creación

creación

(< lat creatione)

  1. s f

    Acción de crear.

    Ex: A creación das Irmandades da Fala data do ano 1916. A creación de emprego non aumentou nos últimos anos.

  2. s f

    Cousa creada. Polo que respecta á produción humana de bens culturais, particularmente artísticos, musicais ou literarios, adoitan elaborarse a partir dunha realidade anterior que non se manifesta na cousa producida.

  3. [FILOS/RELIX]
    1. s f

      Produción divina ou sobrenatural do mundo, da vida e da alma. Os discursos elaborados para explicar esa acción transcendente difiren segundo recoñezan a existencia dunha realidade anterior sobre a que realizar o acto creador (filosofía grega) ou afirmen que o acto se realizou a partir da nada (na tradición xudeo-cristiá). Non obstante , coinciden en identificar ese acontecemento co comezo da existencia e do tempo.

    2. s f

      Produción natural dun ser a partir de elementos preexistentes orixinariamente combinados.

    3. creación nova

      Expresión bíblica que indica os efectos renovadores da redención sobre a creación.

  4. s f [ARTE]

    Iconografía que amosa a creación do mundo por parte de Deus. Ao longo da historia da arte foi un tema moi utilizado. Destacan as representacións de Cimabue na igrexa de San Francisco de Asís e as realizadas en San Pedro do Vaticano por Michelangelo Buonarroti na Capela Sixtina, e por Raffaello Sanzio na loggia. Entre as representacións elaboradas na Península Ibérica destacan o tapiz da creación conservado no museo da catedral de Girona, obra de finais do s XI ou comezos do s XII.

  5. creacion colectiva [ESPECT]

    Proposta colectiva de traballo que pretendía superar o protagonismo do autor e do director de escena, substituídos pola totalidade dos integrantes do grupo ou da compañía teatral. Esta tendencia de colectivización das diversas funcións e roles propias da creación teatral tivo unha considerable implantación en América e Europa durante as décadas de 1960 e 1970, coas experiencias desenvolvidas por grupos como Living Theatre ou Performance Group dos EE UU, Théâtre Du Soleil en Francia, ou La Candelaria e o Teatro Experimental de Calí, de Venezuela e Colombia, respectivamente. Un dos máis importantes promotores do método foi Enrique Buenaventura que, amais da publicación de moi diversos materiais e da presentación de espectáculos e outras mostras de traballo, potenciou a relación entre a creación colectiva e a denuncia de situacións de opresión sociocultural, económica ou política; con isto mostrou a posibilidade de converter a creación colectiva nun instrumento para devolverlle a voz e a palabra a colectivos e grupos sociais marxinados ou marxinais. En España houbo colectivos, vinculados ao teatro independente como Els Joglars, Els Comediants, La Cuadra, Tábano, Esperpento ou Goliardos, que nalgún momento da súa traxectoria desenvolveron algúns dos principios básicos do método da creación colectiva. En Galicia a súa incidencia foi moito menor, pois non existía naquela altura ningunha estrutura teatral que poñer en causa.

Palabras veciñas

Crayer, Gaspard de | CRC | creable | creación | Creación, A | creacionismo | creacionista