cronista

cronista

(< crónica)

  1. [HIST]
    1. s

      Cargo de carácter oficial que tiña como función principal a redacción da historia dun reino ou estado, dun monarca ou dun acontecemento específico. No Reino de Castela desenvolveuse a figura do cronista real no período comprendido entre os reinados de Afonso XI e Enrique IV; era o encargado de escribir a historia dos monarcas. A partir desta figura, a monarquía castelá creou o cargo de Cronista Mayor de Castilla co nomeamento de Florián de Ocampo en 1539. Os seus fins eran afondar no coñecemento do pasado da monarquía e de cada un dos seus reinos. Ocampo comezou, daquela, a Crónica General de España que continuarían os seus sucesores. En 1571, Filipe II creou o cargo de Cronista Mayor de las Indias, dependente do Consello de Indias, que se ocupaba de escribir a historia xeral das mesmas. O primeiro cronista foi Juan López de Velasco (1571) e o derradeiro frei Martiño Sarmiento (1750). En 1654 creáronse os cargos de Cronista do Reino de Galicia, antecedente do Cronista Xeral de Galicia, e o de Cronista del Reino de Navarra. O primeiro cronista navarro foi o padre José Moret, nomeado a instancias de frei Martín de Redín, gobernador de Galicia entre 1642 e 1643. En Aragón creouse en 1548 o cargo de Cronista Mayor de la Corona de Aragón, que tamén exercía como cronista do propio Reino de Aragón. O primeiro deles foi Jerónimo Zurita. O título de Cronista del Reino de València creouno Filipe III en 1604; o primeiro en ocupar este cargo foi Gaspar de Escolano. O primeiro Cronista do Reino de Mallorca foi Vicente Mut (1648). En Catalunya non houbo cronista oficial, aínda que si se escribiron crónicas sobre o principado. Filipe V ordenou que, ao quedar vacantes os cargos de cronista, as súas funcións se traspasasen á Real Academia de la Historia.

    2. Cronista Xeral de Galicia

      Cargo oficial creado polo Decreto 323/1991, de 4 de outubro, da Xunta de Galicia, como distinción e recompensa aos méritos singulares que poidan concorrer nunha persoa física pola súa destacada actividade e servizo en beneficio dos intereses de investigación da historia de Galicia. Proposto polo conselleiro de Cultura, e trala deliberación do Consello da Xunta de Galicia, noméao o presidente da Xunta.
      Orixes: o Cronista do Reino de Galicia
      A súa orixe está no cargo de Cronista do Reino de Galicia creado en 1654 na figura de frei Filipe de la Gándara, único cronista do s XVII. O coñecemento que tiña de la Gándara do cronicón de Joseph Pellicer motivou a súa petición ás xuntas do Reino de Galicia do nomeamento de cronista como imitación ao cargo existente noutros reinos. Nomeado cronista do Reino, foi tamén cronista do rei, quen lle confirmou o título. Á súa morte (1676), parece ser que Antonio Rodríguez Novoa presentou a súa candidatura, aínda que na documentación das Xuntas do Reino de Galicia non existe referencia a este feito. En 1715, Antonio Paredes Ponte e Andrade ofreceuse a escribir unha Crónica y azañas del Reino de Galicia, pero tampouco foi nomeado. En 1718 outorgóuselle o cargo a frei Juan Pacheco Troncoso, coa finalidade de redactar unha Historia de Galicia. Accedeu ao cargo proposto pola cidade da Coruña e, ao non reunirse a Xunta do Reino ese ano, foi nomeado pola cidade herculina representante das demais cidades galegas. Sucedeuno Francisco Xavier Manuel de Huerta y Vega, xuíz eclesiástico e visitador do arcebispado de Santiago de Compostela (1723-1733), que escribiu dous volumes dos Anales del Reino de Galicia (1733 e 1736). O seu nomeamento debeuse á iniciativa de Gregorio de Luaces Suevos Mariño de Lobera, procurador xeral do Reino de Galicia na corte. Foi nomeado polas cidades galegas en 1737, pois non houbo xuntas en 1736 e 1737, e confirmado por unha Real Cédula en 1739. Non obstante , o seu traballo estivo marcado pola falta de acordo sobre o seu salario e pola acusación das cidades de non dedicarse á Historia de Galicia e de vivir fóra do reino. Estes dous problemas provocaron que, trala súa morte (1752), non se nomease outro cronista ata 1760. As Xuntas nomearon a Ignacio Benito Avalle y Patiño, que se ofrecera para ocupar o posto de xeito gratuíto e que xa escribira Plan de las memorias históricas del Reyno de Galicia. Trala súa morte e desaparición das xuntas do Reino de Galicia (1834), non houbo outro cronista ata o nomeamento de Manuel Murguía en 1884. Baixo a iniciativa de Xosé Antonio Parga Sanjurjo, a Sociedad Económica de Amigos del País de Santiago de Compostela propúxolles ás deputacións provinciais o nomeamento de Murguía como Cronista de Galicia, a imaxe dos existentes noutras provincias españolas. Murguía foi o único cronista do s XIX e case do s XX, pois o cargo non se restableceu ata 1991.
      O Cronista Xeral de Galicia dende 1991
      A Xunta de Galicia restableceu en 1991 o cargo baixo o nome de Cronista Xeral de Galicia coa finalidade de actualizar os feitos que se documentan nas actas conservadas nos arquivos. Estableceuse como unha distinción de carácter moral, como recoñecemento a unha persoa distinguida na historia e na cultura galega e non ten compensación económica. O 4 de outubro de 1991 nomeouse a Emilio González López, autor dunha Historia de Galicia que abrangue dende a Baixa Idade Media ata o reinado de Fernando VII. Trala súa morte, nomeouse o 23 de xaneiro de 1992 a Antonio Fraguas, xeógrafo, arqueólogo, etnógrafo e historiador que permanceu no cargo ata a súa morte en 1999. O 11 de novembro de 1999 foi nomeado para ese cargo o historiador Antonio Eiras Roel, director dende 1994 da publicación das Actas de las Juntas del Reino de Galicia (1599-1834), investido o 14 de decembro dese mesmo ano.

  2. s

    Autor dunha crónica.

    Ex: O cronista oficial do Reino foi deposto do seu posto por incompetencia. É a cronista de sucesos do xornal para o que traballa.