Deianira

Deianira
[MIT]

Filla de Eneo, rei da cidade etolia de Calidón, e de Altea. Conducía un carro de combate e coñecía ben a arte da guerra. Cando Heracles descendeu aos infernos na procura de Cérbero, atopou a alma de Meleagro, irmán de Deianira, que lle pediu ao heroe que casase con esta. Así, de volta na Terra e tras vencer o deus-río Aqueloo, quen tamén a pretendía, uniuse en matrimonio con Deianira. Heracles e a súa esposa tiveron que partir para o desterro por darlle morte involuntariamente a Eunonios. Ao chegaren ao río Eveno encargáronlle ao centauro Neso que levase a Deianira á outra beira. Cando o centauro, aproveitando a ocasión, ía violala, Heracles feriuno mortalmente cunha das súas frechas. Pero Neso, antes de morrer, tivo tempo de ofrecerlle a Deianira o seu sangue en forma de filtro máxico, que lle permitiría reconquistar o amor do seu marido se algún día o perdía. Co tempo Heracles namoraríase de Iole, filla do Rei Euritos; daquela Deianira, celosa, mandoulle unha túnica mollada co filtro amoroso. Cando o heroe a vestiu, comezou a sentir como a túnica devoraba as súas carnes e lle chupaba o sangue. De seguida, chamou o seu fillo Hilo (ou Filoctetes, segundo outras versións) e pediulle que o subise ao cumio do Monte Eta, onde prendería unha fogueira para queimarse definitivamente; deste xeito, Heracles subiu ao ceo e acadou o rango de deus. Cando Deianira soubo da morte do seu marido, suicidouse sobre o leito conxugal atravesando o peito cunha espada.

Palabras veciñas

Dehra Dūn | dei | Deia | Deianira | deica | deicida | deicidio