debuxo

debuxo

(

  1. s m

    Representacion gráfica de algo.

    Ex: Cos debuxos gañadores realizouse unha exposición.

    1. s m

      Arte de facer un debuxo.

      Ex: Puxéronlle unha mala nota na materia de debuxo.

    2. debuxo artístico

      Sistema de representación plástica baseado na copia de obras de arte ou na reprodución en perspectiva e sombreado de obxectos ou conxuntos reais.

    3. debuxo do natural

      Debuxo realizado diante do modelo que se quere debuxar.

    4. debuxo industrial

      Sistema de representación empregado na industria para representar artefactos mecánicos, instalacións, procesos, etc. O obxecto represéntase sobre o papel por medio de vistas de planta e de diversos alzados; eventualmente, emprégase a perspectiva. O debuxo é esquemático e inclúe símbolos gráficos, anotacións e detalles ampliados, seguindo unhas normas (DIN, ISO, UNE, etc). Xeralmente, trabállase a escalas de relacións próximas á unidade (1:2, 1:4, 2:1, etc). Empréganse os utensilios propios do delineante, entre outros, escuadro, cartabón, paralelógrafo, compás, rotuladores, patróns. O debuxo industrial sobre papel estase a substituír polo debuxo sobre pantalla de ordenador, con trazado posterior sobre soporte de papel ou sen el.

    5. debuxo lineal

      Sistema empregado de forma habitual na arquitectura, na construción e na industria para a representación, xeralmente a escala, de planos, de seccións, alzados, plantas, esquemas, etc.

    6. debuxo subxacente

      Debuxo realizado polo pintor directamente sobre o soporte da obra.

    1. s m [ARTE]

