Delft, cerámica de
Delft, cerámica de
Cerámica producida na cidade de Delft. As primeiras manufacturas están documentadas desde o s XVI pero a súa comercialización non comezou ata o s XVII. Caracterizouse polo emprego da cor azul, a imitación da porcelana chinesa, pola pasta lixeira pero resistente e moi moldeable, e polo seu revestimento cun esmalte de estaño. A finais do s XVII introducíronse outras cores, como o amarelo e o verde. No s XVIII a fabricación deixou de ser dirixida polos mestres cerámicos e pasou a mans de mercadores que basearon a súa produción no gusto da clientela. Abandonouse o tema oriental en favor das escenas europeas e a partir de entón diminuíu a calidade e produciuse a súa decadencia.