dereito -ta

dereito -ta

(< lat directu)

  1. Publicación aparecida en Santiago de Compostela en xullo de 1992. Subtitulouse “Revista Xurídica da Universidade de Santiago de Compostela”. Contaba cun consello de redacción presidido por José M. Lorenzo Salgado e formado por Antonio Carro, Tomás Iribarren, Luis González, Luis M. Sobrado, Francisco Caamaño, Pedro Puy, Enrique García e Manuel Segura. Tiña a colaboración dos servicios xurídicos do Parlamento de Galicia. Dividiuse nas seccións: “Estudios”, “Parlamento”, “Xurisprudencia” e “Bibliografía”. Entre os seus obxectivos figuran o de divulgar a tarefa investigadora das facultades de dereito galegas, a integración e diálogo entre xuristas e académicos, o achegamento entre as institucións xurídico-políticas do país e a promoción do debate multidisciplinar no mundo das leis.

  2. adx

    Recto, que dun extremo a outro non presenta ningún cambio de dirección.

    Ex: Entre esas dúas vilas a estrada é dereita coma un fío. Non ten as pernas tortas; tenas ben dereitas! Tes que mirar ó escribir de facer as liñas máis dereitas!

  3. adx

    Que non se desvía nin se detén.

    Ex: Ó saír da escola vai dereita á clase de música. Foi dereito ó que quería dicir. Colleu un voo dereito a Santiago.

  4. adx
    1. En posición vertical.

      Ex: Coloca os paos ben dereitos.Ten oitenta anos e anda dereita coma unha moza.

    2. [HERÁLD]

      Aplícase ao cuadrúpede, xeralmente o oso, erguido sobre as patas posteriores.

  5. adx
    1. Aplícase aos órganos, partes ou membros simétricos, que están situados no lado oposto ao do corazón.

      Ex: Escribe coa man dereita. Non ve do ollo dereito.

    2. Situado, respecto a unha persoa, na banda oposta á do corazón.

      Ex: Puxo as laranxas á dereita e as peras á esquerda.

    3. Situado na parte dereita da persoa que se coloca segundo o sentido da marcha que teña a cousa que se move.

      Ex: Ten a casa na marxe dereita do río.

  6. s m

    Cara ou lado principal dun tecido, dunha páxina ou dun obxecto.

    Ex: O dereito da tea tiña un defecto. Só escribe polo dereito dos folios.

    Sinónimos: face. Antónimos: revés, revés.
  7. s m [DER]
    1. dereito do mar

      Normas e principios reguladores do réxime xurídico do mar, no tocante ás costas, ao mar aberto, ao leito e ao subsolo. O dereito do mar, separado do dereito marítimo e integrante do dereito internacional público, réxese pola Convención das Nacións Unidas sobre Dereito do Mar de 1982.

    2. dereito eclesiástico

      Ciencia, diferenciada do dereito canónico, que estudia o tratamento que as diferentes normas dos ordenamentos estatais realizan sobre a materia relixiosa.

    3. dereito electoral

      Normas xurídicas que regulan a elección de cargos de representación pública, de órganos e de institucións públicas.

    4. dereito escrito

      Normas promulgadas polo lexislador e contidas en preceptos legais, a diferencia do dereito consuetudinario que se desenvolve polo uso social e que se transmite normalmente pola vía oral.

    5. dereito expectante

      Situación interina do suxeito que espera que se dean as condicións necesarias para que a súa situación xurídica sexa definitiva.

    6. dereito feudal

      Normas que regulaban a organización e as relacións feudais, baseadas na concesión por parte do soberano ou do señor de terras ou rendas en usufruto, que obrigaban a quen as recibía a gardar fidelidade, prestación de servicios militares, e presenza nas asembleas políticas e xudiciais que o señor convocase. Por mor da importancia social e económica que acadou esta práctica en toda a Europa medieval, acabou por ser recoñecida polos xuristas e polas disposicións dos emperadores. A súa fonte principal foi o Liber feudorum do s XII.

