cuneiforme

cuneiforme

(< lat cunĕu ‘cuña’ +-forme)

  1. adx

    Que ten forma de cuña.

  2. [ESCR]
    1. adx

      Relativo ou pertencente á escritura cuneiforme.

      Ex: Táboas cuneiformes.

    2. escritura cuneiforme

      Antiga escritura empregada, primeiramente, en Mesopotamia como vehículo do sumerio e do acadio e, posteriormente, noutros países do Oriente Próximo e do Oriente Medio antigos (non pasou polos exipcios). Recibiu este nome debido á forma de cuña dos seus signos, gravados xeralmente cun cálamo sobre táboas de arxila cocidas ao lume (o uso da pedra e do metal foi moito máis restrinxido, sobre todo no caso do segundo). As cuñas poden ter diversas medidas e posicións, e a dirección da súa punta indica cómo se teñen que ler os signos, xeralmente de esquerda a dereita, pero tamén de arriba a abaixo. Considerada nun principio como a escritura dos mesopotámicos, non é senón unha esquematización do sistema gráfico ideado polos sumerios, ao que se chegou por razóns prácticas (dificultade, por exemplo, de reproducir nas táboas de arxila o trazo dos signos pictográficos orixinais). Os seus principios rectores coinciden cos da escritura sumeria. A única diferenza está no feito de que mentres que esta era basicamente ideográfica, os cambios que introduciron os acadios, os asirios e os babilonios acentuaron a tendencia cara ao fonetismo e ao silabismo, aínda que continuaron a empregar un gran número de ideogramas. Estes cambios orixinaron unha serie de silabarios (conxuntos dalgúns centenares de signos) que varían segundo as épocas: silabario acadio antigo (2371-2113 a C), asirio antigo (1850?-1750 a C), babilónico antigo (1984-1595 a C), asirio medio (1400-1000? a C), etc. A escritura cuneiforme deu paso a unha serie de silabarios cheos de particularidades (Al-Amārna, elamita, hittita, hurrita, ugarítico, persa aqueménida, etc). A súa influencia foi máis profunda xa que algúns destes pobos crearon novos sistemas gráficos para anotar as súas linguas (escritura neoelamita, con 113 signos, hittita, hurrita, persa aqueménida, con 40 signos, e ugarítico, con 25 letras). O desciframento da escritura cuneiforme comezou en 1802, cando o alemán G. F. Grotefend determinou o valor de nove signos da escritura silábica empregada polos aqueménidas para anotar a súa lingua, traballo complementado en 1846 polo británico H. Rawlinson. A tarefa finalizou co desciframento da escritura cuneiforme dos asirios e babilonios, obra dunha serie de investigadores (I. Lowenstern, E. Hincks, J. Oppert, F. Talbot, J. Menant, E. Schrader, H. Rawlinson e F. Delitzsch).

Palabras veciñas

Cunegunda | Cunegunda de Luxemburgo, | Cunegunda, santa | cuneiforme | cuñeira | Cunene | Cuneo