dependencia

dependencia

(< lat dependentĭa, ppres de dependēre ‘depender’)

  1. s f

    Feito de depender.

    Ex: A súa dependencia materna tróuxolle moitos problemas cando casou.

  2. s f

    Lugar, cuarto ou edificio que forma parte dunha construción maior.

    Ex: A empresa ampliou as súas dependencias dentro do edificio.

  3. s f

    Sección ou departamento que depende dunha organización superior.

    Ex: Traballan na mesma empresa e na mesma oficina pero pertencen a distintas dependencias.

  4. s f [DER]

    Situación na que se atopa quen traballa por conta doutro e baixo a súa dirección.

  5. s f [ECOL]

    Relación que mantén un ser vivo cos outros membros da biocenose e cos factores ambientais polos que está condicionado.

  6. s f [ADM]

    Territorio que depende da administración dun Estado ou doutra división administrativa. É un vestixio da época colonial que tivo a súa máxima expansión durante a segunda metade do s XIX. Estados como o Reino Unido, Francia, os Países Baixos e os EE UU manteñen aínda algunhas dependencias baixo a súa administración, que son na súa maioría arquipélagos de Oceanía, do Índico e das Antillas.

  7. s f [LING]

    Relación sintagmática fundamental que se crea no discurso entre un elemento x e un elemento y se a elección ou manifestación de y está condicionada pola natureza de x (por exemplo, en galego a presenza da segunda forma do artigo coa preposición tras: tralo). L. Hjelmslev, introdutor deste concepto, consideraba que as diversas partes dun obxecto de análise existen só polas dependencias que as unen e son o único obxecto de descrición científica. Distinguía entre constelación (ou independencia), determinación (dependencia unilateral) e interdependencia (dependencia mutua).

  8. [MAT]
    1. s f

      ínculo relacional ou funcional entre dúas variables, conxuntos ou calquera outro obxecto matemático, de xeito que os valores duns están condicionados polos dos outros.

    2. dependencia alxébrica

      Relación xerárquica entre as estruturas numéricas. En O os números que non dependen alxebricamente de N, e que polo tanto son alxebricamente independentes, denomínanse números transcendentes; en consecuencia, os números transcendentes, como e ou π, non son raíces de ningún polinomio con coeficientes en N.

    3. dependencia de dous sucesos

      Relación entre dous sucesos, A e B, de tal maneira que a probabilidade de que A ocorra depende da probabilidade de que o faga B; a probabilidade condicionada de A respecto a B, P(A/B), difire da simple probabilidade de A.

    4. dependencia lineal

      Nun espazo vectorial E sobre un corpo C, relación entre un conxunto de vectores, v 1 ,..., v n , de tal maneira que existan n números de C, a 1 ,...,a n , algún deles non nulo, cos que se satisfaga que a 1 v 1 +...+a n v n =0. Os vectores v 1 ,..., v n son, entón, linealmente dependentes. Se non existe ningún conxunto de escalares a i que satisfaga a anterior condición, dise que os vectores v i son linealmente independentes.

  9. s f [MED/PSIC]

    Necesidade de continuar a administración dunha droga cando se adquiriu o hábito. A súa interrupción ocasiona a síndrome de abstinencia. Pode ser de tipo psíquico, cando o suxeito sente un desexo irresistible de se administrar a droga, ou de tipo físico, cando o organismo necesita a substancia para manter as súas funcións normais.

  10. s f [ECON/SOCIOL]

    Situación de desigualdade económica e social, propia do capitalismo, derivada da división internacional do traballo entre países centrais e países periféricos vinculados entre si por relacións asimétricas. Na era da globalización, as economías dominantes (EE UU, Europa e Xapón) aseguráronse o control dos cinco grandes monopolios: a tecnoloxía, os fluxos financeiros internacionais (a través de aseguradoras, bancos e fondos de pensións), os recursos naturais do planeta, os medios de comunicación e información e as armas de destrución masiva, o que lles permite perpetuar a desigualdade entre o Norte e o Sur. Para asegurarse esta posición, as grandes corporacións multinacionais contan co apoio de organizacións como o Banco Mundial, a Organización Mundial do Comercio (OMC) ou o Fondo Monetario Internacional (FMI), e coa colaboración das elites económicas e militares de cada un dos países do Terceiro Mundo. Deste xeito, as grandes potencias inflúen nas decisións políticas e económicas dos países menos desenvolvidos, feito que determina a súa identidade cultural e ideolóxica. Segundo as análises de R. Lafont, adaptadas por X. M. Beiras á situación galega (1972), Galicia está nunha situación de dependencia interior derivada da súa desposesión industrial, da primacía das industrias extractivas sobre as de transformación, e da desposesión do terreo agrícola, dos circuítos de distribución e dos recursos turísticos. Non obstante , a presenza de industrias como Pescanova, Zeltia ou Zara, que cumpren un papel central na globalización económica mundial, definen un novo modelo para o caso galego.

Palabras veciñas

depauperar | depelicar | depenar | dependencia | dependente | dependente -ta | depender