    7. dereito financeiro

      Sector do dereito adminsitrativo que regula a actividade financeira do sector público e que comprende o conxunto de normas e principios xurídicos que teñen por obxecto a ordenación dos recursos da Facenda Pública. Comprende o dereito tributario e o dereito orzamentario.

    8. dereito fiscal

      Parte do dereito público relativa á regulamentación da actividade financeira do sector público e das relacións entre os contribuíntes e as institucións do Estado con capacidade para esixir tributos. Regula os impostos, a determinación das persoas obrigadas ao seu pago, a execución dos pagamentos, a exención dos mesmos e os recargos por morosidade.

    9. dereito foral

      Dereitos especiais que rexen nun determinado territorio recollido nun foro.

    10. dereito humanitario

      Normas e principios xurídicos que regulan a protección das víctimas das guerras e dos conflitos armados. Vincúlase estreitamente á protección dos dereitos humanos. A súa elaboración debeuse, en gran parte, ao labor do Comité Internacional da Cruz Vermella. Os documentos máis importantes en materia de dereito humanitario son as catro Convencións de Xenebra.

    11. dereito imperativo

      Normas do ordenamento xurídico non dispoñibles pola autonomía da vontade e, xa que logo, de obrigado cumprimento polas persoas.

    12. dereito internacional

      Regras xurídicas que rexen as relacións internacionais, os vínculos entre os cidadáns de diferentes estados ou a situación xurídica dos estranxeiros respecto ao territorio no que actúan. Cómpre distinguir entre dereito internacional público, que é o constituído polo conxunto de normas que forman o ordenamento xurídico da comunidade internacional, e dereito internacional privado, definido como o conxunto de normas xurídicas que regulan situacións ou relacións con elementos persoais, reais ou formais vinculados a diferentes ordenamentos xurídicos. O contido do segundo é a nacionalidade, a estranxeiría, a competencia xudicial, o recoñecemento e execución de decisións xudiciais estranxeiras e a determinación da lei aplicable a un suposto internacional. As fontes máis importantes deste dereito son os tratados internacionais, o costume internacional, os principios xerais e a doutrina internacional.

    13. dereito interrexional

      Normas que determinan cál dos diferentes ordenamentos se aplicarán en determinadas relacións xurídicas con puntos de conexión en diferentes territorios con lexislación propia.

    14. dereito laboral/do traballo

      Normas xurídicas que regulan o traballo como feito social. O seu obxecto de aplicación é a prestación de servicios persoais, libre, por conta allea, remunerado e en situación de subordinación ou dependencia. As fontes do dereito do traballo teñen un carácter fundamentalmente estatal, a excepción das fontes de orixe profesional (convenios colectivos e regulamentos de réxime interno das empresas). Historicamente, conformouse como un dereito privado que rexía as relacións entre dúas partes contratantes; na actualidade vincúlase ao dereito público, como consecuencia da progresiva intervención dos órganos administrativos nas relacións laborais. Os principios de interpretación tenden a favorecer tecnicamente o traballador.

    15. dereito marítimo

      Regras xurídicas referentes aos diversos dereitos e obrigacións que afectan á navegación comercial nacional e internacional, especialmente, ao transporte de pasaxeiros ou mercadorías en barcos.

    16. dereito mercantil

      Normas destinadas a regular a organización e a actividade profesional dos empresarios no mercado. Nos ss XI e XII creouse de xeito consuetudinario, como un conxunto normativo, por e para o desenvolvemento do comercio e vinculado exclusivamente á clase comerciante. A partir da Revolución Francesa tendeuse a construír o dereito mercantil sobre o acto de comercio, sen ter en conta que fose ou non comerciante a persoa que o efectuase. En España está baseado no acto de comercio e regula os actos que integran a actividade profesional do empresario, o tráfico organizado en empresas ou o realizado ocasionalmente, pero que a lexislación considera mercantís. Os conceptos de empresario e empresa son os eixes fundamentais do dereito mercantil moderno.

    17. dereito natural

      Principios xurídicos non recollidos no ordenamento xurídico, teoricamente superiores ao dereito positivo e aos que este se ten que acomodar. Os defensores do dereito natural cualifícano como sistema de valores caracterizado pola universalidade e a inmutabilidade, concibidos pola recta razón, nado da natureza humana e non da vontade normativa da autoridade.

