cristalografía
(< cristalo- + -grafía)
Ciencia que estudia a materia cristalina. Os documentos máis antigos que fan referencia a esta disciplina son de Plinio o Vello, nos que definía o cristal como unha porción de materia limitada por caras planas e arestas rectilíneas. En 1784, Haüy intuíu a estrutura reticular dos cristais e asociou algunhas das súas propiedades físicas coa estrutura interna; pero non foi ata 1850 cando Bravais formulou a hipótese estrutural do cristal cun concepto amplo, que non exclúe que, por calquera perturbación no crecemento, non sexa limitado por caras planas. A partir deste momento perdeu importancia todo aquilo que facía referencia á forma e déuselle preferencia ao estudo das propiedades físicas. A materia cristalina constitúe un medio homoxéneo, anisótropo e simétrico. Co fin de sistematizar o estudo dos cristais realizáronse varias subdivisións: cristalografía xeométrica, que estudia as propiedades xeométricas dos cristais como consecuencias morfolóxicas da teoría reticular; cristalografía estrutural, que describe e determina a xeometría da estrutura interna; cristaloquímica, que describe e estudia a distribución estrutural dos átomos (ou ións) e os seus tipos de unión; e cristalofísica, que estudia as diversas relacións provocadas por determinados estímulos físicos.