Datura

Datura
[PLANTA]

Xénero da plantas, da familia das solanáceas, caracterizadas por presentar flores pentámeras con forma de funil, que comprende dez especies das zonas tropicais e cálidas do mundo. En Galicia están presentes, como especies alóctonas, de orixe americana: D. stramonium, de ata 100 cm de altura, de aspecto ramalludo e cuberta de longas espiñas, con follas de ata 20 cm de longo e dentadas, flores brancas e froitos constituídos por cápsulas de cor verde de 5 cm de lonxitude, que aparece en medios ruderais como cultivos e lugares incultos e removidos nitrificados, e que presenta alcaloides derivados do tropano -de acción antiespasmódica, antiasmática e antiparkinsoniana-. As follas frescas trituradas empréganse como analxésico local e as follas desecadas fúmanse para solucionar problemas respiratorios e como alucinóxeno pola súa acción soporífera e hipnótica; e D. arborea, procedente dos Andes peruanos, con follas caducas grandes e oblongas, flores brancas de ata 250 mm e fedorentas -que son polinizadas, no lugar de orixe, por morcegos da suborde dos megaquirópteros- que tamén presenta alcaloides de acción alucinóxena e narcótica, empregada polos andinos como anestésico, afrodisíaco, alucinóxeno e para inducir normas de obediencia ou educación aos nenos pequenos. Reciben en galego as denominacións de estramonio e de figueira do inferno.

Palabras veciñas

Datsun | Datu | datum* | Datura | daturina | Dau al set | Daubenton, Guillaume