Crítica Galicia, Premios da
Premio que naceu no Círculo Ourensán-Vigués en 1978 co fin de facer público o recoñecemento que merecen os labores individuais ou colectivos que fan achegas relevantes para o desenvolvemento do ámbito xeral da cultura galega. Dende ese ano celébrase todos os anos o sábado anterior ao 17 de maio na Cea das Letras, onde se fallan os premios de creación literaria, ensaio, investigación, música, ciencias e arte de representación (creado en 1979) e iniciativas culturais. O xurado de cada unha das modalidades está composto por sete membros de recoñecido prestixio, tendo en conta á hora do seu nomeamento a diversidade ideolóxica, profesional, xeracional e territorial de Galicia. Os quince primeiros anos, os premios estiveron organizados polo Círculo Ourensán-Vigués, presidido por Bieito Ledo Cabido, e a partir de 1993 pola Fundación dos Premios da Crítica. Os galardóns consisten nunhas figuras deseñadas por Isaac Díaz Pardo e fabricadas por Sargadelos, doadas gratuitamente. Dende o primeiro momento, malia non ter dotación económica, a sociedade galega e os medios de comunicación apoiaron a súa divulgación e prestixio. A Cea das Letras consolidouse como un encontro cultural, plural e dinámico no que participaron como membros dos xurados máis de cincocentas persoas vinculadas aos distintos eidos da cultura en Galicia. Coa constitución en 1993 da Fundación dos Premios da Crítica, presidida por Xosé González Martínez, creouse o Premio Galegos Egrexios que concede a propia Fundación.