De correctione rusticorum

De correctione rusticorum
[LIT/RELIX]

Obra composta por san Martiño de Braga ou de Dumio entre os anos 573 e 574, coñecida tamén como Pro castigatione rusticorum, Epistula ad Polemium ou De origine idolorum. Elaborada por requirimento de Polemio, bispo de Astorga, inscríbese no impulso catequizador derivado do Segundo Concilio de Braga (572) e pretendía corrixir as desviacións na fe dos habitantes das dioceses da Gallaecia incluídas dentro dos límites do reino suevo. Por mor desta función catequética, o seu estilo -cualificado polo autor de sermo rusticus- estaba pensado para un tipo de lector de baixo nivel cultural, non versado en cuestións de dogmas e familiarizado con prácticas onde a ritualización se tinguía de superstición. De feito, o noroeste peninsular vivía daquela unha situación de sincretismo relixioso, ao perviviren as vellas crenzas pagás e as desviacións no dogma cristián. Ás crenzas dos pobos prerromanos superpoñéronse tanto as relixións importadas durante a romanización -incluídas as prácticas mistéricas orientais- e as invasións dos pobos bárbaros, como o cristianismo. Desta última fe arraigaron o corpus de dogmas considerado “ortodoxo” e desviacións heréticas, como o arrianismo -relixión oficial do reino suevo- e o priscilianismo. As fontes empregadas por san Martiño foron De catechizandis rudibus de santo Agostiño, os Sermones de Cesario de Arlés e De Trinitate de Hilario de Poitiers. A obra comeza cunha referencia á creación e á caída dos anxos rebeldes, feito que inscribe as súas ensinanzas no marco da salvación cristiá. A tendencia á idolatría ponse de manifesto na parella primixenia -Adán e Eva-, feito que obriga a Deus a expulsalos do Paraíso e a destruír o mundo creado por medio do Diluvio. Pero os demos continuaron a enganar os homes, que se dedicaron a prácticas condenatorias, como a adoración a demos e bestas da natureza, a celebración de cerimonias propiciatorias ou a aprendizaxe das artes adiviñatorias. Finalmente Deus decide enviar o seu fillo para que, coa súa paixón e morte, redima os homes liberándoos do poder dos demos e estableza con estes un pacto de salvación por medio do bautismo. O libro remata cunha exhortación a vivir na fe de Cristo -abandonar falsas crenzas, asistir a misa e comportarse caritativamente- para acadar a vida eterna. A importancia desta obra, máis que teolóxica ou literaria, é histórica, ao ofrecer unha ampla visión da relixión popular da época no noroeste peninsular; situación que, por outro lado, se podería extrapolar a calquera outra área do Occidente altomedieval, na que o nacente cristianismo pugnaba por se impoñer fronte as relixións das culturas precedentes. Serviu, ademais, de inspiración para moitos tratadistas cristiáns, como San Gall, Elixio de Noyon, Pirminio de Reichenau ou Valerio do Bierzo, e foi traducida ao galego por Paulino Pedret Casado.

Palabras veciñas

De catro a catro | De Chirico, Giorgio | De civitate Dei | De correctione rusticorum | de cuius* | De Deus | De Dominicis, Gino