    18. dereito nobiliario

      Leis, usos e costumes que regulan a nobreza e o seu exercicio.

    19. dereito orzamentario

      Parte do dereito financeiro que estudia o orzamento público e que está formada polo conxunto de normas xurídicas que regulan os procesos de elaboración, aprobación, execución e fiscalización dos orzamentos xerais do Estado ou doutro ente público e dos actos que os integran, así como as normas que regulan os procesos de xestión dos ingresos e gastos públicos.

    20. dereito penal

      Normas xurídicas que determinan as accións e as omisións consideradas nocivas na orde establecida, caracterizadas coma delitos ou faltas, reprimidas e castigadas con penas ou medidas de seguridade, no exercicio da postestade que o Estado se atribúe en nome da sociedade. En sentido subxectivo, é o dereito que ten o Estado para definir os delitos e para impoñer e executar as penas. Obxectivamente, é o conxunto de normas establecidas co fin de determinar os medios de corrección e seguridade. O Estado é o único definidor do dereito penal, ao lle atribuír ao conxunto da sociedade a potestade de xulgar e castigar os feitos delitivos, pero o seu poder debe vir matizado polos dereitos inherentes á persoa humana, que son superiores. Dentro deste dereito inclúese o dereito penitenciario, que regula a execución das penas.

    21. dereito persoal

      Dereito inherente á persoa, intransmisible e que se extingue coa morte.

    22. dereito político

      Rama do dereito público interno que trata dos problemas fundamentais e primarios do Estado. Inclúe a Teoría do Estado e o Dereito Constitucional.

    23. dereito positivo

      Normas xurídicas que informan e regulan de forma efectiva a vida dunha comunidade nun determinado momento histórico. Tenta facer efectivos os principios xurídicos recollidos no dereito natural.

    24. dereito privado

      Normas que asisten a cada individuo ou particular de acordo coas leis. Definen e regulan as relacións de dereito civil e mercantil entre os individuos e as persoas xurídicas privadas.

    25. dereito procesual

      Normas que regulan a actividade das partes e a tarefa da tutela xurídica en todo proceso xudicial. A garantía dos cidadáns vén dada pola existencia de tribunais e pola regulamentación estrita da súa actividade. Constitúe unha rama do dereito público, e as súas normas teñen carácter imperativo. Divídese, esencialmente, en dereito procesual civil e dereito procesual penal. Pero cada unha das especialidades do dereito ten, ademais, as súas propias normas procesuais, de xeito que existen ata cinco dereitos procesuais máis: o administrativo, o internacional, o canónico, o laboral e o comunitario. No ordenamento español, as normas procesuais tamén se conteñen nas leis de dereito material, nos códigos civil e penal.

    26. dereito público

      Normas que regulan a ordenación xeral e o funcionamento do Estado e as súas relacións cos seus súbditos e cos outros estados.

    27. dereito real

      Normas que regulan as relacións xurídicas das persoas cos bens e coas cousas.

    28. dereito romano

      Regras que presidiron as relacións xurídicas do pobo romano nas diferentes épocas da súa historia. Na súa orixe, Roma era unha pequena poboación agrícola na que convivían un certo número de pater familias, é dicir, propietarios de explotacións agrarias; os conflitos que xurdían entre eles resolvíaos o pontifex, un sacerdote que se baseaba nun dereito (o ius civile) de carácter simple, ríxido e consuetudinario. As resolucións xurídicas confiábanse a maxistrados xudiciais, especialmente aos praetores. Máis tarde, apareceu o praetor peregrinus ou xuíz encargado de defender os intereses dos estranxeiros que vivían en Roma; nel tivo a súa orixe o ius gentium (s III a C) ou dereito de xentes, regulador do comercio que se opoñía ao ius civilis e que lles afectaba aos cidadáns romanos. O período final da historia do dereito romano comezou con Diocleciano, o ius helenico-romano ou bizantinoe (235) e finalizou coa compilación de Xustiniano no s VI (Corpus iuris Civilis), que exerceu unha grande influencia dentro do dereito da Europa Occidental e co que o dereito romano chegou á súa máxima elaboración e estruturación. A importancia do dereito romano xustifícase na súa longa influencia na civilización medieval e moderna, de xeito que a pervivencia das súas normas chegou ata o s XIX na Europa Occidental e ata o s XX en Alemaña.

