Covardes
Novela da autoría de María Xosé Porteiro publicada no ano 2001. A obra sitúa o lector no mundo xornalístico da cidade de Vigo, na década dos oitenta a partir do asasinato dunha muller, atopada morta en estrañas circunstancias nun peirao vigués. De xeito fluído, cun estilo vivo e coa intriga sempre presente, a autora consegue crear un retablo de personaxes e tecer as súas historias ao afondar na realidade social e nos pensamentos de protagonistas anónimos da realidade viguesa (Uxía, João, Lourdes, Nélida, Claudio, Elixio, Manuela, etc) que se converten en universais. Nesta narración realista e crúa, onde se mesturan a tenrura, o amor, as traizóns e a covardía, cóntanse as pesquisas dun cronista de sucesos, Paco Peña, que ten un interese especial e persoal polo suceso e pola identidade da rapaza morta. No medio desta trama, represéntase un Vigo dominado polo mundo da prostitución, das drogas e da corrupción policial, fiel e real reflexo dos ambientes degradantes e sórdidos da trata de brancas; un mundo duro e cruel amparado na covardía que afoga sen piedade as súas protagonistas, que ven como a súa vida, dominada pola angustia e a impotencia, se esnaquiza de xeito irremediable entre as catro paredes dunha casa de citas. O asasinato de Leonor vai ser o punto de partida para desenmarañar tres historias paralelas: “Historia de Paco”, “Historia de Nélida” e “Historia de Leonor”, que se entrecruzan polo azar do destino e que darán a clave para aclarar o misterio do homicidio. O mundo xornalístico da primeira historia dá paso a outras dúas partes nas que a autora se introduce na psicoloxía feminina e presenta a vida de dúas mulleres: Nélida, cun pasado cheo de ilusións e militancia política que desembocaron nun presente gris e angustioso, unido inexorablemente co de Leonor e Paco Peña; e Leonor, quen, chea de ilusións, saíu da súa pequena aldea portuguesa e só descubriu a escravitude nos baixos fondos da Ferrería viguesa e o desespero dun camiño sen saída.