Couto

Couto
  1. [ONOM]

    Apelido de orixe toponímica que remite ao latín cuatu ‘lugar cercado’. Os topónimos homónimos designaron na súa orixe lugares acoutados, probablemente por pertenceren a un determinado mosteiro ou a un señorío laico. Xa se documenta no s XIII baixo forma latina: “Martinus Roderici de Cauto” (doc ano 1216 en P. Loscertales de García de Valdeavellano, Tumbos del monasterio de Sobrado de los Monjes, vol I, 1976, p 503); en romance atéstase no s XIV: “Johan Eanes do Couto” (doc ano 1300 en J. I. Fernández de Viana y Vieites, Colección diplomática del monasterio de Santa María de Ferreira de Pantón, 1994, p 43).

  2. [HIST/HERÁLD]

    Liñaxe que leva como armas, en campo de goles, un castelo de pedra aclarado de sable e en punta, ondas de auga de azul e prata. Algunha variante trae, unha perna que sae do xefe, co seu pé, e por detrás dela, unha serpe erguida en actitude de trabar o pé.