Da muda primavera
Poemario da autoría de Román Raña Lama gañador do Premio Esquío 1987 composto por corenta e oito composicións. Caracterizado por uns versos intimistas e complexos nos que se mestura a tradición xunto coas novas tendencias, o autor fala da morte, do amor e da soidade nun ton decadente e emotivo que deixa paso á tristura e á melancolía. Ateigado de símbolos, atópanse referencias aos trobadores, a literatos universais, a personaxes históricos e aos mitos da mitoloxía clásica a través da combinación de versos clásicos nos que transforma a estrutura estrófica do soneto. A lingua empregada está moi elaborada e entre os recursos estilísticos utilizados destaca o paralelismo, a sinestesia, o símbolo e o encabalgamento, que conforman unha estrutura complicada característica do culturalismo e do esteticismo dos anos oitenta.