denuncia

denuncia

(< denunciar)

  1. s f

    Acción e efecto de denunciar.

    Ex: A denuncia dos crimes cometidos é un dos obxectivos do seu mandato.

  2. s f [DER]

    Acto que require unha declaración de coñecemento mediante o que a persoa que presenciou a perpetración -feito que pode ser constitutivo dun delito ou falta- ou ten coñecemento dela, notifícallo á autoridade xudicial, á administración pública, ao ministerio fiscal ou á policía. Pode facerse de palabra ou por escrito. Constitúe unha obriga de carácter procesual polo que o seu incumprimento é sancionable. Este deber non lles afecta aos que non teñan uso de razón, nin tampouco ao cónxuxe do delincuente, aos ascendentes e descendentes cosanguíneos ou afíns, aos avogados e procuradores respecto ás explicacións vertidas polos seus clientes, nin aos eclesiásticos e ministros de culto respecto ás novas que lles revelen no exercicio das funcións do seu ministerio. Como requisitos formais só esixe a identificación e a ratificación do denunciante, que pode facerse persoalmente ou a través dun mandatario cun poder personalizado, de modo verbal ou escrito. Nunha denuncia o denunciante non é parte, a non ser que se mostre como tal, e non ten outras responsabilidades, agás os supostos de acusación e denuncia falsa. Non está lexitimado para a interposición de recursos ou reclamacións en relación aos seus resultados, nin tampouco participa na sanción que puidera impoñerse. O xuíz ou funcionario que a recibe debe comprobar os feitos denunciados, salvo que non revistan caracteres de delito ou sexan manifestamente falsos.

  3. denuncia falsa [DER]

    Delito que consiste na atribución a unha persoa duns feitos que, de ser certos, constituirían delito. Debe existir un coñecemento da falsidade da declaración. Tamén é denuncia falsa simular ser responsable ou víctima dunha infracción penal ou denunciar unha infracción inexistente, feito que provocaría actuacións procesuais. Para actuar contra o falso acusador terá que existir unha sentenza absolutoria dos feitos imputados.

Palabras veciñas

Dentz, Fernand | denudación | denudar | denuncia | Denuncia | denunciable | denunciador -ra