danza

danza

(< danzar)

  1. s f

    Acción de danzar.

  2. [MÚS]
    1. s f

      Composición musical e serie de movementos que se realizan seguindo os pasos do baile ou o ritmo da música. En Grecia e Roma formaba parte das representacións dramáticas. Os primeiros textos que fan referencia ás danzas son do s XII e apenas deixan constancia das características musicais ou coreográficas. No s XV apareceron en Italia as primeiras escolas de danza que uniron música e coreografía. Nesta época destacaban danzas como a calata, o branle, a moresca e a striana. Dos anos 1550 e 1630 hai documentación sobre a danza cortesá, moi popular nos espectáculos teatrais e na sociedade da época. No s XVI, os mestres italianos dominaron o terreo da danza e levaron as súas ensinanzas ao longo de toda Europa. As danzas máis habituais eran, entre outras, a pavana, a allemande, o branle, a gallarda, o passamezzo e a sarabanda. Ao redor do ano 1630, a influencia francesa estendeuse no norte de Europa e chegou ao seu apoxeo coa ópera-ballet, cultivada entre outros por Jean-Joseph Mouret e André Campra, e coas danzas teatrais de Jean-Baptiste Lully. Así mesmo, sobresae o labor de Jean-Georges Noverre, Jean-Philippe Rameau e Franz Hilverding van Wewen. Entre as danzas máis bailadas de finais do s XVII e do s XVIII destacan o minueto, o rigaudon, a bourré e a giga. O s XIX caracterízase pola contribución das danzas nacionais e folclóricas e polo nacemento do ballet romántico. Neste século tiveron moita aceptación a mazurca, a polca, o valse e a polonesa. No s XX, a danza clásica tomou unha nova dirección e adaptouse ás novas tendencias musicais e tivo que competir coa denominada danza moderna. Nesta época produciuse un intercambio constante de danzas, principalmente, entre América e Europa. Sobresaen as creacións de Sergej D’agilev e o estilo libre inspirado nos ideais da arte grega de Isadora Duncan. Foi o século do tango, da rumba, do charlestón, do twist e do foxtrot. Ao longo da historia destacaron, entre outras figuras da danza, Marie-Anne Camargo, Marie Sallé, Gaetano Vestris e o seu fillo Auguste, Carlota Grisi, Martha Graham, Doris Humphrey, José Limón, Merce Cunningham, Pina Bausch, Antonio Gades, Aida Gómez e Nacho Duato. No que se refire a Galicia, o precursor na investigación das danzas galegas foi Casto Sampedro Folgar (1848-1937), avogado e musicólogo redondelán autor do Cancionero musical de Galicia, obra editada en 1942 e galardoada no concurso convocado en 1909 pola Academia de Bellas Artes de San Fernando para premiar unha “colección de cantos y bailes populares de una provincia española” que achega ao redor de 500 documentos musicais de 74 concellos de Galicia e inclúe unha descrición rigorosa das melodías, danzas e instrumentos. Na clasificación das danzas en Galicia cómpre distinguir entre as danzas que fan referencia a rituais ancestrais, danzas unidas á diferentes prácticas precristiás e as vinculadas, a partir da Idade Media, aos gremios. As primeiras, máis antigas, asimiláronse no campo do sincretismo da cuestión relixiosa popular de Galicia e nelas é frecuente o intercambio de coreografías e o emprego de diferentes utensilios (espadas, paos, etc); o segundo tipo, son danzas derivadas de ritos precristiáns que non teñen unha coreografía determinada, como pode ser a cerimonia de alumear o pan de Noia; o terceiro tipo, documentadas dende os ss XV e XVI, son reflexo da participación obrigada dos diferentes gremios na celebración da festa do Corpus, feito que simboliza a unión do Estado coa Igrexa, e van estar presentes nas procesións relixiosas dende as súas orixes no s XIV, non só en Galicia, senón en toda a Península Ibérica. Os bailadores habitualmente eran homes, debido ao carácter gremial das danzas, e as donas só participaban polo xeral nas danzas de damas e galáns e de fitas. No que se refire á vestimenta dos danzantes, aínda que presenta multitude de variantes locais e temporais, os homes adoitan levar chapeu de coiraza, de copa ou palletas ataviadas con fitas de cores, un pantalón e camisa brancos, un pano atado ao pescozo ou gravata, unha banda ou bandas de mantón cruzadas no peito e unha faixa no van. Pola contra, as mulleres visten saias de cores, chapeos con flores ou fitas de cores, mantóns e panos de seda. O tamboril e a gaita son os instrumentos empregados, acompañados normalmente das castañolas, cunchas ou pitos. Neste tipo de danzas sobreviven vestixios de diferentes cultos pagáns, como é o caso dos ritos de maio nas danzas de fitas ou a orixe guerreira da danza de espadas, a loita contra o mal ou a súa vinculación cos cultos agrarios. Esta situación darase ata o remate do Antigo Réxime xa que coa chegada da Ilustración estas manifestacións de sincretismo relixioso non se consideran axeitadas a unha mente racional. Ao suprimirse os gremios, no ano 1836, estas danzas sufriron un decaemento, aínda que perviviron ao longo do s XIX nas vilas e nas aldeas a través de textos dramatizados ou farsas. Posteriormente, a burguesía incipiente, as Irmandades da Fala e o pensamento nacionalista recuperaron a danza e o folclore popular galego. A partir do s XIX, Galicia asimilou progresivamente formas novas que procedían de América e mais de Europa, como a polca, a habanera ou o valse.

