Compañía Arrendataria del Monopolio de Petróleos S A

Compañía Arrendataria del Monopolio de Petróleos S A
Nome científico: [CAMPSA]

Sociedade petroleira española constituída en 1927 cun capital de 195 millóns de pesetas, subscrito polo Estado (31%) e por un consorcio bancario. Foi a empresa gañadora dun concurso convocado polo goberno de Primo de Rivera para o monopolio sobre a importación e manipulación industrial dos combustibles minerais líquidos. Concibida polo ministro de Facenda José Calvo Sotelo, dedicouse exclusivamente á venda e distribución do combustible por motivacións económicas e fiscais. Empregou as instalacións petrolíferas xa existentes, que foron expropiadas. Permitiu a creación, en 1929, da Compañía Española de Petróleos (CEPSA), coa que contratou o fornecemento e refinado de petróleo, e participou en Asfaltos Españoles S A, Butano S A, Petronor, etc. En 1984, incorporou como asociadas as refinerías públicas e privadas, e adquiriu en propiedade os activos da rede de distribución que pertencían ao Estado. A través da Empresa Nacional de Petróleos Petroliber e do Instituto Nacional de Hidrocarburos, mantivo a maioría do capital público. Os socios privados eran a Compañía Española de Petróleos, Petróleos del Mediterráneo, Petróleos del Norte e Explosivos Riotinto. Chegou a ser a primeira empresa de España polo volume de vendas. En 1987 integrouse en Repsol, mantendo o seu nome dentro do grupo. En 1991, de acordo coa política enerxética da CEE, iniciouse o proceso de liberalización e a desaparición do monopolio coa venda da rede de distribución a outras compañías. En 1993, coincidindo co remate do seu papel como organismo regulador dos prezos dos carburantes en todo o Estado, adoptou o nome de Compañía Logística de Hidrocarburos S A, e ten como filial a Campsa Estaciones de Servicio S A.