      Conxunto de formas representadas sobre unha superficie mediante liñas ou manchas, normalmente dunha soa cor. Para debuxar utilízanse diversos materiais: o estilete, no debuxo preparatorio de retablos e pintura ao fresco; o lapis (de grafito, de carbón ou de París, de sanguina, de cores, etc); diversas barras pequenas naturais ou producidas artificialmente (grafito, punta de ouro, punta de chumbo, carbón, sanguina, cores ao pastel, á cera, xiz), material que necesita unha materia colorante xeralmente moi diluída, como as tintas, as acuarelas, as anilinas, as cores ao plástico, etc; rotuladores de feltro, bolígrafos, bastóns, chumbos, témperas e pinceis. Como material complementario para debuxar ou axudar a debuxar, que produce calidades diferentes (tactos, raias, sombras, etc), empréganse gomas de borrar, esfuminos, teas, esponxas, etc. Calquera superficie é válida para realizar un debuxo, non obstante o soporte máis empregado é o papel, branco ou coloreado, e liso ou de superficie rugosa. Antes da súa xeneralización, empregáronse táboas calcarias ou de terracota, follas de papiro e palma, táboas de madeira e pergamiños. O papel presenta, de xeito xeral, unhas características superficiais aptas para conseguir un efecto determinado baseadas na inclusión de pos, serraduras, etc. Segundo os materiais e as técnicas que se empreguen, seca ou acuosa, pódese efectuar unha obra ou outra segundo o xeito de combinar os trazos e as manchas. No debuxo ao trazado a liña delimita as imaxes, no debuxo esbozado os pequenos trazos modelan a forma e nun debuxo manchado conséguese a forma e o volume por medio de manchas. O debuxo pode ser unha obra artística definitiva ou ben unha realización de estudo (esbozos, apuntamentos, cartóns, etc). Tamén pode constituír un primeiro paso na realización de técnicas artísticas (pintura ao óleo, acuarela, témpera, etc), neste caso serve de preparación e encadramento na obra definitiva.
      Evolución histórica
      As manifestacións máis antigas de debuxos remóntanse á prehistoria. A técnica máis antiga consiste no trazo de signos cos dedos da man a través da presión sobre unha superficie branda. O paso seguinte foi a incisión en paredes rochosas e a delimitación de contornos, ben con pinceis ben aproveitando as rugosidades da propia parede. No antigo Exipto representábanse as figuras na actitude máis conveniente para ser perfiladas con trazos lineais: os ollos e o tronco de fronte, e a cabeza e as extremidades de perfil. Da arte grega antiga só se conservan mostras de decoración cerámica, na que toda a forza expresiva das figuras está na liña dos contornos. A decoración lineal tamén adornaba as pezas de bronce etruscas. Na Idade Media occidental o debuxo, coloreado ou non, ilustrou os manuscritos e converteuse na base dos gravados. Como xénero independente, foi o reflexo da concepción artesanal da arte, xa que foi utilizado xeralmente como unha medida auxiliar. Deste período consérvanse cadernos de repertorios iconográficos e motivos decorativos que son practicamente manuais de arquitectura e que, á morte do mestre, pasaban aos seus discípulos; entre outros, destacan o de Villard d’Honnecourt (s XIII). Durante a Alta Idade Media empregáronse tamén pequenas táboas de madeira enceradas ou recubertas de po de óso nas que cun estilete se realizaban debuxos. Os cadernos de notas nos que se reproducían os proxectos arquitectónicos cambiaron dende o s XV e convertéronse nun repertorio de motivos iconográficos ou nun libro de apuntamentos persoais. Dende o Catrocentos, o debuxo afirmouse como unha especialidade artística con valor propio e converteuse nun instrumento para o estudio da Antigüidade e da natureza, e para a transmisión de modelos. Coa liña afrontouse a representación de todas as posibles posicións dos corpos no espacio tridimensional nun intento de plasmar nunha superficie plana toda a gama de aspectos da realidade (Dürer, Holbein, Huber, Clouet, etc). A introdución do uso do modelado resaltou o volume tal e como aparece nos debuxos de Boticelli e sobre todo de Leonardo da Vinci, considerado o introdutor definitivo do esfumado. O debuxo executado por planos, segundo a valoración tonal de luces e sombras que presentan os obxectos expostos á luz, adquiriu un relevo especial con Velázquez, continuou no século seguinte e acadou o máximo esplendor co impresionismo. De xeito paralelo á conquista da autonomía do debuxo, as técnicas enriquecéronse; así, destaca o grao adquirido polos cultivadores do pastel no s XVIII, que está a medio camiño entre o debuxo e a pintura, e do emprego da sanguina que tamén comezou neste século. No s XIX os debuxos naturalistas de Goya exerceron unha grande influencia e, durante o prerromanticismo e o romanticismo co interese renovado pola natureza, abundaron os artistas viaxeiros que reuniron en álbums os apuntamentos de paisaxes e costumes. Jean Ingres, seguindo as directrices de Jacques-Louis David, cultivou un estilo realista baseado na liña precisa e no esfumado, que se converteu nun estilo clásico e punto de referencia inevitable para os que despois perseguiron a perfección técnica. Co progresivo perfeccionamento das artes gráficas, o debuxo converteuse nun medio ilustrativo imprescindible para o xornalismo. Os impresionistas insistiron na busca de novos valores que os afastasen, aparentemente, da base realista; sen embargo, Renoir exemplificou o retorno a unha disciplina realista máis ortodoxa. O modernismo dotou o debuxo dunha liña máis fluída. O cubismo introduciu unha concepción estrutural da forma que volveu basearse sobre todo no trazo, mentres que o expresionismo remarcou con énfase os contornos, pero sempre en estreita relación coa distorsión cromática. Coa intensificación da abstracción emerxeu, como contrapunto, a reafirmación do debuxo de figura cun contorno firme. Un dos grandes campos de expansión do debuxo é a historieta ilustrada e a caricatura.
      O debuxo en Galicia
      Os pintores, ilustradores e cartelistas modernistas foron os principais cultivadores do debuxo como xénero. Os modernistas Federico Ribas Montenegro (1892-1952), Manuel Bujados (1889-1935) e Máximo Ramos (1890-1949) traballaron como debuxantes e ilustradores nos principais xornais da súa época, entre os que destacou La Esfera. Os carteis de Camilo Díaz Baliño (1889-1936) tamén teñen como base o debuxo de orixe modernista. O gran debuxante galego foi Castelao (1886-1950), caricaturista, ilustrador e autor de álbums de debuxo: Nós (1918); en 1922 comezou no xornal Galicia a publicación de Cousas da vida, Os dous cegos e Cousas; Galicia mártir (1937), Atila en Galicia (1937) e Milicianos (1938). No seo da Sociedad Arqueológica de Pontevedra, Enrique Campo Sobrino (1890-1911) foi un dos representantes do debuxo arqueolóxico. Os Renovadores da arte galega (Maside, Seoane, Colmeiro, Souto, Laxeiro, etc), atoparon no debuxo unha das bases da súa pintura. O cómic e a ilustración son dous dos campos de traballo dos debuxantes galegos contemporáneos.

    2. s m [IMAX]

      Imaxe que se obtén a partir dunha fotografía repasando a figura con tinta chinesa e borrándoa fotograficamente. Ten unha grande aplicación no campo da publicidade e na confección de pósters e de carteis para o cine.

    3. debuxos animados [IMAX]

      Xénero cinematográfico baseado tecnicamente na representación de debuxos que, ao ser proxectados nunha serie de instantáneas cun movemento continuado, parece que teñen vida.

  2. Figura ou conxunto de figuras formada polo tecido duns encaixes, o ornamento dunha tea, os ferros dunha reixa ou calquera outra cousa.

  3. Plano dunha obra musical ou dunha liña melódica calquera.

Palabras veciñas

debutar | debuxante | debuxar | debuxo | Deby, Idriss | debye | Debye, apantallamento de