Curtis

Curtis


Concello da comarca de Betanzos, situado na provincia da Coruña no N da Comunidade Autónoma de Galicia. Limita ao N cos concellos de Oza dos Ríos e Arang (Betanzos), ao L con Guitiriz (Terra Chá), ao S con Sobrado dos Monxes (Terra de Melide) e Vilasantar, e aoO con Mesía (Ordes) e Cesuras (Betanzos). Abrangue unha superficie de 116,6 km2, c unha poboación de 4.244 h (2007), distribuídos nas parroquias de Curtis, Fisteus, Foxado e Santa María de Lurdes. A capital municipal é o lugar de Teixeiro, na parroquia de Curtis, situado a 43° 6’ de latitude N e 8° 2’ de lonxitude O, 59 km ao NL de Santiago de Compostela, 51 km ao SL da Coruña. Está adscrito ao partido xudicial de Betanzos e á arquidiocese de Santiago de Compostela.
Xeografía física
O concello de Curtis encádrase nunha área de transición entre os dominios climáticos oceánico húmido, propio das comarcas litorais e prelitorais do Golfo Ártabro, oceánico continental chairego e oceánico hiperhúmido das penechairas que se estenden ao O das serras da Dorsal Galega. A temperatura media anual é de, aproximadamente, 12°C, como consecuencia da media do mes máis frío (xaneiro), inferiro aos 7°C, e da media do mes máis cálido (xullo), duns 18°C, invernos frescos e veráns suaves dos que resulta unha oscilación térmica de 11°C. O total pluviométrico é reflexo do carácter climático de transición, cun total anual superior aos 1.500 mm, repartidos ao longo do ano dun xeito desigual; así, pode apreciarse unha lixeira seca estival produto dun verán no que só se recollen o 10,5% do total anual de precipitacións. As estacións máis chuviosas son, cun volume practicamente similar, a primavera e o outono, co 34,6% e o 33,4%, respectivamente. O seu relevo caracterízase pola súa planicie xa que o termo municipal se sitúa nun nivel de aplanamento arredor dos 550 m de altitude. De todos os xeitos, é perceptible unha gradación en altitude dende os sectores occidentais cara ao L, ata as elevacións da serra da Cova da Serpe (con 614 m de altitude). A litoloxía correspóndese co dominio do ollo de sapo nos sectores máis orientais do termo municipal, mentres que no O predominan os xistos. No relevo da penechaira incide a rede fluvial, que acada un amplo desenvolvemento neste concello. As dúas concas que drenan este territorio son: a do Mandeo, que discorre, xunto con numerosos afluentes (como o Deo ou o Mourán), polo L do municipio, e a do Tambre. A vexetación está composta por matogueira e por especies forestais autóctonas, como castiñeiros, bidueiros ou carballos, ademais doutras especies de crecemento rápido, sobre todo piñeiros.
Xeografía humana
Na evolución demográfica experimentada polo concello de Curtis dende comezos da serie censual (1887), pódense diferenciar dúas etapas de signo completamente contrario. Na primeira delas, 1887-1960, a poboación aumentou progresivamente, de xeito que cada censo sempre superou o anterior. Dende o ano 1887, no que a poboación era a menor de toda a serie (4.053 h), ata 1960, cando se chegou ao máximo poboacional (7.208 h), o concello mantivo taxas de crecemento anual elevadas, como por exemplo entre 1900 e 1910 cando houbo unha media do 1,7%. A partir de 1960 comezou unha segunda etapa caracterizada por unha perda constante de poboación ata o censo de 1991, ano no que a poboación era de 4.482 h. O descenso de poboación foi continuo en toda esta etapa, aínda que foi especialmente negativo na década de 1970, cando a taxa anual de crecemento foi do -2,4%. A incidencia da emigración nas principais áreas urbanas de Galicia, en especial cara á Coruña, e cara ao resto de España e de Europa Occidental, foi o principal motivo dese descenso continuado. Posteriormente, o avellentamento da poboación foi responsable de que continuase o crecemento demográfico negativo. Entre 1991 e 1996, a poboación coñeceu un lixeiro crecemento ata chegar aos 4.622 h. O descenso volveu en 2001 cando se cifraron 4.405 h e en 2007 con 4.244 h. O crecemento natural (2006) é negativo (-6,1‰), froito dunha baixa natalidade (5,4‰) e unha elevada mortalidade (11,5). A estrutura por idades reflicte a magnitude do problema de avellentamento demográfico, pois a poboación de menos de 20 anos só supón o 13,9% do total, mentres que os maiores de 65 anos son o 26,2%; o grupo intermedio representa o 59,9%. Por sexos domina lixeiramente as mulleres: 50,63% fronte ao 49,36% de homes.