    2. danza das espadas

      Danza típica da festa do Corpus conservada en Galicia en poucos lugares a partir do s XIX. En Redondela, as primeiras novas que se teñen da danza datan do s XVI. A súa orixe remóntase á época clásica e algún estudoso pensa que se trata de restos de torneos guerreiros, xa que hai movementos propios de loita e está en relación co momento no que matan un dragón que ameazaba as mozas da vila. Ao dar o monstro as derradeiras boqueadas, os mozos colléronse as espadas uns aos outros e comezaron a bailar ao redor do morto. A indumentaria conserva a faixa atada ao van, co nó á esquerda, caéndolle as puntas ata a altura dos xeonllos; o resto da tradición perdeuse. Só o guía leva unha banda cruzada polo ombreiro dereito. Antano cubrían a cabeza cunha gorra de viseira de tipo mariño. As espadas son de madeira e átanse ao pulso cun cordel para poder tocar as castañolas, pero antano eran auténticas e gardábanse no Casa do Concello dun ano para o outro. A súa coreografía desenvólvese na procesión distribuídos en catro ringleiras emparellados de dous en dous. No medio está o Santísimo e diante del o mestre, que vai suxeitando as catro puntas das espadas dianteiras. Os catro últimos chámanse rabelos. Ao longo do percorrido van marcando uns pasos, normalmente cinco. O primeiro é un saúdo, onde os danzantes, logo de pousar a custodia no altar, comezan a recuar axeonllándose e erguéndose ao mesmo tempo, seguindo o son dos músicos; o seguinte representa a morte de Xesucristo: o mestre dálle as costas ao Santísimo e deixa soltas as puntas das espadas dos primeiros; no terceiro, o mestre ergue os brazos termando das puntas das espadas dos primeiros, empezando os rabelos a pasar por debaixo do arco, cun lixeiro movemento das penlas; e no último, todo o grupo rodea o Santísimo e o mestre e as penlas quedan no mesmo sitio. Os danzantes axeónllanse cara a adiante e atrás e bótanlle flores á Virxe. Esta celebración adóitase poñer en relación co mundo mariñeiro, pero tamén hai testemuños en vilas labregas. A primeira danza documentada data do s XV, en Ourense, e foille encargada ao gremio dos zapateiros; a segunda, en Santiago de Compostela, ao gremio dos xastres e alfaiates. En Betanzos, os labregos bailaban baixo a protección de santo Antón e, ultimamente, en vez de espadas levaban sabres toledanos, gardados hoxe no Museo das Mariñas. A súa vestimenta a comezos de século era de calzón escuro, camisa branca, faixa colorada, chapeu e unha fita ou liga sobre as medias no remate das cirolas, por debaixo dos xeonllos. A música corría a cargo dun gaiteiro ou tamborileiro. En Baiona a vestimenta era a mesma ca en Redondela: camisa branca e pantalón escuro, lazo ou gravata ao pescozo e calzado branco. O grupo contaba con vinte e catro mariñeiros e un capitán, que ía sempre cun chapeu alto. Xeralmente remataban facendo coas súas espadas un arco por debaixo do que pasaban as imaxes, os cregos e as autoridades. Ás veces ían acompañados dun choqueiro, que tocaba a pandeireta e xogaba cos danzantes.

