Crocidura

Crocidura
[ANIMAL]

Xénero de mamíferos insectívoros de coloración dorsal cinsenta ou acastañada cinsenta, con pouco contraste coa parte ventral, orellas sen cubrir polo pelo e rabo con algúns pelos sobresaíntes do resto. Os dentes son de cor branca na súa totalidade e o bordo superior do primeiro incisivo inferior é liso. Presentan unha gran variabilidade de tamaño, dende os 50 mm ata os 85 mm, e mais a cola que oscila entre os 25 mm e os 50 mm; o peso vai dende 3,5 ata 14 g. Os animais defenden territorios que poden acadar os 400 m2 e que comparten durante a reprodución. Aliméntanse principalmente de pequenos invertebrados e presentan diariamente períodos de actividade e descanso de dúas horas. Aínda que non teñen letargos estacionais en situacións de penuria alimentaria poden entrar en sonos de varias horas. Teñen unha vida media de ano e medio e constitúen unha presa común das rapaces nocturnas e dos mustélidos. De orixe bioxeográfica tropical, a maioría das 133 especies actuais viven en África e no S de Asia. En Galicia están presentes dúas especies: C. russula, distribuída polo centro de Europa, a Península Ibérica e noroeste de África, e C. suaveolens, propia do S de Europa e Asia ata China, Corea e Taiwán.

Palabras veciñas

Croce, Giulio Cesare | crocetina | crochet* | Crocidura | crocina | Crockett, David | Croco