criobioloxía
(< crio- + bioloxía)
Parte da biofísica que estudia os efectos das baixas temperaturas e do xeo sobre os organismos vivos ou os seus constituíntes (células, tecidos, órganos, etc). Estudia as condicións de conxelación e de desconxelación nas que a materia viva non sofre cambios, así como a conservación recuperable a baixas temperaturas durante longos períodos. Se se somete a materia viva a un arrefriado demasiado rápido, os cristais de xeo que se forman dentro das células destrúenas. Se o arrefriado é demasiado lento, os cristais fórmanse fóra das células. Pódense conservar células e tecidos que normalmente se destruirían co frío engadíndolle un aditivo á solución, chamado crioprotector, que diminúe a concentración de sales disoltos e impide a formación de xeo intracelular. A conservación de tecidos e células a baixa temperatura baséase na paralización reversible das funcións vitais nun estado que se denomina vida suspendida. Aplícase na conservación de órganos e tecidos para transplantes cirúrxicos e tamén na conservación de espermatozoides con poder fecundante practicamente ilimitado no tempo.