curro

curro
  1. s m

    Curral de pequenas dimensións, instalado ao aire libre, onde se gardan os apeiros de labranza ou os animais.

    Sinónimos: currada.
  2. s m

    Lugar pechado no monte onde se gardan ou recollen temporalmente animais, especialmente cabalos, vacas, ovellas ou cabras, que se aproveitan en réxime extensivo. En Galicia, os curros de ovellas e cabras son numerosos nas serras de Queixa e San Mamede. Cando a finais da primavera se xuntaban os rabaños para subilos ao monte en réxime de veceira, os pastores encamiñaban as reses cara aos pastos das respectivas freguesías e pasaban as noites nunhas cabanas de pedra rodeadas dun amplo valado tamén de pedra, onde gardaban as ovellas. Estes curros, moitos deles abandonados a finais do s XX, chegaban a xuntar centos de cabezas; os máis importantes eran os de Mormentelos, Chaguazoso (ambos os dous no concello de Vilariño de Conso) e Camba (Laza). Outros curros para recoller as vacas que pastoreaban na serra existiron no Xistral, no Suído (onde se lles chama campos, e ás cabanas chozos), ou no Xurés (coñecidos por brañas e brandas). Os curros destinados aos cabalos e vacas que se crían en liberdade no monte non teñen cabanas para os pastores. Constan dun cercado, normalmente de pedra e antigamente de madeira, cunha porta ou entrada e situado nun lugar de doada accesibilidade para facilitar a baixada dos animais desde os seus lugares de pastoreo. A altura do muro non acostuma superar o metro e medio. A súa superficie varía en función do número de animais que poida haber no monte. Os curros que acollen máis cabalos poden ter entre 500 e 800 m 2 , mesmo algúns 1.000 m 2 . Tamén varían se gardan animais adultos ou as crías nacidas na primavera. Os curros dos poldros son moito máis pequenos e é raro que superen os 50 m 2 . Onde se xuntan máis animais pode haber ata tres ou catro curros: un para as bestas, un ou dous para os poldros, outro para eguas que están para parir e, finalmente, outro para as vacas.

