Dalai Lama
Título do líder espiritual do lamaísmo (relixión baseada no budismo Mahayana) e gobernante do Tibet, ata que este territorio perdeu a súa independencia. Considérase como unha reencarnación do bodhisattva Avalokitesvara (Buda). Sonam Gyatso, gran lama do mosteiro Drepung e líder da seita Dge-lugs-pa (‘Casquetes Amarelos’), foi o primeiro que levou o título de Dalai Lama (dalai ‘océano [de ciencia]’ e lama ‘mestre’, ‘monxe’, ‘honorable’), que recibiu en 1578 do príncipe mongol Altan Kan e que se aplicou dun xeito retroactivo aos anteriores líderes da secta. En 1642, outro xefe mongol, Gushri Kan, designou o quinto Dalai Lama (1617-1682) como gobernador temporal e espiritual do Tibet e edificou o palacio de Potala, en Lasa, que pasou a ser a sede dos Dalai Lama. A autoridade espiritual era compartida co panchen-lama (abreviatura de pandita-chen-po bla-ma, ‘grande sabio’), superior de Tashilhunpo, polo que xurdiron frecuentes rivalidades de tipo político. Os seus sucesores gobernaron o país como tributarios dos mongois e, desde 1720 ata 1911, como vasalos dos chineses. Trala ocupación do Tibet por China en 1950, a tensión co décimo cuarto Dalai Lama, Tenzin Gyatso, aumentou ata que este, despois dun fracasado intento de rebelión (1959) abandonou o país. Exiliado na India desde 1959, recibiu o Premio Nobel da Paz en 1989.