenta algunhas peculiaridades. Nunha traxectoria bastante semellante á do conxunto dos concellos das comarcas rurais do interior de Galicia, a poboación coñeceu un crecemento irregular pero positivo dende o primeiro censo de poboación (en 1887), cando contaba con 6.324 h, ata mediados do s XX, a pesar de que esta dinámica se prolongou unha década máis, ata 1960, data na que acadou o seu máximo poboacional con 8.090 h. A causa deste prolongado crecemento demográfico radica no feito de que os fluxos emigratorios ultramarinos entre os anos 1920 e 1930 non cobraron a intensidade que tiveron noutros territorios do interior do país, xa que a poboación non só non diminuíu naquel período, senón que aumentou cunha taxa de crecemento medio anual do 0,8%. Na década seguinte, 1930-1940, caracterizada por unha conxuntura económica internacional de crise, esvaeceuse a posibilidade da emigración, pois decaeu a demanda de capital humano nos países receptores. Ademais, factores políticos, como a Guerra Civil española (1936-1939) e a Segunda Guerra Mundial (1939-1945), incidiron directamente na paralización do transporte transatlántico e no mantemento da imposibilidade da emigración. Deste xeito, produciuse unha evolución demográfica de signo positivo, aínda que máis matizada ca no conxunto de Galicia. Entre os anos 1887 e 1950, ao igual que no modelo xeral galego, a poboación aumentou e na década seguinte a evolución demográfica apartouse do modelo, cun aumento da súa poboación, ata chegar ao máximo de toda a serie censual en 1960. A explicación desta prórroga no crecemento, a contracorrente da dinámica xeral, radica na repercusión das experiencias de colonización que levou a cabo no concello o Instituto para la Reforma y el Desarrollo Agrario (IRYDA) con familias afectadas pola construción dun encoro sobre o río Navia en Asturias, feito que contribuíu a equilibrar o crecemento natural negativo. A partir do máximo poboacional de 1960, os factores que incidían no comportamento demográfico doutros concellos similares comezaron a deixarse notar tamén en Cospeito, como o éxodo cara ás áreas urbanas de Galicia, do resto de España e tamén cara ao estranxeiro. Posteriormente, os efectos dunha estrutura da poboación avellentada repercutiron na acentuación do saldo vexetativo negativo. Así, dende o censo de 1960 a poboación non deixou de diminuír en cada mostraxe censual con respecto á anterior, polo que en 1996 se chegou ao mínimo histórico, 6.122 h. A estrutura por idades da poboación reflicte claramente esta situación. Así, a porcentaxe de poboación anciá é do 22,6% e o grupo quinquenal máis numeroso é, no caso dos homes, o de 60-64 anos; no caso das mulleres, é o grupo de 65-69 anos. Obsérvase nos dous sexos un déficit notable nos grupos de idade correspondentes aos adultos, sobre todo no grupo de 45-49 anos, mentres que tamén a base, correspondente aos grupos de poboación máis novos, destaca pola súa exigüidade. Así, a porcentaxe de poboación adulta é do 57,2% mentres que a de poboación nova é do 20%. A taxa de masculinidade é favorable ás mulleres (0,97), situación semellante á do resto de Galicia.