  3. s m

    Operación de marcar, separar e rapar os cabalos que viven no monte en estado salvaxe, así como a festa que se desenvolve arredor desta actividade.
    Orixe
    Os indicios arqueolóxicos apuntan a que esta práctica podería ter comezado na Idade do Bronce. No occidente europeo, as primeiras mostras da existencia de cabalos son uns restos óseos localizados en Solutré (na Borgoña francesa), cunha antigüidade de 15.000 anos. A hipótese máis aceptada é que os cabalos se cazaban nos desprazamentos estacionais. Non obstante , o emprego do cabalo como alimento, ao igual ca outros herbívoros, pode ser máis antigo segundo os restos encontrados nas chairas costeiras de Boxgrove (Inglaterra), datados hai máis de 480.000 anos, ou polos restos fósiles humanos de Atapuerca (Burgos), cunha antigüidade de 780.000 anos. O rexistro fósil documenta a existencia de cabalos salvaxes no occidente europeo dende hai, como mínimo, 10.000 anos, aínda que as pinturas da cornixa datan de 14.000 anos. O rexistro arqueolóxico máis antigo desta domesticación en Eurasia procede dun enterramento escita nas montañas Altai datado a finais do V milenio a C. Ata a Idade do Bronce non se volveron atopar vestixios da presenza dos cabalos na Península Ibérica. Nos gravados rupestres do noroeste peninsular, como os de Campo Lameiro, aparece a representación de cabalos ben illados ou ben montados por unha figura antropomorfa, polo que nestas datas, na transición do III ao II milenio a C, xa se producira a súa domesticación. Estas escenas interpretáronse de diferente xeito: poden ter un carácter simbólico-relixioso e representar, entre outras cousas, a fertilidade; poden reproducir actividades de gran prestixio na sociedade do momento, como a caza ou as prácticas guerreiras; ou poden representar un suceso extraordinario na sociedade, como a chegada dos primeiros xinetes e cabalos domesticados. Outro elemento que pode estar relacionado cos curros é a existencia de sinais territoriais erixidos en determinados lugares dos montes. As pedras fincadas ou pedrafitas, ademais de ter un significado simbólico ou relixioso, puideron servir tamén para delimitar as áreas de pasto e aproveitamento do gando dos pobos que se asentaban nun territorio. No contexto dos curros, estas marcas poden servir como referentes visuais para delimitar os territorios nos que pastan cabalos e vacas pertencentes a curros de freguesías lindantes e así os animais que estean dentro destes límites poden baixarse ao curro. Estas pedras, erixidas a finais do III milenio a C, serviron entre os ss VIII e XI para delimitar as demarcacións eclesiásticas ou as das freguesías. Ademais, os sinais empregados polos propietarios dos cabalos para a súa marca parécense nalgúns casos aos signos que aparecen en gravados de Campo Lameiro, Marín e Cotobade, entre outros. Durante a época romana parece que o cabalo foi un obxecto de exportación e intercambio con outras zonas do Imperio, aínda que non existen datos arqueolóxicos que o demostren. As fontes históricas, gregas e latinas, son un testemuño da existencia na Península Ibérica de razas de cabalos e informan da existencia de cabalos salvaxes nos montes galegos pero non da súa utilización e aproveitamento. Estrabón (64 a C-19 d C), no libro III de Geographica, dedicado á Península Ibérica, ao describir os pobos montañeses do norte da Península (galegos, ástures, vascóns e pirenaicos), relata que se facían sacrificios de cativos de guerra e de cabalos a Ares, ademais de exercicios ximnásticos e hípicos como adestramento para a guerra. Probablemente, os cabalos vivían de modo salvaxe e eran capturados para tal fin. Plinio (23-79) tamén se referiu á existencia no territorio galego e asturiano de cabalos, denominados tieldóns e asturcóns, que se caracterizaban polo paso suave ou de andadura. Gratio Falisco (s I) no Cynegeticon describiu os cabalos callaicos, que percorrían o Pireneo e que tiñan un carácter bravo, con bocas tenaces que non aceptaban os freos de ferro, feito que impedía o seu emprego na guerra. M. Xuniano Xustino (s III) nas Historias Filípicas relatou a existencia de greas veloces de cabalos que vivían formando grandes rabaños. Recolleu tamén a lenda ou a crenza de que na Gallaecia o vento céfiro fecundaba as eguas na primavera sobre altos penedos, de xeito que eran aínda máis veloces. Entre o 411 e o 413 tivo lugar o asentamento dos suevos na Gallaecia. A poboación sueva trouxo consigo animais entre os que estaban os cabalos destinados para realizar o traballo doméstico e os empregados como cabalgadura. Dada a incidencia