ctenóforo -ra

ctenóforo -ra

(< cteno- + -foro)

  1. adx

    Relativo ou pertencente aos ctenóforos.

  2. s m [ANIMAL]

    Metazoo do filo dos ctenóforos.

  3. s m pl [ANIMAL]

    Filo de animais metazoos diblásticos e de simetría birradial, xeralmente de forma esférica ou elipsoidal, agrupados antigamente cos ctenóforos dentro do filo dos celenterados. Engloba menos de 100 especies, todas mariñas, a maioría nadadoras agás un pequeno número de formas reptantes ou sésiles. Para a súa locomoción dispoñen de oito filas de láminas transversais de cilios fusionados en forma de peite, denominadas paletas natatorias, que se estenden como meridianos dende o polo aboral ata preto do polo oral e que empregan para propulsarse co extremo oral dirixido cara a adiante. Carecen de cnidoblastos pero presentan, non obstante, coloblastos, que son células adhesivas especiais, situadas sobre os filamentos prénsiles, que segregan unha substancia pegañenta coa que capturan pequenos organismos planctónicos. O sistema dixestivo consta dunha boca, unha farinxe, un estómago, unha serie de canais gastrovasculares e dous poros anais polos que se expulsan os materiais non dixeridos. Carecen de sistemas excretor e respiratorio, polo que realizan estas funcións a través da superficie do corpo. O sistema nervioso consiste nun plexo subepidérmico que se concentra ao redor da boca e por debaixo das paletas natatorias. Tamén dispoñen dun órgano sensorial en disposición aboral, denominado estatocisto, que lles permite manter o equilibrio e coordinar o movemento das paletas natatorias. Son animais monoicos, coas gónadas de orixe endodérmica situadas na parede das canles dixestivas. Os ovos fecundados marchan ao exterior a través da epiderme e deles sae unha larva nadadora, denominada cidipoide, que se asemella ao adulto e se desenvolve directamente. Case todos producen luminiscencia. Os ctenóforos divídense en dúas clases: a dos tentaculados e a dos espidos.

Palabras veciñas

Ctéato | ctenidio | cteno- | ctenóforo -ra | ctenoide | Ctenolabrus | Ctesibios