    29. dereito social

      Parte do ordenamento xurídico que regula as relacións laborais e os dereitos e deberes que lles incumben ao traballador e aos poderes públicos en relación coa seguridade social, a vellez, a enfermidade e as cuestións asistenciais en xeral. Estas normas tiñan un carácter social fronte ao carácter fundamentalmente individual do resto do dereito.

    30. dereito substantivo

      Normas obrigatorias e independentes que regulan unha materia ou unha orde de relacións xurídicas. Comprende todas as ordes xurídicas agás o dereito adxectivo e o procesual.

    31. dereito subxectivo

      Facultade que lle recoñece e lle garante a unha persoa o ordenamento xurídico para reclamar e esixir o que é seu por dereito.

    32. dereito subxectivo patrimonial

      Dereito que lle outorga ao seu titular o poder de obter unha determinada prestación doutro suxeito.

    33. dereito supletorio

      Normas xurídicas establecidas coa finalidade de seren aplicadas subsidiariamente, cando no exista unha disposición expresa no ordenamento preferentemente aplicable que dea unha solución a un problema concreto.

    34. dereito transitorio

      Normas ou disposicións con eficacia transitoria, creadas coa finalidade de determinar os límites temporais das leis antiga e nova concorrentes cando se produce un cambio lexislativo. No dereito español as disposicións de dereito transitorio inspíranse xeralmente no principio de irretroactividade.

    35. dereito tributario

      Principios e normas xurídicas que regulan as relacións xurídicas de natureza tributaria e os procesos administrativos de aplicación, xestión e control de tributos.

    36. dereito urbanístico

      Parte do dereito administrativo que ten por obxecto a regulación dos espacios públicos e privados.

    37. dereitos civís

      Dereitos recoñecidos e garantidos polas constitucións e polas leis aos cidadáns dun estado, en canto se recoñecen que son inherentes á personalidade humana. A protección dos dereitos civís garante a concreción do estado democrático de dereito. Recoñécense, fundamentalmente, o dereito á vida, á non discriminación, ás liberdades, ao honor ou á inviolabilidade do domicilio.

    38. dereitos fundamentais

      Dereitos subxectivos de carácter público, establecidos pola constitución ou por outras leis políticas, expresión dos dereitos humanos inherentes a toda persoa (dereito á liberdade, á seguridade, á vida, á educación, á participación, etc) no ordenamento político. Forman parte integrante e directa do dereito interno dos estados e as súas garantías son máis eficaces ca as comprendidas no dereito internacional. A súa orixe remóntase á Declaración dos Dereitos do Home e do Cidadán proclamada en Francia en 1791. A protección destes dereitos en España vincula a todos os poderes públicos, pode esixir unha lei orgánica para o seu desenvolvemento, ten a facultade de pedir a tutela destes dereitos ante os tribunais ordinarios mediante un procedemento preferente e sumario, e ata incluso pode interpoñer un recurso de amparo perante o Tribunal Constitucional ao seren violados.

    39. dereitos humanos

      Conxunto de dereitos fundamentais da persoa humana recoñecidos na Declaración Universal dos Dereitos Humanos, proclamada pola ONU en 1948.

    40. dereitos pasivos

      Pensión que lle garanten a alguén polos servicios que prestou noutro tempo el ou alguén dos seus parentes, como os que garante o Estado a algúns funcionarios públicos para facer fronte á protección necesaria ante os riscos derivados de certas continxencias, como a vellez, a incapacidade física ou psíquica, a morte e a supervivencia. Os dereitos pasivos son inembargables (nin sequera por resolución xudicial), irrenunciables polo seu titular, inalienables (polo que non poden ser obxecto de negocio) e imprescriptibles (polo que poden solicitarse indefinidamente trala realización do feito causante).