dos suevos na estrutura social, política e económica da poboación galaica, pódese supoñer que a súa participación na cría de cabalos, de existir, non supuxo ningunha innovación no sistema tradicional xa existente e que se limitaría quizais á introdución doutras liñas raciais de cabalos de incerta repercusión. A integración do poder civil e eclesiástico e o crecemento da presenza da Igrexa no rural, que tivo lugar ao longo da Idade Media, motivou que comunidades de monxes cistercienses e beneditinos acadasen un gran poder e relanzasen a cría de gando nos montes; así, os frades de Santa María de Oia traían animais das montañas dende o s XIII. Non obstante , isto non implica que os curros comezasen no medievo, aínda que puideron adquirir neste momento o seu carácter festivo.
    Desenvolvemento lúdico-festivo
    A orixe do curro sitúase a medio camiño entre a economía e a relixión, pero a faceta lúdica e festiva terminou por impoñerse. Nalgúns lugares de Galicia recibe o nome de rapa ou rapa das bestas, facendo referencia á rapa que dá lugar ao festexo. O costume de celebrar unha festa xa se recolle en documentos eclesiásticos; no ano 1732 dáse conta do gasto en viño no curro de Sabucedo, que correu a cargo da Igrexa. Os propietarios das bestas adoitan ser os veciños das freguesías ás que pertencen os montes onde pastan os animais, pero é común que algúns bestelleiros teñan animais en montes doutros concellos e comarcas. Así, por exemplo, nos montes do Suído e Faro de Avión teñen greas veciños da Cañiza, e na serra do Xistral hai animais que pertencen aos das Pontes. A propiedade dos cabalos que pastan libres no monte acostuma ser individual e, nalgúns casos, os garañóns poden ser de varios donos, non así as eguas que sempre teñen propietarios individuais. No curro de Sabucedo unha parte importante das greas é de titularidade eclesiástica, son as chamadas bestas do santo, que formarían parte do grupo de cabalos descendentes das famosas eguas que, segundo a tradición, doaran dúas vellas veciñas a san Lourenzo para que as librase dunha peste que arrasou Galicia, probablemente a finais do s XVI. Neste lugar, ata hai varias décadas, a festa celebrábase no día de Pentecoste, logo atrasouse un mes ata que pasou a celebrarse o primeiro sábado do mes de xullo, en honor ao santo ao que a tradición oral lle atribúe o nacemento do armentío. O desenvolvemento da actividade comeza a primeira hora da mañá, cando un grupo de mozos sobe á serra, logo de se organizar en cuadrillas repartidas polos montes, para perseguir as bestas. Ao chegaren poden atoparse con máis de seiscentos animais, repartidos en greas que reúnen entre trinta e corenta exemplares. Os foguetes e o repenique das campás sinalan o momento da saída, aínda que xa a noite do venres adoita ser festeira. No atavío dos montañeiros vai un obxecto exclusivo deste día, o pau de moca: especie de vara, xermolo dun carballo, que se caracteriza por ter un extremo que apoia no chan, cun pequeno vulto en forma de verruga. Os grupos contan con xente que vai a pé e xinetes, encargados de conducir as greas que pastan nos cumes ou abas cara a determinados lugares de reunión que acostuman ser extensas chairas ou valgadas recollidas, onde se xuntan antes de ser baixadas directamente ao curro. Para guiar as greas ata eses lugares, os xinetes rodéanas e lévanas ao galope por vereas e camiños ao son de asubíos, contrasinais e berros. Conducen con prioridade a egua dominante ou garañón, para que o resto a sigan fielmente. Alí onde a grea poida desviarse tomando outros camiños sitúase un grupo que se encarga de indicarlles aos animais a dirección correcta. Logo de reunilos comeza a baixa, o descenso da grande eguada cara ás proximidades do núcleo urbano onde serán acollidos todos estes animais que veñen sedentos e esgotados, logo da fuxida precipitada e controlada. Os curros, como os de Torroña, en Oia, no que se chegan a xuntar ata máis de oitocentos cabalos, ou o de Sabucedo, onde as greas atravesan a aldea, son espectáculos de enorme dinamismo e emoción, preámbulo enérxico do que serán os labores de separación de poldros e eguas xestantes, identificación da propiedade dos animais, rapa de crinas e colas, marcado e desparasitación. Unha vez no curro, os animais descansan un par de horas ata que, sobre as seis ou sete da tarde, se solta o primeiro grupo, agardado polos mozos loitadores. Cada propietario ten que identificar e retirar do conxunto os seus e deseguido comeza o proceso de separación e tratamento que se desenvolve por sexo, idades e propietarios. Primeiro separan