Cubiertas de Pizarras Reunidas
Grupo industrial fundado en Sobradelo (Carballeda de Valdeorras) en 1963, líder mundial no mercado da lousa e das rochas ornamentais. Está integrado por máis de 25 empresas. A súa facturación no ano 2000 superou os 25.000 millóns de pesetas (150,25 millóns de euros), dos que case a metade, 12.000 millóns (72,12 millóns de euros), corresponderon á lousa, da que produciron 164.000 toneladas (o 25% das ventas de lousa española). En 2001, as empresas do grupo daban emprego a máis de 1.200 traballadores. O director xeral é Manuel Fernández Blanco. O grupo CUPIRE acometeu un proceso de expansión que o levou, dende os seus núcleos de orixe valdeorreses e bercianos, a establecerse noutros puntos de Galicia e, posteriormente, en Andalucía, Castela e León, Portugal, Francia e Brasil. Ademais de consolidar a súa posición de privilexio no mercado da lousa, introduciuse, trala adquisición no ano 2000 do grupo Ramilo, no do granito. A súa actividade diversificouse coa produción de mármore en Brasil e Portugal e coa introdución nos sectores de materiais de construción, inmobiliarias e servicios. A expansión internacional da empresa atinxe tanto ás áreas de produción como ás de distribución de produtos, pois o grupo exporta o 90% da súa produción, principalmente a Francia, Alemaña, Reino Unido e Bélxica.