depresión
(< lat depressĭōne)
-
s
f
[XEOG]
Sector da superficie da terra situado xeralmente no interior dos continentes e que está máis afundido respecto ao nivel das rexións circundantes. As depresións están limitadas por fallas ou por inflexións estruturais.
Antónimos: elevación. -
s
f
[ECON]
Fase do ciclo económico na que a actividade se retrae cara a un estadio máis baixo do que lle corresponde á plena ocupación dos factores de produción.
-
s
f
[PSIC]
Estado emocional que se caracteriza por un debilitamento ou diminución das forzas anímicas, intelectuais e incluso físicas da persoa; a ansiedade, ou depresión ansiosa, o cansazo, o desánimo ou un certo sentido de impotencia, de inferioridade e de dependencia son tamén trazos característicos. Como un estado concreto e esporádico, que se ocasiona por situacións difíciles ou acontecementos de forte impacto emocional (depresión reactiva) ou por cambios psicosomáticos da persoa (depresión menopáusica ou climatérica), a depresión non supón nada patolóxico. Neste sentido cómpre distinguila da depresión como estado enfermizo, de carácter psicótico, que pode revestir en formas neuróticas.
-
s
f
[TECNOL]
Baleiro producido polo pistón no movemento descendente e que produce a aspiración da mestura gasosa combustible nos motores de acendido por chispa, ou do aire nos motores de ciclo diesel.
-
depresión atmosférica
[METEOR]
Núcleo de baixas presións cun diámetro que varía entre os 500 km e os 2.000 km. Poden ser de orixe térmica ou dinámica. Unha depresión térmica está provocada por un quentamento excesivo da masa de aire e o seu conseguinte descenso de presión; así ocorre coas que se forman na primavera e no verán sobre os continentes, e no outono sobre as superficies oceánicas. Unha depresión dinámica está orixinada por un mecanismo de ascensión provocada por unha ondulación da corrente en jet e chega a ter moita máis potencia vertical cás de orixe térmica. Tamén as hai que teñen unha orixe mixta, como é o caso da depresión de Islandia. As depresións atmosféricas da zona intertropical presentan características moi contrastadas; maniféstanse especialmente sobre o golfo de Bengala, sobre o mar de Arabia, sobre as Filipinas e sobre as Antillas. Son normalmente coñecidas como ciclóns tropicais, mentres que as da zona temperada denomínanse perturbacións norueguesas, e foron especialmente estudiadas por V. Bjerknes.
-
depresión do horizonte
[ASTRON/MAR]
Ángulo determinado do plano ideal da superficie do mar e a tanxente a esta superficie que se traza dende un punto de observación cando este punto está nunha posición elevada.