culteranismo

culteranismo

(< culterano)

s m [LIT]

Modalidade literaria cultivada no s XVII en España, no marco da cultura barroca. A orixe do termo é dubidosa. Considérase que foi empregado inicialmente polo poeta Luis Carrillo y Sotomayor e polo preceptista Bartolomé Patón para designar as innovacións que autores, como Juan de Mena, introduciron na lingua literaria desde o s XV, en especial o uso de neoloxismos e cultismos. Máis adiante, o termo perdeu o seu carácter meramente descritivo e adquiriu connotacións negativas, sobre todo nos ataques de Francisco de Quevedo á poesía de Luis de Góngora -quen levou o culteranismo ao seu máximo desenvolvemento coa publicación de Soledades e de Fábula de Polifemo y Galatea (1613)- e á dos seus seguidores. Tenta construír un universo poético refinado e ideal, a través dunha lingua caracterizada pola súa altura estética, a musicalidade e unha coidada selección do léxico común. Caracterízase pola tendencia á amplificación retórica e ás construcións latinizantes; entre outros procedementos, utiliza antíteses, hipérbatos, hipérboles, quiasmos, perífrases, paralelismos, cultismos, neoloxismos, acusativos gregos e ablativos absolutos. En canto á súa temática, son frecuentes as alusións mitolóxicas e as referencias á erudición clásica. Tradicionalmente, entendeuse como unha modalidade estilística oposta ao conceptismo; sen embargo, a crítica contemporánea interpretouno como unha derivación do conceptismo e insiste en que as dúas tendencias parten dunha mesma concepción artística: o gusto polo concepto, que o culteranismo enriqueceu mediante a incorporación da tradición latinizante. Proba diso é a presenza de elementos de ambas as dúas correntes nas obras de autores adscritos en principio a unha das dúas, como Góngora ou Quevedo. Os seus representantes máis destacados son Góngora, Carrillo y Sotomayor e o conde de Villamediana.

Palabras veciñas

culpable | culpar | culposo -sa | culteranismo | culteranista | culterano -na | cultismo