Defensor del Pueblo
Alto comisionado das Cortes Generales que ten a misión de defender os dereitos dos cidadáns e supervisar a actividade da Administración pública. Instituíuno a Constitución española de 1978, a imaxe do ombudsman escandinavo, pero a institución non se desenvolveu ata a aprobación da Ley del Defensor del Pueblo 3/1981, de 6 de abril. Elíxeno as Cortes Generales, o seu mandato é de cinco anos, non está suxeito a ningún mandato imperativo, non recibe instrucións de ningunha autoridade e desenvolve as súas funcións con autonomía segundo o seu criterio. O cargo é incompatible con calquera outro, xa sexa por elección ou por designación, e tampouco pode estar ao servizo da administración pública, nin afiliado a partidos políticos, sindicatos ou asociacións, nin exercer ningunha outra actividade laboral, mercantil ou profesional. Goza de inviolabilidade e inmunidade durante a súa permanencia no cargo. A sede da institución é o Palacio del Marqués de Bermejillo, en Madrid. O seu primeiro titular foi Joaquín Ruiz-Jiménez Cortés, que recibiu a aprobación das cámaras o 29 de decembro de 1982 (o 28 de xuño, antes das eleccións xerais do 28 de outubro, a súa candidatura fora rexeitada polo Congreso de los Diputados). O 6 de abril de 1983 aprobouse o seu regulamento de organización e funcionamento. O 30 de decembro de 1987 rematou o mandato de Ruiz-Jiménez e Álvaro Gil-Robles y Gil-Delgado, adxunto primeiro dende o 21 de abril de 1983, asumiu interinamente as funcións do cargo. O 15 de marzo de 1988 o pleno do Senado ratificou a elección de Gil-Robles como Defensor del Pueblo, aprobada pola cámara baixa o 8 de marzo. O 16 de marzo de 1993 Álvaro Gil-Robles cesou ao cumprirse o seu mandato e o cargo permaneceu vacante ata o 30 de novembro de 1994, cando as Cortes nomearon a Fernando Álvarez de Miranda. Transcorrido o seu mandato, Álvarez de Miranda cesou o 1 de decembro de 1999. O 14 de xuño de 2000 o Parlamento designou a Enrique Múgica Herzog como titular da institución.