    41. dereitos políticos

      Dereitos relacionados coa persoa na súa condición de cidadán partícipe da comunidade política. Identifícanse, basicamente, coas liberdades de expresión, de reunión e de asociación.

    42. Conxunto de leis, preceptos e regras de conduta obrigatorias, establecido e autorizado polo Estado e respaldado polo seu poder, ao que están sometidos os homes na súa vida social, que fixa e tutela unha determinada organización das relacións sociais. O dereito expresado pola lei parece ser a libre vontade xeral de toda a sociedade, pero, de feito, a lei non expresa esta vontade xeral, senón as relacións económicas, políticas e ideolóxicas. As relacións político-estatais constitúen o contido das normas xurídicas, e na súa efectividade baséase a forza coactiva do Estado. Por iso, a problemática xurídica é inseparable da organización do Estado. A palabra dereito emprégase con dous sentidos diferentes: o dereito subxectivo é o que pertence a unha persoa -como individuo ou colectividade- e existe cando alguén pode actuar na defensa dos seus intereses e de conformidade coa norma xeral; o dereito obxectivo é o conxunto de normas que proxectan a súa vontade ordenadora e configuradora na vida social. As ramas principais do dereito son: o dereito civil, o dereito penal e o dereito procesal.
      Orixe e evolución
      O dereito debeu xurdir xa nas sociedades prehistóricas, pero non coa forma de leis en sentido xurídico (ou de normas xurídicas), senón en forma de regras de comportamento, presentadas como tabús ou rituais relixiosos. Os primeiros sistemas xurídicos partiron deste feito, do que se afastaron posteriormente para crear progresivamente leis e normas xurídicas. Consérvanse testemuños epigráficos de códigos lexislativos das civilizacións mesopotámicas e exipcias, así como escrituras gregas e romanas. O dereito romano estendeuse por toda Europa, dende o Atlántico ata o Mar Negro e o Báltico, a medida que avanzaba a expansión imperial. O dereito romano xurdiu da superación da xustiza administrada polo pontifex, sacerdote que baseaba a súa autoridade nunha orixe divina. Este sistema arbitrario xeraba incertidume e contradicións, polo que se acabaron confiando as resolucións a maxistrados xudiciais, especialmente aos praetores. Coa aparición do praetor peregrinus ampliouse a tutela do dereito aos estranxeiros que vivían no Imperio; nesta institución tivo a súa orixe o ius gentium ou dereito de xentes. O desenvolvemento da lexislación e da xurisprudencia provocou a necesidade dos iuris consulti (xurisconsultos), profesionais libres que aconsellaban os xuíces árbitros, e que, á súa vez, favoreceron un maior grao de desenvolvemento do dereito. O período final da historia do dereito romano comezou con Diocleciano e finalizou coa compilación de Xustiniano (Corpus iuris civilis), que exerceu unha grande influencia dentro do dereito da Europa occidental. Coa disgregación política do Imperio romano, o dereito romano foi substituído por dereitos xermánicos ou outros máis simplificados e vulgarizados, adaptados ás necesidades do momento. Así, o dereito medieval apareceu como un mosaico de sistemas xurídicos locais, nos que se barallaban dereitos de diferente orixe (romano, canónico, consuetudinario, etc) que careceron de continuidade espacial e temporal en moitos casos. A Reforma protestante, no s XVI, supuxo un revulsivo para o mundo do dereito ao se reabrir un debate que comezou a desvinculalo de imperativos morais de orixe relixiosa. Moitos xuristas acolléronse a un concepto xa existente na filosofía aristotélica e estoica: o dereito natural. Este dereito foi o que inspirou a Revolución Francesa; os xuristas franceses pensaban que só era dereito o dereito natural, entendido coma un conxunto de dereitos inalienables do home fronte ao Estado, e centraban a cuestión nun problema de conciliación entre a liberdade natural do home e a necesidade da existencia dun Estado que lle garanta o aproveitamento deses dereitos. Deste “iusnaturalismo” extremo