couza

couza
  1. s f [ANIMAL/ENTOM]

    Coleóptero da familia dos anóbidos que se presenta, na fase adulta, como escaravello de corpo cilíndrico de ata 3 mm de cor acastañada escura e, na fase larvaria, como eiruga de cor branca, de cabeza pequena con fortes mandíbulas e patas moi reducidas. As larvas desenvólvense, durante 2 ou 3 anos, na madeira morta, tanto na dos bosques coma na que emprega o home para as construcións. As condicións óptimas para o desenvolvemento larvario son os 22 ou 23°C de temperatura e unha humidade ambiental superior ao 50%. Cando completa o seu desenvolvemento e logo da metamorfose, xa como escaravello, abandona a madeira deixando unha pequena abertura, en forma de buraquiño redondo. Polo mesmo orificio poden saír máis tarde os restos da madeira, logo de pasar polo sistema dixestivo da larva, en forma de po. Os escaravellos, que viven uns 15 días, poñen os ovos en fendas da madeira e, tras un mes, dan lugar ás larvas que inmediatamente penetran na madeira. A especie máis frecuente é Anobium punctatum.

    Sinónimos: caruncho. Confrontacións: trilla.
  2. s f

    Po que sae da madeira polo buraco practicado por este coleóptero.

    Ex: O piso de debaixo do armario está cheo de couza.