Delaware
Estado dos EE UU, na península de Delmarva (5.295 Km2; 744.000 h [estim 1998]). A capital é Dover (30.414 h [1996]). A rede fluvial está formada polo esteiro navegable do río Delaware. O clima é temperado e húmido, e domina o bosque atlántico. Cultívase un 60% do territorio, no que predominan os cereais, os produtos da horta, as patacas e as froiteiras. A industria química tradicional diversificouse enormemente despois da Segunda Guerra Mundial e converteuse no estado coa renda per cápita máis alta dos EE UU; adquiriu importancia o sector téxtil, a elaboración de madeira e a industria alimentaria. A densidade de poboación é de 103 h/km2, co 80% de descendentes de europeos, o 16,9% de afroamericanos e ao redor de 16.000 persoas de orixe hispana. As cidades máis importantes, ademais da capital, son Wilmgton, Newark, Milford e Elsmere. A rexión foi explorada por Hudson en 1609, e colonizada durante o s XVII por holandeses e suecos. En 1681 pasou a formar parte da colonia de Pennsylvania, e en 1701 posuía unha administración independente. Foi o primeiro estado en ratificar a Constitución de 1787. Durante a Guerra de Secesión entrou a formar parte da Unión. En 1897 adoptou unha nova Constitución para o goberno interno.