pasouse a un positivismo igualmente extremo, denominado “positivismo xurídico”, segundo o que só é dereito aquel que dita o lexislador, e que se centra na defensa do estado burgués, definido coma un estado limitado polas normas que el mesmo crea e que deixa espazo para a autonomía individual. O positivismo xurdido das codificacións desenvólvese en toda a Europa continental cuns trazos comúns: o dereito é un conxunto de leis; a misión do moralista é valorar a lei. A revolución no mundo do dereito trouxo, ademais, unha diferenciación entre dereito público, que envolvería relacións entre subordinados (os cidadáns) e superiores (o estado), constituído polo dereito constitucional e o dereito administrativo, e o dereito privado, que rexería as relacións entre iguais, constituído polo dereito civil, o dereito mercantil, e o primitivo dereito do traballo. No s XIX o dereito experimentou en España unha profunda renovación; o novo dereito caracterizouse por inspirarse no liberalismo imperante, notoriamente individualista. O individuo converteuse no obxecto central do dereito. Dun sistema baseado en recompilacións e textos dispersos pasouse a un novo sistema no que o ordenamento xurídico se basea na codificación.
      Fontes do dereito
      Cada sistema xurídico ten as súas propias fontes do dereito, como resultado da confluencia de múltiples factores sociais, políticos e ideolóxicos, a través da que se materializa un conxunto de ideas e de feitos dominantes na comunidade na que se aplica. Nos países da Europa continental, a lei é a principal fonte do dereito. No dereito anglosaxón, tamén a lei é fundamental, pero xunto a ela está a doutrina establecida nas sentencias dos tribunais, que constitúen a base da common law e da common equity. O poder de crear normas xurídicas teno o Estado, mediante os órganos competentes, pero tamén o ten a sociedade, que pode ser creadora de dereito mediante usos e costumes. As fontes de ordenamento xurídico do Estado español son a lei, o costume e os principios xerais do dereito, aínda que tamén se inclúe a xurisprudencia. A lei considérase a fonte principal do dereito, emana do poder lexislativo (parlamento) e ten carácter xeral. O costume como valor de norma xurídica é a forma espontánea e popular de creación do dereito. Non todos os usos ou as prácticas sociais son relevantes en dereito. O costume ten que ser racional, provocado e debe manifestarse mediante o seu uso xeral, uniforme e constante, cunha certa duración temporal. O costume soamente rexerá en defecto dunha lei aplicable, sempre que non sexa contrario á moral ou á orde pública e resulte probado. Os principios xerais do dereito non conteñen unha referencia concreta ao suposto do feito da súa aplicación, por iso non son normas xurídicas, senón unha referencia máis alá delas, ás que, sen embargo, asisten cunha función inspiradora. Soamente se usan cando as circunstancias que condicionan a súa aplicación veñen determinadas por vía lexislativa ou xudicial. A xurisprudencia é o conxunto de criterios de interpretación establecidos polos tribunais de xustiza ou, de maneira concreta, polo Tribunal Supremo. Coa incorporación de España á Unión Europea, o ordenamento xurídico español incorporou como fonte de dereito os tratados internacionais, o costume, os principios xerais de dereito e a xurisprudencia internacional.
      A función social do dereito
      A orde xurídica ten funcións de organización, de dominación e de autoridade política e defensa da unidade da formación social, sempre ao servizo de algo ou de alguén. A ideoloxía xurídica ten principalmente finalidades de interpretación social, de revestimento das contradicións e de restablecemento do consentimento xeral. O dereito aplícase continuamente na mesma medida en que transcorre a vida social, de forma espontánea, polas vías que trazan as normas xurídicas. Os fins do dereito adoitan ser, entre outros, os seguintes: a seguridade, a xustiza, o ben común, o interese xeral, a vontade popular e os dereitos humanos.

