decápodo -da

decápodo -da

(< deca- + -podo)

  1. adx

    Relativo ou pertencente aos decápodos.

  2. s [ANIMAL]
    1. Crustáceo da orde dos decápodos.

    2. pl

      Orde de crustáceos que se caracteriza por presentar cinco pares de patas torácicas das que o primeiro par, e tamén ás veces o segundo, pode presentar no extremo unha pinza. Tamén se distinguen por ter os tres primeiros pares de apéndices do tórax asociados ao aparato bucal. A este grupo pertencen a maioría dos crustáceos, con máis de 10.000 especies, e tamén os de maior tamaño, xa que aínda que algunhas especies de cangrexo chícharo non superan os 2 mm, hai outras -como o cangrexo araña- que supera os 4 m de envergadura. A maior parte dos decápodos son mariños pero existen unhas poucas especies que se adaptaron a vivir en augas salobres de marismas, na auga doce de ríos e lagos, e mesmo algunhas en terra. A división do corpo dos artrópodos en tres partes (cabeza, tórax e abdome) preséntase simplificada a un cefalotórax, produto da fusión nun único escudo da cabeza (que consta de 6 segmentos) co tórax (de 8 segmentos) e un abdome (de 6 segmentos articulados). A casca quitinosa ou calcaria ten unha coloración variable: verde, azul ou acastañada. A cor orixínase pola combinación de prótidos e carotenos, que se disocian coa ebulición á que son sometidos polo home para a súa alimentación, polo que, tralo proceso de cociñado, os decápodos adquiren unha cor vermella. O cefalotórax ten a superficie granulada, tuberosa, espiñenta ou pilosa, e nela distínguense seis rexións: unha anterior media, denominada gástrica; dúas anteriores laterais, denominadas hepáticas; unha posterior media, denominada cardíaca; e dúas posteriores laterais, denominadas branquiais. O extremo anterior do cefalotórax prolóngase máis alá dos ollos e forma unha punta denominada rostro. O tórax está formado por oito segmentos, con cadanseu par de apéndices. O abdome, tamén chamado pleon, pode presentar nos macruros unha forma alongada con cinco pares de pleópodos e remata nun telson formado polo segmento último do abdome e o último par de pleópodos ensanchado; nos braquiúros é curto e prégase baixo o cefalotórax, con catro ou menos pleópodos e, as máis das veces, sen telson. Os pleópodos están formados por dúas pólas; nas femias serven para levar os ovos, e no caso dos machos, os dous primeiros pares están transformados en órganos copuladores. Os apéndices dos decápodos, por diferente que sexa a súa aparencia, comparten unha mesma orixe común primitiva xa que en cada un deles se podería distinguir unha parte basal, ou protopodio, do que parten un exopódito cara a fóra e un endopódito. Cando os apéndices das especies actuais manteñen esta dobre estrutura de exopódito e endopódito, denomínanse birrámeos (caso das branquias ou dos pleópodos) e se desaparece o exopódito denomínanse unirrámeos (como é o caso das patas). Outros apéndices presentan estruturas foliáceas, como é o caso dalgunhas pezas do aparato bucal. O primeiro par de apéndices da cabeza dos decápodos son as anténulas, que manteñen as dúas pólas que aparecen en forma dun flaxelo dobre. Estas anténulas presentan na base os estatocistos. O segundo par de apéndices da cabeza son as antenas. O terceiro par de apéndices deu lugar á mandíbula, que ten unha parte para cortar e outra para moer, na que o endopódito se presenta como un palpo. O cuarto apéndice son as maxílulas, que presentan dúas láminas foliáceas ou lacinias e un palpo. E o quinto apéndice son as maxilas, con dúas lacinias, unha escama orixinada a partir do exopódito e un palpo. Os dous ou tres primeiros apéndices do tórax seguen formando parte do aparato bucal e denomínanse maxilípedos: o primeiro par de maxilípedos preséntase como lacinias, o segundo par non presenta estruturas foliáceas e o terceiro par aseméllase a unha pata nos decápodos reptantes, mentres que nos decápodos braquiúros se presenta en forma de opérculos que pechan a cámara bucal. O resto dos apéndices torácicos preséntanse como patas de sete artellos e, as máis das veces, polo menos un par de patas contan cunha pinza, tamén denominada quela, orixinada pola prolongación do penúltimo artello (ou propodio) que se opón ao último (ou dáctilo). Os apéndices abdominais chámanse pleópodos e sérvenlles ás femias para portar os ovos e, no caso das especies nadadoras, para remar. Os apéndices do sexto segmento denomínanse urópodos e o primeiro ou dous primeiros pares de apéndices abdominais dos machos presentan modificacións para transportar o esperma á femia. Nos braquiúros, os apéndices abdominais están moi reducidos. As branquias aparecen asociadas aos apéndices torácicos; están formadas por un eixe central con numerosas ramificacións laterais a xeito de pluma polas que circula o sangue e onde se realiza o intercambio gasoso gracias á hemocianina que constitúe a proteína transportadora de osíxeno en sangue. Orixinariamente, cada segmento torácico contaba con oito branquias, o que daría