as eguas preñadas, ou próximas ao parto, e os débiles e feridos para que non pasen a ser alimento dos lobos; deseguido os poldriños (identificados polo propietario porque van acompañados da nai), que se levan a un cercado máis pequeno para que agarden o momento de seren marcados cun ferro quente e ao ano seguinte domesticados e levados ao matadoiro. Despois retíranse os máis perigosos: cabalos pais, sementais e garañóns que entraron no curro. Todos os animais son rapados e saneados e os que non, apártanse e volven ao monte. A operación de localizar os distintos animais e a súa separación do grupo resólvese de maneira diferente nas distintas zonas. Na de Oia, o gando lévase á forza coa axuda dun cabezallo, que consiste nunha corda amarrada a un longo pau formando un lazo corredizo que lle colocan ao animal ao pescozo para que tres ou catro homes o saquen do cercado, agarrando dous a corda e os outros a cola. Noutros curros, como os de Sabucedo, o traballo faise con maña e forza bruta. Os chamados loitadores lánzanse sobre os poldros dun ano, agárranse aos seus pescozos, cóllenlles as crinas e a cabeza e comeza unha loita entre os dous. O gañador sempre é o loitador, que se enfronta corpo a corpo co animal sen máis instrumentos ca os propios brazos e habilidade ata chegar a inmobizalo de pé ou no chan, pero sempre agarrado para que se poida rapar. Nos curros de Oia a besta lévase fóra do recinto. Logo de identificala e separala procédese á rapa da crina e da cola que, xunto co resto do pelame, se recolle en cestos; á desparasitación do animal, aplicando un produto específico; e, finalmente, á marca do ferro. Esta última operación representa un sinal de identificación propio da gandería extensiva e pouco controlada. A marca do lume consiste en aplicar contra a pel un ferro candente para queimar a capa superficial epidérmica, de maneira que o pelo que naza logo neste lugar medre en dirección contraria e así sirva como sinal de identificación para sempre. As marcas empregadas contan con deseños moi variados; poden ser as letras iniciais dos nomes e apelidos, pero tamén se seguen a empregar marcas moi antigas, que segundo algúns autores son moi semellantes a certos gravados que aparecen nos petroglifos da zona de Campo Lameiro e Cotobade. Esta operación realízase cando o animal é aínda un poldro de poucos meses e nalgúns curros faise cando o animal ten xa quince meses. Outro dos sistemas empregados para identificar a propiedade dos animais é o corte ritual e físico das orellas que, segundo o número de cortes, a súa profundidade, extensión da parte eliminada e a forma que lle queda á orella, poden diferenciar varios tipos. Estes cortes fánselles aos poldriños novos do santo que desta maneira pasan a pertencer, coas súas dúas orellas fanadas, á eguada de san Lourenzo, pasando a converterse en animais adultos.
    Valor económico dos aproveitamentos
    Tradicionalmente, o rendemento do curro viña sendo a retirada dalgúns poldros ou eguas, que podían destinarse a labores domésticos ou ben venderse. Outros aproveitamentos, como o pelo da crina e da cola, comezarían a arraigarse ao se descubrir as utilidades das serdas para a fabricación de certos utensilios. Previamente, é de supoñer que algúns propietarios procedesen tamén á rapa para a fabricación tradicional de cordas, pero este tipo de aproveitamento e a súa xeneralización ten unha orixe máis ou menos recente. O valor dos poldros depende do animal; así os adultos e os que están en idade de reproducir teñen máis valor ca os de seis ou oito semanas; sen embargo, á marxe da cuestión comercial, prevalece o alto valor etnográfico deste modo de agrupar o gando e o propio valor biolóxico dos cabalos. A administración autonómica comezou a realizar esforzos na promoción de carne de poldro para o consumo e fomentou a realización de feiras gastronómicas, normalmente coincidentes coas datas de celebración dos curros. Non obstante , non existen circuítos de comercialización, de maneira que segue a ser pouco frecuente encontrar carne de poldro nos establecementos onde a xente acostuma comprar carne. Mantéñense aínda algunhas carnicerías equinas en Vigo e Santiago de Compostela.

  4. s m

    Lugar pequeno, apartado e escondido dentro dun maior.

    Ex: Gardou os apeiros no curro que había debaixo das escaleiras.

    Sinónimos: currucho, currullo, curruncho, recanto, recuncho.
  5. s m

    Terreo sen cultivar destinado a pasto e á produción de madeira.

Formas incorrectas

corro

Palabras veciñas

curriculum vitae* | curriculum* | currixel | curro | Curro | Curro | Curro