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello de Curtis é do 46,2% (60,1% a masculina e 33% a feminina); a taxa de ocupación é do 42,6% (56,4% a masculina e 29,7% a feminina) e a taxa de paro é do 7,7% (6,3% a masculina e 10,1% a feminina). Malia que Curtis foi dende sempre un concello predominantemente agrario, o sector de actividade económica máis importante é xa o terciario, que emprega o 43,6% da poboación ocupada. As actividades agropecuarias coñeceron un progresivo retroceso no municipio: a agricultura e a gandería posúen unha importancia parella. O 63,16% da superficie total do concello é superficie forestal. Os cultivos herbáceos ocupan 605 ha.. Outros cultivos minoritarios son o centeo e as hortalizas. Da importancia da gandería dá boa conta un armentío bovino formado por 8.798 cabezas (2007). O seguinte por orde de importancia é o porcino, con 2.066 cabezas reprodutoras e 1.500 de cebo. O resto das especies teñen unha importancia marxinal. O sector secundario, que historicamente foi moi significativo debido á presenza dunha planta siderúrxica en Teixeiro, concéntrase nos dous núcleos de poboación máis destacados do concello, Curtis-Estación e o propio Teixeiro. O sector secundario emprega o 35% dos traballadores residentes no concello, un o 12,6% do total no subsector da construción. Dentro do sector terciario, que acolle o 43,6% da poboación ocupada, a actividade comercial é a máis importante, tanto na capital municipal, Teixeiro, coma no núcleo de Curtis-Estación. En segundo lugar figura a hostalería. A rede viaria articúlase a partir da estrada nacional N-VI e da Autovía do Noroeste A-6, que comunican A Coruña con Madrid. Outro eixe importante é a estrada nacional N-544, de Lavacolla á N-VI por Curtis e Teixeiro, antigo camiño que seguían os viaxeiros de Santiago de Compostela para tomar o tren na estación de Curtis. Ademais, a estrada AC-540 de Betanzos a Melide pasa por Curtis. Polo concello tamén pasa a vía férrea da Coruña a Monforte de Lemos, que ten paradas comerciais e estacións de mercadorías nas dúas localidades máis importantes xa mencionadas: Teixeiro e Curtis-Estación.
Historia
Os restos máis antigos de poboamento no actual territorio de Curtis son as mámoas e castros do lugar de Castelo (parroquia de Foxados), nos que se atoparon modelos de ourivería. Na época romana parece que o lugar tivo contacto co campamento romano da Cidadela, en Sobrado. Posteriormente, os actuais municipios de Curtis, Vilasantar, Sobrado e parte dos circundantes, formaban parte do condado de Présaras ata que no s X se fundou o mosteiro de Sobrado e, logo da morte do conde, o abade adquiriu a propiedade sobre o condado. A finais do s XIX chegou a Curtis o ferrocarril (1883) e a construción da liña Palencia-A Coruña permitiu a edificación de dúas estacións comerciais en Curtis-Estación e Teixeiro. Desde a primeira delas estableceuse un servizo regular de transporte de viaxeiros por estrada ata Santiago de Compostela. O ferrocarril posibilitou o auxe económico de Curtis, xa que facilitou o intercambio de mercadorías e produtos agrícolas e gandeiros cara ao exterior. Pero, coa decadencia do transporte ferroviario a partir dos anos 50 e 60, a economía de Curtis resentiuse, polo que comezou un período migratorio. Dende o punto de vista administrativo, as parroquias que integran o actual concello de Curtis pertencían no Antigo Réxime a tres xurisdicións distintas: Curtis, Fisteus e Sobrado, todas elas pertencentes á provincia de Betanzos. As dúas primeiras xurisdicións abranguían cadansúa parroquia homónima, mentres que a de Sobrado, señorío do mosteiro cisterciense, incluía a parroquia de Foxados. Ao abeiro da Constitución proclamada en Cádiz o 19 de marzo de 1812, suprimiuse esta administración señorial e creáronse os concellos de Curtis e Fisteus, adscritos ao partido xudicial de Melide e á provincia de Galicia. En novembro de 1814, o Rei Fernando VII derrogou a Constitución e restaurou o Antigo Réxime e con el a organización territorial señorial. En 1820, un pronunciamento militar restableceu a Constitución e os concellos de Curtis e Fisteus foron rehabilitados. En 1822 incluíronse na nova provincia da Coruña. Non obstante , un segundo decreto de Fernando VII, asinado en 1823, volveu derrogar o réxime constitucional e restaurar o absolutismo. A instauración definitiva do municipalismo tivo que agardar ata a morte do Rei; deste xeito, en 1834, o actual concello de Curtis pasou a formar parte do partido xudicial de Arzúa: despois definíronse os seus límites, que quedaron establecidos en 1836. A cuarta parroquia, Santa María de Lurdes, creouse en 1925, segregada da parroquia de Fisteus. En 1954 o concello de Curtis pasou a formar parte do partido xudicial de Betanzos.
Patrimonio cultural
No lugar de Castelo (Foxado) atopáronse restos castrexos. No apartado da arquitectura relixiosa destacan as construción de orixe románica de San Vicente de Curtis en Vilasantar (ss XII-XIII), a capela de Santiago en Paradela, a capela de San Xurxo e a igrexa parroquial en Santaia, arrasada polos normandos e reconstruída por san Pedro de Mezonzo no ano 995. Entre as construcións civís destacan as casas con galerías de madeira de principios do s XX. Na parroquia de Curtis consérvase a ponte vella da Castellana. Entre as festas que teñen lugar no concello destacan a da Nosa Señora dos Remedios (8 de setembro), a do Pilar (10 de outubro), a da Nosa Señora de Lurdes e a romaría de Cova de Vales, e que se celebra no lugar de confluencia entre os concellos de Cesuras, Mesía, Vilasantar e Curtis o primeiro domingo de xullo.

Datos de poboación (2007)

Provincia A CORUÑA
Comarca Betanzos
Extensión 116 Km2
Poboación Total 4244 h
Poboación Homes 2095 h
Poboación Mulleres 2149 h
Densidade de poboación 36.59 h/Km2
GoogleMaps :
Mapa : Mapa xeral
Mapa : Mapa xeral 2
Mapa : Mapa parroquias