Cristillón, casa de
Construción arquitectónica situada en San Vicente de Mañufe (Gondomar). Edificada no s XVII, pertenceu desde o s XVIII aos descendentes de Francisco de la Sierpe. A súa planta orixinaria era rectangular pero máis tarde engadíuselle un segundo corpo no lado leste que lle deu forma de T. Consta de dous pisos: o inferior, destinado a corte, foi durante algún tempo cárcere inquisitorial, e o superior, acolle a vivenda. Ten unha cuberta a dúas augas. A solaina reformouse e na fachada norte destaca unha varanda de madeira que tivo a súa orixe na ampliación do segundo corpo da vivenda, ao acurtarlle parte do tellado da adega para permitir a localización da mesma. A portada de acceso está rematada por ameas e por un brasón central onde se informa que foi casa do feudo do Santo Oficio. Ten como única decoración un reloxo de sol gravado no muro sur. Conserva un hórreo de pedra e madeira.