Xeografía económica
A base da economía do municipio son as actividades agropecuarias, malia que a súa importancia descendeu moito nas últimas décadas do s XX. En 1996 dedicábase ao sector primario o 53,7% da poboación ocupada, mentres que en 1991 esta porcentaxe era do 67,2%. Xa que logo, os sectores secundario e terciario son cada vez máis decisivos no que se refire á distribución sectorial da poboación activa. Dentro das actividades agropecuarias, a agricultura viuse favorecida polos traballos de concentración parcelaria desenvolvidos en 1960. Tanto este instrumento de reforma técnica coma a introducción de maquinaria están facilitados por unha topografía propicia como é a chairega. Nestas condicións, os terreos cultivados supoñen o 70,6% da superfice agraria útil. Entre os principais cultivos destacan sobre todo as forraxes, que ocupan 3.717 ha (o 69,1% do total da superficie cultivada, feito que constitúe un bo indicador da importancia gandeira do municipio). O seguinte cultivo en orde de importancia é a pataca, á que se destinan 830 ha, e a continuación o trigo e o millo. A gandería é a actividade agropecuaria máis importante. Isto confírmao a extensión da superficie dedicada á plantación de forraxes e o elevado número de cabezas de bovino (13.228, máis do dobre das persoas residentes no concello). Trátase dunha gandería de vacún, maioritariamente de orientación láctea. O resto das especies teñen unha menor importancia; destaca a moita distancia o porcino, con 1.667 cabezas, fundamentalmente estabulados en granxas industriais. O sector secundario acolle o 21,4% dos traballadores residentes no concello. Destacan as industrias manufactureiras e a construción, subsector no que se empregan case a metade dos activos secundarios (10% do total). Entre o resto das actividades secundarias destacan as carpinterías e, en xeral, as industrias derivadas da construción. Os establecementos dedicados a actividades terciarias radican sobre todo na Feira do Monte (a capital municipal) e en Muimenta, núcleo de poboación situado na estrada de Vilalba a Meira. Este sector terciario acolle o 24,9% dos ocupados. Destacan o comercio e as actividades relacionadas co transporte. A mellora da rede viaria e o aumento xeral da mobilidade de poboación, grazas á popularización do automóbil particular, facilita que sexan moitos os veciños que se poidan desprazar diariamente a desenvolver a súa actividade laboral en centros de traballo na cidade de Lugo, que está a unha distancia de 28 km. A rede viaria está constituída por unha serie de estradas locais que comunican entre si os distintos lugares e parroquias, e o municipio co resto da comarca e de Galicia, entre as que destaca a local LU-420 (Vilalba-Meira) e a local LU-112, a través da que se comunica coa cidade de Lugo.
Historia
Os restos megalíticos das Medorras de Regavella (Muimenta) e a Medorra da Rita (Lamas), xunto cos gravados rupestres localizados no territorio do concello, son as referencias arqueolóxicas máis antigas que se documentan en Cospeito. Os datos deste concello durante a Antigüidade son escasos, pero o poboamento castrexo está documentado en Teixeiro, Turrillón (Tamoga) e Pacio. Coa romanización, a vía que unía Lucus Augusti con Brigantiuma atravesou a comarca da Terra Chá, feito que leva a algúns autores a supoñer a existencia dunha mansión romana situada en Muimenta, que aínda non se localizou. Durante a Idade Media, o couto da Pena de Cospeito era propiedade do cabaleiro Rui López de Aguiar; o resto das terras do concello pertencían aos Andrade. Os habitantes de Cospeito participaron activamente nas Guerras Irmandiñas (s XV), atacaron e destruíron fortalezas, como a torre de Támoga ou o castelo de Caldaloba ou Vilaxoán (Pino). Nesta fortaleza resistiron a filla e o xenro do mariscal Pedro Pardo de Cela, últimos representantes da resistencia da nobreza galega á política centralizadora dos Reis Católicos. Tras ser derrotados, o castelo foi vendido, pasou por diversas mans e outras xurisdicións apropiáronse das terras. Durante o Antigo Réxime, as parroquias que integran