cronicón
(
Xénero historiográfico cultivado preferentemente na Idade Media que se emparenta coa crónica e que se caracteriza pola súa brevidade e pola disposición dos seus materiais segundo unha orde cronolóxica. Os límites entre o cronicón e a crónica, e en xeral con outros xéneros historiográficos, como a historia e os anais, resultan difíciles de trazar, en boa medida a causa do emprego pouco sistemático da terminoloxía por parte dos autores medievais. Así, fronte aos intentos clasificatorios de Isidoro de Sevilla (s VII) ou Vincent de Beauvais (s XIII), a maioría dos historiadores da época reflicten nas súas obras unha clara tendencia a esvaecer os límites que separaban os diferentes xéneros. Fronte aos anais, as crónicas adoitan seguir o modelo narrativo de Eusebio de Cesarea, no que se recollen os feitos históricos de xeito cronolóxico, dende os inicios da humanidade ata os acontecementos contemporáneos ao propio cronista. Os anais medievais, pola súa banda, xorden como simples glosas aos rexistros de datas que configuraban as táboas pascuais. O seu material, daquela, organizábase arredor dunha serie de fitos cronolóxicos que marcaban outros tantos acontecementos destacables; co tempo, eses comentarios desenvolvéronse ata acadar sentido de seu. Fronte ás crónicas, as historias carecen da perspectiva universal que proporcionaba o relato sobre as orixes do xénero humano, aínda que, unha vez máis, a terminoloxía empregada polos propios autores contradí a miúdo tal distinción. A ambigüidade aumenta porque o estilo conciso que caracteriza o cronicón aparece, así mesmo, en moitos anais e nos primeiros exemplos de crónicas. De feito, o xénero cronístico amosa unha progresiva complicación dende o modelo relativamente simple ofrecido por Eusebio de Cesarea ata as magnas obras compostas nos ss XIV e XV. Entre os exemplos máis relevantes de cronicóns galegos poden citarse o Cronicon Iriense, composto en latín, que relata os sucesos hispánicos dende a partida dos vándalos cara ao norte de África ata a chegada ao trono de León de Vermudo III. Esta obra forma parte dun ciclo de anais vinculados coa sé compostelá que constituiría, xunto aos anais portugueses do ciclo conimbricense -entre os que destaca o Cronicon Alcobacense-, a primeira manifestación conservada de anais hispánicos. Todos eles se caracterizan polo seu estilo seco e a concisión das súas noticias. De diferente carácter é o Chronicon mundi de Lucas de Tui; esta obra, que o bispo tudense rematou en 1236, constitúe unha verdadeira crónica, tanto pola ampla perspectiva que nela adopta o seu autor -tal e como reflicte o seu título- como pola complexidade dos materiais que a conforman.