un total de 64, aínda que as especies actuais teñen un número menor: o lumbrigante ten 40 e os cangrexos mariños 18. Nos cangrexos de río dispóñense da seguinte forma: un par de branquias no segundo maxilípedo, tres pares no terceiro maxilípedo, tres pares no primeiro par de patas, catro pares no segundo, terceiro e cuarto par de patas, e un par no quinto par de patas. Unha das branquias, a da segunda maxila, denominada escafognato, provoca unha corrente ventilatoria que impulsa cara a diante a auga, que sae pola parte anterior da cabeza. As especies que se refuxian ou viven en fondos lamacentos presentan estruturas con numerosas sedas na base das patas, que funcionan como filtros da auga para que estas partículas non accedan á cámara branquial. Para manter as branquias en bo estado os decápodos límpanas periodicamente servíndose das patas (co primeiro ou segundo par no caso das gambas, ou co quinto no caso dos cangrexos peregrinos) ou dos exopóditos transformados en vasoiriñas dos maxilípedos no caso dos cangrexos. A maior parte dos decápodos presentan ollos complexos situados no extremo dun pedúnculo de dous ou tres artellos que, ao seren móbiles, lles permiten ver en todas as direccións. Os decápodos que perderon os ollos por vivir a profundidades onde non chega a luz manteñen non obstante o pedúnculo. Á parte dos ollos, os decápodos teñen outros órganos dos sentidos, como as quetas, que, repartidas por todo o corpo, son sensibles a substancias disoltas na auga de xeito que funcionan como órganos do gusto e do olfacto; ou como os estatocistos que, situados na base das anténulas, serven como órganos do equilibrio. O sistema nervioso está composto por un glanglio supraesofáxico de gran tamaño, un colar esofáxico e unha cadea ventral de ganglios que nos braquiúros forma unha única masa nerviosa. En canto ao tipo de alimentación, existen especies depredadoras, preeiras e herbívoras, que recollen o alimento coas patas provistas de pinzas coas que o levan aos maxilípedos que, á súa vez, o dirixen ata as mandíbulas trituradoras. A boca está situada na zona ventral do rostro e ten aos lados os maxilípedos; o terceiro par ten forma de placas rectangulares que cobren os dous pares anteriores e pechan a cavidade bucal. A boca comunícase, mediante un esófago curto, co estómago, que aparece dividido mediante unha constrición en dúas partes: unha anterior denominada cardíaca, ancha, con dous discos calcarios nas súas paredes empregados como depósito de calcio, que mobiliza no momento da muda; e outra posterior, denominada pilórica, estreita e que presenta dúas placas quitinosas dentadas que serven para a mastigación. Na rexión cardíaca tritúrase o alimento gracias ás cristas endurecidas e aos dentes calcificados que presentan e que conforman o denominado muíño gástrico; mentres que na rexión pilórica remata a trituración e ten lugar a filtración. Á saída do estómago pilórico, o alimento, xa moi dividido, pasa ao intestino onde recibe a secreción enzimática do hepatopáncreas, masa glandular compacta que ocupa gran parte do cefalotórax. Tamén existen especies, como os cangrexos violinistas, que filtran a lama entre os maxilípedos bombeando auga dende a cámara branquial; e outras, como os cangrexos toupa (do xénero Emerita), que presentan o segundo par de antenas adaptado para filtrar o plancto e outras partículas da auga mentres o animal permanece enterrado na lama. En relación á reprodución, a femia mantén os ovos ata a eclosión. A primeira larva dos peneidos é de tipo nauplio, considerada a máis primitiva, dá lugar trala muda a unha larva de tipo metanauplio, protozoea, zoea e mysis, que orixina a forma adulta. A larva característica das lagostas denomínase filosoma e presenta once pares de apéndices articulados. Os anuros e braquiúros pasan polos estados de zoea, metazoea e megalopa. A zoea dos braquiúros leva catro apéndices espiñentos grandes no cefalotórax e sete apéndices articulados, e a zoea dos macruros, oito pares de apéndices articulados. A primeira larva dos astácidos presenta a totalidade dos pereiópodos e ten unha aparencia similiar ao adulto. A importancia económica dos decápodos foi aumentando dende a segunda metade do s XX, de xeito que a finais dese século, o consumo mundial era dun millón de toneladas anuais. Algúns camaróns das familias dos peneidos e palemónidos críanse en mangleirais, feito que supón a destrución deste ecosistema clave na conservación do litoral e da cría de moitos peixes mariños. Esta actividade tan destrutiva supón para moitos países unha parte primordial da súa economía. A orde divídese en catro subordes: os anomuros, os braquiúros, os macruros e os natantios. Recibe tamén o nome de decabraquio.

  3. s [ANIMAL]
    1. Molusco da orde dos decápodos.

    2. pl

      Denominación que reciben os moluscos cefalópodos que presentan oito brazos e dous tentáculos.

Palabras veciñas

decapitación | decapitado -da | decapitar | decápodo -da | Decápolis | Decápolis | decárea