    3. danza das penlas

      Danza documentada dende o s XVI. A orixe do termo penla é dubidosa. Algúns estudiosos cren que vén do étimo latino puella (‘nena, doncela’); outros, pensando na lixeireza das plumas, opinan que o seu étimo sería penna ou o diminutivo pennula. En Redondela realízase esta danza o día da Festa da Coca para conmemorar o desenvolvemento da captura dun dragón que saía da súa cova para levar as mozas da vila. Os mozos mariñeiros loitaron co monstro, matárono e trouxérono ao lugar. Logo, rodeárono e coas espadas bailaron ao redor. As rapazas que se salvaron, grazas á intervención dos mariñeiros, puxeron nos ombreiros unhas nenas pequenas e botáronse a danzar: estas nenas son as que representan as penlas. O baile desenvólvese na Festa de Corpus, acompañadas dos danzantes, que actúan con espadas e ao son da gaita, tamboril e castañolas. Forman un só conxunto coreográfico, aínda que parece ser que non sempre foi así, e poderían actuar soas. As mozas, chamadas burras, van vestidas de branco e levan aos ombreiros as nenas vestidas con ás de anxo e da mesma cor. Antano, as penlas vestían unha saia longa e branca pola mañá, e encarnada pola tarde. Do van, e da parte esquerda, penduraba unha pequena bolsa suxeita cun cordón de seda; e da dereita, un pano fino francés. Na parte de arriba vestían unha camiseta, que remataba cinguida ao cóbado con muselina fina; e nos pulsos, un pano pequeno de seda. O máis característico era o gorro que ía suxeito cunha fita de seda e adornado con outras en sentido vertical e de diferentes cores, que colgaban dunha arandela situada na parte máis alta. A ornamentación remataba cuns cadros de mosaico e cunhas figuras de forma cadrada ou ovalada. Lucían pendentes de ouro, prata sobredourada e colares cunha cruz ou aderezos, e acostumaban levar un pequeno asubío de prata ou unha espada penduradas do van. No peito, flores. Ataviadas deste xeito ían na procesión e bailaban sobre as burras, vestidas con mantelo e camisa rizada, que as suxeitaban cuns aros fortes atados ao van da penla. A danza comezaba co saúdo á Virxe da segunda penla e logo dirixíanlle saúdos ao Santísimo; asubiaban, movían os brazos e o corpo, e botaban flores ao ritmo das danzantes.

    4. danza de arcos

      Danza na que os bailadores levan arcos ataviados con fitas de cores. Destacan, entre outras, as da Franqueira, Betanzos, Sada, Riofrío e Cambados.

    5. danza de damas e galáns

      Danza de estrutura e pasos complexos na que a música presenta ritmos contrastantes. Poden bailar catro mozos e oito homes vestidos coma unha muller, como acontece na de Lavadores ou San Roque de Vigo, ou ben cinco mulleres -acompañadas dunha guía de mulleres-, dez homes -acompañados de dous contraguías- e mais un guía, como acontece na de Darbo e outras vilas do Morrazo.

    6. danza de fitas

      Danza bailada por un grupo de seis a doce persoas na que cada unha delas colle unha fita de cor que está prendida nunha pértega, que ás veces leva enriba un boneco que se move ao ritmo da danza. Os bailadores xiran ao redor da pértega, primeiro trénzana coas fitas e logo destrénzana. Atópanse exemplos delas en Europa e América. En Galicia, destacan as de Fontefría, Guín, Betanzos e Vilanova dos Infantes.

    7. danza de paos

      Danza de orixe moi antiga que se documenta en toda a Península Ibérica. Nela participan entre oito e dezaseis bailaríns que danzan cun pau na man que se suxeita con fitas ao pulso e que levan un guía e, ás veces, van acompañados dun personaxe semellante ao rabelo. Destacan a de Xuvencos (Boborás), Taboexa e a de Vilanova dos Infantes.

  3. s f

    Espectáculo de persoas que danzan.

  4. s f

    Actividade ou movemento continuo de alguén ou algo que se move de forma rápida e incesante.

    Ex: Andou toda a noite de danza porque lle estivo a nena enferma. OBS: Xeralmente, constrúese seguido da preposición en. Ex: Estivo en danza ata que chegaron os convidados.

  5. s f

    Asunto pouco claro e sospeitoso. OBS: Constrúese seguido da preposición en.

    Ex: Non sei cómo fas, mais sempre andas metido en danzas.

  6. s f [LIT]

    Composición poética provenzal de finalidade basicamente coreográfica. Está formada por un refrán e tres cobras. A primeira parte destas é formalmente independente e a segunda (cauda) rima co refrán e, se non hai, coa tornada. É moi similar ao virelai francés.

