coxestión

coxestión

(< co- + xestión)

  1. s f

    Xestión que fan en común dúas ou máis persoas.

  2. s f [ECON/SOCIOL]

    Sistema de xestión da empresa no que os representantes dos traballadores acceden aos órganos directivos da mesma, compartindo as funcións de dirección cos titulares do patrimonio da empresa. Confórmase como unha vía intermedia entre as teses transformadoras dos medios de produción, que propugnan a colectivización dos centros de produción, e as teses ortodoxas capitalistas. Deste modo, constitúe unha institución de carácter ambiguo que pretende establecer unha relación harmónica e solidaria entre capital e traballo, que poida reducir o conflito, permita tomar rapidamente decisións eficaces, faga aumentar a produtividade e consiga a realización dunha acertada planificación económica da empresa. Estes sistemas empregáronse en Italia na época de entreguerras e en Alemaña nas industrias do Ruhr a partir de 1951. No ámbito económico, a incidencia da coxestión foi practicamente nula, pois só conseguiu un mellor control da evolución salarial e do rendemento da empresa. No aspecto técnico achegou unha introdución de sistemas de suxestións e consultas, e unicamente na xestión social se alcanzou un maior grao de participación dos traballadores na empresa.

Palabras veciñas

coxeira | coxén | coxeración | coxestión | coxestor -ra | coxía | Coxiella