cuxita

cuxita

(

  1. adx

    Relativo ou pertencente ao pobo cuxita.

  2. s [ETN/HIST]

    Individuo do antigo pobo cuxita.

  3. s m pl [ETN/HIST]

    Pobo africano, influído pola cultura exipcia, que se desenvolveu nas chairas comprendidas entre a primeira e a terceira fervenza do Nilo a partir do II milenio a C. Os exipcios emprenderon durante o Imperio Medio (2040 a C-1777 a C) sucesivas campañas de conquista e colonización desta rexión, coñecida como país de Cuš. Os cuxitas constituíronse nun reino no Terceiro Período Intermedio, entre o 1700 e o 1500 a C, cando Exipto sufriu a dominación do pobos dos hiksos. A capital do Reino de Cuš situouse na cidade de Kerma, ao S da terceira fervenza, na que se desenvolveu unha cultura característica e se constituíu como o principal centro de intercambio de mercadorías entre o N e o S de África. Este brillante período rematou cando os faraóns exipcios do Novo Imperio expulsaron os hiksos e someteron, de novo, o Reino de Cuš. O Imperio Novo exipcio colapsou ao redor do ano 1000 e os cuxitas liberáronse do seu poder, conquistaron Nubia e trasladaron a capital cara ao N, á cidade de Napata. O novo reino independente dos cuxitas organizouse seguindo o modelo dos exipcios, os seus monarcas tomaron os mesmos títulos e as súas construcións inspiráronse na arquitectura exipcia. Os cuxitas invadiron e conquistaron Exipto, e constituíron a XXV dinastía de faraóns a finais do s VIII a C, coñecida como dinastía dos faraóns negros. A invasión dos asirios puxo fin a esta dinastía no s VII a C e forzou os cuxitas a retirarse cara ao S. Tiveron que reinstalar a súa capital en Meroe e, deste xeito, perderon os contactos que mantiñan co Mediterráneo oriental e Oriente Medio. O seu illamento permitiulles desenvolver unha cultura característica na que o monarca, con frecuencia unha muller, se elixía entre os membros da familia real e gobernaba seguindo leis consuetudinarias establecidas e interpretadas polos sacerdotes. O reino cuxita conservou o seu poder ata finais do I milenio a C, pero finalmente, a comezos da Era Cristiá, foi sometido polo pobo dos nuba.

  4. linguas cuxitas [LING]

    Grupo de linguas pertencente á familia de linguas afroasiáticas que se falan nunha rexión que se estende desde Bāb al Mandab ata Kenya, e desde o deserto de Exipto ata Tangañika. Só en parte coinciden coa fala dos pobos cuxíticos (Nubia, Abisinia e Somalia). O nome deriva de Cuš, o fillo de Cam e neto de Noé, segundo a Biblia, idéntico ao termo xeográfico empregado polos antigos exipcios para designar a rexión de Nubia. Constan de cinco grupos de linguas bastante diferenciados entre eles: setentrional (bexa), central (agau), oriental (saho, afar, galla, somalí e outras), occidental (kaffa e outras) e meriodional (mbugu e burungui). Todas estas linguas se caracterizan pola falta de acento tónico, a distinción de xéneros, o uso de t como base da formación dos femininos, as formas verbais constituídas por prefixos e sufixos axuntados a unha raíz central e a formación de numerosos plurais mediante cambios vocálicos internos.

Palabras veciñas

Cuvilliés, François de | cuxa | Cuxhaven | cuxita | cuxítico -ca | cuxo -xa | cuxote