costa

costa

(

  1. Monte dos contrafortes da serra do Farelo que lles serve de límite ás parroquias de Eidián e Borraxeiros, no concello de Agolada. O seu cumio acada os 527 m de altitude.

  2. s f [XEOG]
    1. Espacio comprendido entre o mar e as terras emerxidas, en continua trasformación pola acción de diversos factores. Segundo o estado de erosión, debido ao traballo do mar e á acumulación de sedimentos, presenta diferentes aspectos. Basicamente, distínguese entre costa rochosa e costa de acumulación. Na costa rochosa predomina a erosión, hai unha gran pendente e adoita estar precedida por unha plataforma rochosa de superficie regular, que se observa na baixamar. Co tempo, a acción mecánica das ondas que baten contra a costa socava a base do cantil ata que caen os grandes bloques de rocha que quedan na parte superior, co conseguinte retroceso da costa. A erosión depende tamén do tipo de rocha: as costas calcarias son escarpadas e verticais, sometidas tanto á acción mecánica coma a unha acción química de disolución. O clima inflúe tamén na súa erosión: nos lugares nos que o mar está xeado unha gran parte do ano, a erosión é insignificante; nos ambientes cálidos e húmidos, a superficie da rocha só lle proporciona ao mar lama e arxila, que non teñen a consistencia precisa para bater con enerxía na base dos cantís. Pola contra, a máxima erosión dáse nos climas temperados, que lle proporcionan ao mar fragmentos rochosos de tamaño medio, os máis efectivos para socavar os cantís. Son típicas as expostas ao Atlántico, como as que se poden observar en varios sectores de Galicia e Irlanda. A costa de acumulación evoluciona máis rapidamente. As pendentes son suaves e as acumulacións repousan sobre unha base rochosa. Están formadas por bloques, coios, areas e elementos máis finos. A liña de costa presenta formas cóncavas, ao contrario do que pasa cos cantís. As praias que se localizan no interior das rías pertencen a este tipo de costas. É frecuente nas praias a acumulación de depósitos que orixinan formas moi variadas, como poden ser os cordóns litorais, as frechas e os tómbolos (o caso da Lanzada é un exemplo deste último fenómeno). Nos mares cálidos son habituais as formacións coralinas bordeando as costas.

      Sinónimos: litoral. Confrontacións: beiramar, mariña, ribeira.
    2. Zona do mar achegada á terra.

      Sinónimos: litoral. Confrontacións: beiramar, mariña, ribeira.
  3. s f

    Pendente dun terreo. Na tradición oral recóllense ditos como: “Costa abaixo todos os santos axudan. Non hai costa abaixo nin costa arriba para o que sabe baixala e sabe subila”.

    Ex: Todo o camiño era costa arriba.

  4. s f [XEOG]

    Forma característica que resulta da erosión diferencial de estratos densos e brandos, xeralmente pouco inclinados.

  5. s f pl [ANAT]
    1. Parte posterior do corpo dos mamíferos, dende os ombreiros ata a cintura pelviana.

      Ex: María foi a sensación do baile con aquel vestido que lle deixaba as costas ó aire.

      Sinónimos: carrelo, lombo.
    2. Costelas dos mamíferos e a parte do corpo onde están.

      Ex: Quería darlle un golpe nas costas e bateulle na cabeza.

  6. s f pl [DEP]

    Estilo de natación no que o impulso se obtén pola acción combinada de xiros alternativos dos brazos e batemento simultáneo das pernas, mantendo as costas enfrontadas ao fondo, é dicir, boca arriba.

Frases feitas

  • Ás costas loc adv

  • 1 Sobre o lombo. SIN: ó cabalete, ó carrelo, ó lombo. Ex: O rapaz estaba canso e levouno ás costas.

  • 2 fig Baixo o cargo ou responsabilidade dunha persoa. Ex: A empresa estaba ás súas costas.

  • Costas da man. A parte oposta á palma da man.

  • Costas dos dedos. Os cotomelos.

  • Facérselle a alguén costa arriba unha cousa. Realizar un traballo sen ganas.

  • Ti, que non podes, lévame ás costas. Emprégase para criticar as persoas que, podendo menos ca outro, queren axudalo.

  • Virarlle as costas a alguén. Desprezar a unha persoa.