columbofilia

columbofilia

(< lat columba ‘pomba’ +-filia)

s f [DEP]

Arte de criar pombas para potenciar as súas calidades naturais de orientación empregándoas como mensaxeiras. Dende a Antigüidade aproveitouse a súa capacidade de regresar ao niño para enviar mensaxes. Do uso bélico das pombas mensaxeiras hai testemuño nas primeiras grandes civilizacións do Crecente Fértil: mesopotámicos e exipcios precederon aos gregos e romanos na súa utilización, que se prolongou ata despois da Segunda Guerra Mundial. A súa importancia estratéxica era tan grande que para interceptalas, os exércitos inimigos utilizaron falcóns. Malia os avances das telecomunicacións, as pombas mensaxeiras continúan a empregarse para fins militares e civís; ademais, converteuse nunha disciplina deportiva practicada en todo o mundo. En 1894 creouse a Real Federación Española de Colombofilia. As competicións desenvólvense sempre deste xeito: os ovos incúbanse durante 17 días; unha semana despois do seu nacemento colócaselles un anel de identificación; aos 30 días trasládanse ao pombal de competición onde se van soltando para que aprendan a recoñecer o seu territorio; o día da proba lévanse ao punto de saída, dende o que terán que volver ao pombal de orixe. Para orientarse empregan referencias xeomagnéticas e astronómicas; cando chegan ás inmediacións do pombal xa poden valerse das referencias visuais do seu territorio. A pomba que emprega menos tempo en regresar ao niño é a vencedora. As pombas poden manterse en plena forma ata os 6 ou os 8 anos, aínda que a súa lonxevidade pode prolongarse ata os 20. Unha pomba adulta é capaz de voar máis de 700 km diarios e acada velocidades superiores aos 70 km/h.

Palabras veciñas

columbio | columbita | columbódromo | columbofilia | columbófilo -la | Columbus | Columbus