o actual concello de Cospeito pertenceron ás xurisdicións de Árbol (parroquia de Rioaveso), de Arcillá e Sisoi (parroquias de Arcillá, Bestar, Lamas, Sisoi e Vilar), Castro de Rei (parroquias de Bexán e Momán), Goá e Santa Cristina (parroquias de Goá, Santa Cristina e Sistallo), Xermar e Cospeito, (Cospeito e Xermar), Xustás (parroquia homónima), Muimenta (parroquia homónima), Outeiro de Rei (Vilapene), Pino (parroquia homónima), Vilalba (Seixas). Ademais, as parroquias de Roás e Támoga constituían senllos coutos redondos. Todas estas demarcacións estaban representadas pola provincia de Lugo, agás a xurisdición de Árbol, que pertencía á provincia de Betanzos. O señorío correspondíalles a varios señores civís e eclesiásticos: o conde de Lemos era señor das xurisdicións de Castro de Rei e Vilalba e compartía co conde de Fuensaldaña, as rendas da parroquia de Vilapene (xurisdición de Outeiro de Rei) e con varios fidalgos as da parroquia de Vilar (xurisdición de Arcillá e Sisoi); ao cabido de Santiago correspondíalle a xurisdición de Árbol; o couto redondo de Roás era de reguengo; a administración e as rendas do resto das parroquias pertencíanlles a diversos fidalgos. A aplicación da Constitución promulgada en Cádiz o 19 de marzo de 1812 significou a supresión da administración señorial e a instauración dun sistema municipalista, que se concretou neste territorio na creación dos concellos de Arcillá e Santa Cristina, adscritos ao partido de Vilalba e á provincia de Galicia. Non obstante , esta primeira experiencia municipal rematou co decreto de derrogación da Constitución, asinado polo Rei Fernando VII en novembro de 1814, que restaurou o Antigo Réxime. En 1820 o golpe do coronel Riego inaugurou un segundo período constitucionalista e municipalista, que se prolongou ata 1823 e durante o que os concellos de Arcillá e Santa Cristina pasaron á nova provincia de Lugo (1822). De novo un real decreto de Fernando VII suprimiu as liberdades constitucionais e restableceu o absolutismo, coa súa organización territorial en xurisdicións e coutos. En 1835 implantouse definitivamente o municipalismo. Daquela establecéronse os concellos de Vilalba (que incluía as parroquias de Rioaveso, Goá, Sistallo, Santa Cristina, Seixas, Pino, Cospeito, Xermar, Lamas e Bestar), Castro de Rei da Terra Chá (Muimenta, Momán, Roás, Bexán e Xustás) e Outeiro de Rei (Vilapene, Támoga, Arcillá, Vilar e Sisoi). O actual concello de Cospeito creouse o 11 de marzo de 1845.
Patrimonio cultural
As mostras de arquitectura relixiosa máis destacables son as igrexas de San Xián de Santa Cristina, Santa Baia de Rioaveso (s XV), Santiago de Xustás (ss XVI-XVII), Santa María de Cospeito (s XVII), San Paio de Arcillá (s XVII), San Pedro de Seixas (s XVIII), San Xoán Bautista de Sistallo (s XVIII) e a capela da Virxe do Monte, en Sistallo. Consérvanse os restos do castelo da Caldaloba (Pino), da torre de Momán (Momán), ambos os dous declarados BIC dende 1994, e da fortaleza da Barreira (Cospeito). No eido da arquitectura pacega destacan o pazo da Caldaloba no Pino, o da Barreira en Cospeito, os de Sistallo e Anlló, e o de Pesqueira en Xustás. Entre as parroquias de Pino e Cospeito consérvase a ponte do Porto, de orixe medieval. Na arquitectura popular sobresaen os cruceiros de Cabreira (Bexán), de Bouza (Goa), do Fidalgo (Seixas), de Nicolás (Sisoi) e de Raxal (Xustas), ademais do muíño de San Roque (Arcillá). No patrimonio natural destacan a lagoa de Cospeito e Espiñeira, e a charca de Pumar. Entre as festas destacan as romarías da Virxe do Monte en setembro, de Santo Urbano en Goa e de San Paio en Sistallo, ademais das festas de san Xoán en Sistallo, no mes de xuño; santa María en Muimenta, en xullo; e san Martiño en Pino, en novembro. Celébrase a festa da Filloa en Muimenta, onde tamén ten lugar a feria de exposicións MOEXMU.
Datos de poboación (2007)
| Provincia | LUGO |
|---|---|
| Comarca | Terra Chá |
| Extensión | 144 Km2 |
| Poboación Total | 5349 h |
| Poboación Homes | 2609 h |
| Poboación Mulleres | 274 h |
| Densidade de poboación | 37.15 h/Km2 |