Cutty Sark Tall Ships’ Race

Cutty Sark Tall Ships’ Race

Regata internacional de grandes barcos veleiros organizada pola International Sailing Training Association, que adoptou a denominación dun clipper construído en 1869 nos estaleiros de Clydebank (Escocia). Esta embarcación entrou en servizo en febreiro de 1870 para transportar té de China e outros artigos coloniais. En 1895 adquiriuno a casa viñateira Ferreira, do Porto, que o rebautizou co seu nome. En 1922 retornou ás Illas Británicas onde foi restaurado. Dende entón permanece varado no porto de Greenwich (Londres). En 1955 xurdiu a iniciativa de organizar a regata internacional para grandes veleiros, de carácter bienal, que celebrou a súa primeira edición en 1956 cun percorrido entre Torbay e Lisboa. En 1972 a firma de licores londinense Berry Bros. & Rudd decidiu patrocinar o evento, pois un ano despois da volta do clipper ao Reino Unido (1923) escollera o nome Cutty Sark para o seu novo whisky. A regata Cutty Sark ten un carácter non competitivo, pois os seus principais obxectivos son ofrecer o espectáculo dos grandes veleiros e compartir a travesía nun ambiente de confraternidade entre os tripulantes das embarcacións. Dispútase anualmente entre os meses de xullo e agosto. O percorrido varía dunha edición a outra, pero normalmente transcorre por augas do Océano Atlántico, do Báltico, do Cantábrico ou do Mediterráneo. Os portos de Vigo e A Coruña foron en distintas ocasións escala na travesía. O máximo galardón da regata é o Trofeo Cutty Sark, unha reprodución en prata do clipper homónimo, que non se entrega ao barco que inviste menos tempo na navegación, senón ao que se esforza máis por alimentar o espírito de camaradería entre a flota, decidido por votación entre todos os tripulantes participantes

Palabras veciñas

cutre | Cuttack | cutter* | Cutty Sark Tall Ships’ Race | cutufar | cuvée* | Cuveiro