Cultura Gallega

Cultura Gallega
[PUBLIC]

Revista ilustrada e bilingüe editada en La Habana a partir do 5 de abril de 1936 e que cesou a súa publicación o 1 de marzo de 1940. Dende o número 82 titulouse Cultura Hispánica. Dirixida por Adolfo V. Calveiro Couto, contaba coa colaboración de Eladio Vázquez Ferro, subdirector da publicación, Jesús Peynó, Ramón Fernández Mato, Fuco G. Gómez, Constancio C. Vigil, Otero Pedrayo e Ramón Lemos. Ocasionalmente, contou coas sinaturas de Rubén Darío, V. Blasco Ibáñez, Wenceslao Fernández Flórez e Azorín. Aínda que nun principio mantivo unha liña ideolóxica republicana, coa defensa da República e do Estatuto de Autonomía para Galicia, co tempo, e cos diversos problemas económicos que tiña, perdeu rigor informativo e aproximouse á ideoloxía franquista. Incluía diversas seccións, como “Vida social de la Colonia”, “Centro Gallego” e “Hijas de Galicia”, nas que aparecían novas sobre Galicia, sobre as sociedades de emigrantes e actos culturais, ilustrados con fotografías de paisaxes e monumentos. Na súa sección “Santos e paus” dedicou diversos monográficos a Rosalía de Castro, Curros Enríquez ou Valle-Inclán, á parte dos estudios centrados nas figuras de Concepción Arenal, Manuel Murguía, Pascual Veiga, Marcial Valladares, Saco Arce e Waldo Álvarez Insúa, entre outros. Recolleuse nun dos seus números un poema inédito que Curros Enríquez escribira en 1900 titulado “A unha rapaza”.