DBO
Medida do grao de contaminación da auga debida á concentración de materia orgánica biodegradable. Vén indicada pola cantidade de osíxeno consumido como resultado da actividade respiratoria dunha mostra de microorganismos aerobios que medran sobre compostos orgánicos, a unha temperatura de 20°C ao longo dun período de tempo determinado. Cando o período de tempo é de cinco días, coñécese como demanda biolóxica de osíxeno estándar ou DBO5. Exprésase en miligramos de osíxeno consumido por litro de auga (mg/l) ou en partes por millón (ppm). Proporciona unha medida só aproximada, xa que non sinala a presenza de substancias orgánicas difíciles de degradar. O proceso de degradación non se remata en cinco días e a presenza de substancias tóxicas para os microorganismos encargados da degradación fai diminuír o valor de DBO respecto ao teórico. Malia iso, é un dos parámetros indicadores da calidade da auga máis empregados.