cultivo

cultivo

(< culto)

  1. [AGR]
    1. s m

      Conxunto de traballos destinados a coidar a terra e as plantas para obter un maior proveito có desenvolvido espontaneamente pola natureza. Estes traballos estrutúranse nos sistemas de cultivo. Os agrupamentos humanos, en rexións onde predomina o bosque ecuatorial, utilizan un cultivo itinerante que consiste no aproveitamento de claros, arranxados mediante a queima do bosque, que se abandonaban por estériles despois dalgunhas colleitas; algúns pobos congoleños, como os fang, e certos pobos de Insulindia continúan a practicar estas técnicas. Os habitantes das montañas de Indochina ou os indios brasileiros utilizan sistemas agrícolas semellantes. Por outra banda, certos sistemas de cultivo en terras de latitudes medias usaron a limpeza do monte mediante rozas. A formación de sociedades sedentarias estivo condicionada en parte pola consecución dunha notable mellora nas técnicas agrícolas. As máis importantes en terras de clima seco son o barbeito e a rotación de cultivos. Os sistemas de cultivo máis evolucionados tenden a impor os cultivos intensivos, baseados na rexeneración do solo mediante fertilizantes. Moitos sistemas de cultivo caracterizábanse por unha produción moi variada, sucesora en certo xeito da antiga policultura, destinada á alimentación do agrupamento humano local. Pola contra, outras rexións destinan á venda case toda a produción agrícola, e adoitan seguir un sistema dun só cultivo, o monocultivo (azucre en Cuba, café no Brasil, vide e oliveira en Andalucía). Segundo a natureza das plantas cultivadas, os cultivos poden ser arbóreos e herbáceos. Os primeiros teñen un ciclo de varios anos, cun período de crecemento no que a planta non produce, un período de produción e un período de decadencia. As especies arbóreas poden subdividirse en: forestais, froiteiras e ornamentais. Os cultivos herbáceos son xeralmente anuais. Segundo os diferentes tipos de plantas, clasifícanse en: cereais, plantas forraxeiras, plantas industriais, plantas hortícolas e flores. Os cultivos clasifícanse tamén en intensivos e extensivos segundo o sistema de explotación empregado. Polo xeral, os cultivos hortícolas, os de flores e os froiteiros para o consumo directo son intensivos. Os cultivos forzados son cultivos intensivos que teñen lugar fóra de tempo e necesitan atencións especiais para combater as inclemencias atmosféricas, ao tempo que se trata de reproducir por medios artificiais as condicións climáticas idóneas, como acontece cos invernadoiros. Constitúen tamén formas intensivas os cultivos secundarios, que son os que se colocan entre dous cultivos principais para que a terra non permaneza improdutiva; os cultivos hidropónicos ou sen solo, que son aqueles nos que a terra se substitúe por un medio inerte e estéril, normalmente líquido, que actúa coma un sinxelo sostemento convenientemente preparado con elementos nutritivos; e os cultivos de cobertura, que consisten en sementar plantas herbáceas en cultivos de carácter permanente para evitar a erosión do solo. Os cultivos extensivos son aqueles nos que a unidade de explotación lles dá pouco rendemento e require grandes extensións de terreo; non se traballan nin se regan, e están expostos a unha gran dependencia das condicións naturais. Os cultivos tradicionais foron sempre extensivos, especialmente os cereais, e esta modalidade aínda se practica en moitos lugares. O cultivo enerxético é o que se destina especificamente a especies vexetais, que logo se recollen e se empregan para a produción de enerxía mediante a súa combustión en plantas especializadas.

    2. cultivo hidropónico

      Coidado de plantas no que as raíces están suspendidas en auga ou nun substrato inerte, como a area de cuarzo, con nutrientes en disolución.

  2. s m
    1. Superficie de terra cultivada.

      Ex: No deserto escasea a terra de cultivo.

    2. Produto que se cultiva nunha superficie de terra.

      Ex: A climatoloxía desta primavera foi moi favorable para o cultivo da pataca.

  3. [MICROB]
    1. s m

      Poboación activa microbiana que creceu nun medio de cultivo, xeralmente constituído por glícidos simples, como a glicosa, proteínas facilmente asimilables e sales minerais inorgánicas que proporcionan fundamentalmente xofre, fósforo, magnesio, cloro, sodio, potasio e calcio.

    2. cultivo gnotobiótico/cultivo poliaxénico

      Microecosistema artificial creado en condicións de laboratorio, onde se controla unha serie de especies de microorganismos para estudar a alimentación, a medra e as relacións ecolóxicas entre distintas especies.

  4. [MICROB]
    1. s m

      Técnica de laboratorio que ten por finalidade obter e manexar cantidades elevadas de microorganismos para podelos estudar ou extraerlles substancias que interesan, como antibióticos, proteínas ou polisacáridos.

    2. cultivo asincrónico

      Cultivo bacteriano no que soamente unha pequena parte da poboación se divide ao mesmo tempo, de xeito que nun determinado momento as bacterias poden estar en calquera fase do ciclo de división.

    3. cultivo axénico

      Cultivo microbiano que contén organismos dunha soa especie ou clon.

    4. cultivo continuo

      Cultivo onde a produción de microorganismos se mantén constante ao longo do tempo grazas á achega de substancias nutritivas, á eliminación dos produtos de excreción e ao exceso de células producidas.

    5. cultivo de enriquecemento

      Cultivo de diferentes tipos de microorganismos, obtido enriba dun medio selectivo no que chega a predominar un determinado microorganismo, que é precisamente o máis adaptado ao medio selectivo empregado.

    6. cultivo descontinuo

      Cultivo que non é continuo, como os cultivos convencionais de laboratorio e a gran maioría dos cultivos destinados á produción industrial.

    7. cultivo infectado

      Cultivo contaminado por microorganismos que lle son estraños.

    8. cultivo puro

      Cultivo no que todas as células proveñen dunha soa célula inicial e manteñen as súas características xenéticas ao longo do tempo.

    9. cultivo sincrónico

      Cultivo no que todas as células da poboación se dividen simultaneamente.

  5. cultivo celular/cultivo de tecidos [BIOL]

    Método mediante o cal as células dun tecido poden vivir e desenvolverse fóra do organismo, nun medio de cultivo adecuado. A. Carrel iniciou este método en 1912 con tecidos animais. Posteriormente, fíxose con tecidos vexetais.

  6. cultivo mariño [ZOOL]

    Conxunto de actividades encamiñadas á cría selectiva de organismos mariños para o seu aproveitamento económico, científico ou de lecer.

Palabras veciñas

cultivador -ra | 1 cultivar | 2 cultivar | cultivo | 1 culto | 2 culto -ta | cultual