crucifixión
(< lat crucifixiōne)
-
s
f
Acción de crucificar.
Ex: A crucifixión era un feito corrente nas civilizacións mediterráneas antigas.
-
s
f
[HIST]
Forma de aplicación da pena capital en numerosos pobos do Mediterráneo oriental na Antigüidade. A orixe desta modalidade de execución atribúese posiblemente aos persas, pero, con diversas variantes, empregárona os fenicios, os gregos, os exipcios e os cartaxineses, antes da súa introdución en Roma. A lexislación romana excluía desta pena os cidadáns romanos, aínda que durante o Imperio aplicouse a cidadáns romanos de clase baixa (humiliores), pero nunca aos de clase alta (honestiores). A pena da crucifixión aboliuna Constantino en recordo da paixón de Cristo.
-
s
f
[ARTE]
Representación artística da crucifixión de Cristo ou dalgún santo. Denomínase crucifixión ou calvario cando aparece Cristo cravado na cruz acompañado doutros personaxes, como os dous ladróns, a Virxe María -acompañada ás veces de María Madanela-, os soldados romanos, o apóstolo san Xoán e outros elementos, como o Sol ou a Lúa. Cando a representación se limita á figura de Xesús cravado na cruz denomínase Cristo ou crucifixo. A figura central pode aparecer en actitude sufridora ou triunfante. As primeiras representacións coñecidas da crucifixión de Cristo datan do s VI, como o evanxeliario de Rabbūla (Siria) e o ampullario de Monza e Bobbio, de orixe palestina, onde Cristo aparece en maxestade. De influencia oriental son, entre outros, o fresco do s VIII de Santa Maria Antiqua (Roma) e o mosaico do s XII de San Marcos de Venecia. A primeira representación occidental é un evanxelario irlandés do s VIII. De maior complexidade son as figuracións dos marfís carolinxios, nos que a simboloxía se supedita ao carácter triunfal de acordo coa teoloxía da época. Nos manuscritos otonianos, sen embargo, aparece xa a figura de Cristo morto na cruz, unha representación dominante durante o s XIII. A composición da escena variou ao longo dos séculos. Entre os ss XIV e XVI incluíu as figuras dos doadores e dos santos. Na arte gótica adoitábase situar no remate dos retablos. Nos países nórdicos a influencia gótica manifestouse en certos detalles realistas. A escola flamenga acentuou o misterio suprahistórico, cunha expresión profunda do intenso drama interior dos personaxes. Durante o Renacemento, a humanidade de Cristo foi de novo obxecto de devoción e, polo tanto, de expresión artística, que se acomodou sucesivamente á distribución do espazo segundo os canons artísticos do momento, dende a simetría da tranquilidade de Rafael ata a forza impetuosa de Tintoretto ou a loita cósmica de Rembrandt. No Barroco, o Cristo aparece tanto morto como vivo: maxestoso na escola española ou dramático en Rubens, orixe de moitas imaxes en marfil. O acento dramático reforzouse no s XVIII, pero sen achegar ningunha característica nova. No s XIX tivo un tratamento academicista. Xa no s XX destacaron algunhas representacións feitas por Gauguin, Roualt, Chagall, G. Richier, a abstracción de Manessier e a surrealista de Dalí. Entre os santos representados na cruz están san Pedro, coa cruz invertida, santo André, coa cruz en forma de aspa, san Filipe, santa Baia e santa Liberata.