  7. [ZOOL]
    1. s f

      Movemento ritualizado que algúns animais gregarios establecen nunha comunicación entre individuos da mesma especie. As máis das veces están relacionadas coa reprodución ou a territorialidade.

    2. danza das abellas

      Movementos que executan as abellas, no interior da colmea, cando atopan unha fonte de néctar ou de pole, para comunicarlle á colonia ónde están e a qué distancia. Con estes movementos marcan un diámetro que indica o ángulo de voo a seguir en relación á posición do Sol, e a distancia aproximada.

    3. danza nupcial

      Sistema de comunicación animal que permite que os individuos dunha especie inicien as relacións necesarias para reproducirse. A danza nupcial permite a identificación e a atracción mutua dos individuos maduros sexualmente, de xeito que o macho e a femia cheguen, de forma sincrónica, ao clímax sexual, feito relevante nas especies de fecundación externa. Tamén pode contribuír ao establecemento e continuidade dunhas relacións estables nas especies nas que os dous sexos participan no coidado da descendencia. Estas condutas complexas aparecen en moitos animais, como os artrópodos, cefalópodos e vertebrados.

  8. danza da morte [ARTE/MÚS/LIT]

    Danza ou a súa representación na que intervén a figura da morte como alegoría do seu poder igualador. Nas súas representacións -plásticas, musicais e literarias- aparecen membros da xerarquía da sociedade medieval. Consistía nunha danza macabra dialogada na que a morte, representada como un esqueleto, interpelaba unha ampla representación da raza humana, en ocasións máis de corenta personaxes escollidos pola súa profesión ou pola súa condición: o rei, o arcebispo, o mercador, o mestre, o médico, o namorado, o pobre ou o tolo. En literatura refírese a un poema dialogado que se cultivou en diversas zonas de Europa entre o final do s XIV e comezos do XV. O seu nome procede da composición Je fis de macabre la dance (1376), de Jean Le Fèvre. Son textos didáctico-satíricos, con elementos alegóricos e moralizantes, que representan unha procesión ou baile no que os mortos arrastran á tumba a persoas de diferente condición, idade ou xerarquía social; deste xeito iguálaos a todos nun mesmo destino. O diálogo recrea as acusacións da morte e a defensa dos personaxes, que se negan a acompañala. Desenvolve os temas da inexorabilidade da morte, a vaidade dos bens terreais, a fugacidade da vida ou a necesidade de arrepentimento, a miúdo acompañados dun trasfondo crítico fronte a certos estamentos sociais e profesións, en clave satírica. O seu precedente directo é o poema Le Vers de la Mort (1195?), de Hélinand de Fiordmont. Outros textos que preludian o xénero foron o Débat du corps et de lâme (s XII), Dit des trois mors e des trois vifs (1280?) ou Pardoners tale (s XIV), de G. Chaucer. Entre as manifestacións conservadas do s XV están o anónimo español Dança general de la muerte, o italiano Ballo delle morte ou a Danse macabre (1485), de Guyot Marchant, que Pere Miquel Carbonell traduciu do francés ao catalán, introducindo novos personaxes, en 1497. A partir do s XIX, o tema foi retomado por escritores como E. A. Poe, Ch. P. Baudelaire ou J. de Espronceda. Musicalmente o tema representábase coreograficamente sobre o texto gregoriano do Dies irae; posteriormente o tema foi retomado por compositores como Berlioz, Liszt, Saint-Saëns e Honegger. Nas artes plásticas o tema aparece en miniaturas, pinturas e esculturas dos ss XIV e XV; o personaxe principal era un esqueleto que tocaba un instrumento musical e que conducía os vivos á tumba. Foi un tema empregado a miúdo polos gravadores e entre as series de gravados conservadas destaca a de Hans Holbein.

Frases feitas

  • Armar (unha) danza

  • 1 Organizar un baile de festa.

  • 2 Crear un alboroto.

  • 2 Fuxir de situacións difíciles.

  • Boa vai a danza! Expresión que se usa para indicar que unha diversión pode acabar mal.

  • Deixarse de danzas 1 Non meterse en leas.

  • Entrar en danza. Tomar parte en algo.

  • Estar en/na danza. Andar nas murmuracións da xente.

  • Non reparar en danzas. Non ter en conta obstáculos para realizar algo.

  • Poñer/pór/traer a un en danza. Falar de alguén.

  • Vaiche boa a danza! Expresión que se emprega para indicar que algo ou alguén non ten razón.