    43. dereito accesorio

      Dereito que supedita a súa existencia e efectividade á existencia doutro principal.

    44. dereito administrativo

      Conxunto de normas do dereito público interno que rexen a organización e a actividade das administracións públicas. O dereito administrativo vixente en España inspírase no régime administratif francés, de carácter público, en contraposición ao rule of law anglosaxón, sometido ao dereito privado. A administración goza dos privilexios de executabilidade e acción de oficio, polo que non necesita a sanción dos tribunais para levar a cabo as súas decisións; a impugnación dos actos administrativos non suspende a súa execución.

    45. dereito adquirido

      Dereito conseguido ou gañado por alguén antes do feito ou do acto que se lle opón para impedirlle o seu exercicio ou o seu gozo. O dereito adquirido obtense ao amparo dunha lexislación, e merece respecto e protección polas leis posteriores, que serán irretroactivas, pois non lle poden afectar.

    46. dereito adxectivo

      Normas destinadas a regular a forma de exercer ou facer valer un dereito determinado.

    47. dereito aeronáutico

      Normas que regulan a navegación aérea. Contén normas de dereito interno e dereito internacional, que afectan tanto ao dereito público coma ao privado. Ocúpase de regular o tránsito polo espazo e o transporte de viaxeiros, mercadorías ou a correspondencia.

    48. dereito agrario

      Normas que regulan a explotación e o aproveitamento agrícola, gandeiro e forestal. Concretamente, regula o estatuto do empresario gandeiro e da súa actividade, o uso e posesión da terra, as unidades de explotación agraria e a produción agraria en xeral, segundo uns principios xurídicos peculiares nos que conflúen elementos de dereito público e de dereito privado.

    49. dereito autonómico

      Normas emanadas dos órganos dunha comunidade autónoma ou dun Estado federal. En España o dereito autonómico comprende o bloque normativo integrado pola Constitución, as leis de desenvolvemento autonómico e os Estatutos de Autonomía, así como as normas que as comunidades autónomas promulgan para o mellor desenvolvemento das súas competencias.

    50. dereito bancario

      Normas que regulan a actividade bancaria, as institucións de crédito e aforro, e os demais intermediarios financeiros.

    51. dereito canónico

      Normas xurídicas ditadas pola autoridade eclesiástica con potestade lexislativa. O seu ámbito de aplicación cínguese á orde xerárquica da Igrexa Católica e ás relacións cos seus fieis. Desenvolveuse, fundamentalmente, a partir do s XIII, e tomou como base o dereito romano; culminou no Corpus Iuris Canonici e no Código de Dereito Canónico. O último código, no que se recollen as orientacións dadas polo Concilio Vaticano II, elaborouno unha comisión nomeada por Xoán XXIII en 1963, e foi aprobado en 1983, no pontificado de Xoán Paulo II.

    52. dereito civil

      Normas que regulan as relacións xurídicas entre particulares, e que protexen tanto a persoa coma os seus intereses de orde moral e patrimonial. Considérase un dereito privado que defende uns intereses de marcado carácter individual e patrimonial. Entre os principios máis significativos deste dereito cómpre citar o da autonomía da vontade. Está constituído polo dereito das persoas, o réxime da familia, as condicións dos bens, das sucesións, das obrigacións e dos contratos. A defensa do concepto de propiedade é un tema principal dentro desta rama do dereito. Foi dunha grande importancia na época romana, cando se conformou o ius civili coma un dereito singular dos cidadáns romanos, distinto do dereito público que rexía a vida das cidades. Na Idade Moderna produciuse unha identificación co dereito propio dos estados. A partir da promulgación do Código de Napoleón (1804) limitouse o ámbito de actuación do dereito civil, que quedou desligado das causas criminais e do dereito mercantil nun contexto onde se produciu unha diferenciación entre o dereito público e o dereito privado.

    53. dereito comparado

      Rama da ciencia xurídica que estudia, analiza e compara as semellanzas e diferencias entre os ordenamentos de dous ou máis países.

    54. dereito común

      Normas legais que constitúen a base dos dereitos especiais. Aplicouse na Europa cristiá e romanizada a partir do s XII. Ten como base o dereito romano xustiniano, moderado polo dereito canónico e enriquecido polas achegas do dereito feudal. O dereito canónico, que se consideraba de maneira preferente e obrigatoria como fonte de dereito, axudou ao seu enraizamento. Consolidouse rapidamente no s XIII en Catalunya e Aragón; en Castela compilouse nas Partidas do Rei Afonso X; e en Navarra foi declarado supletorio.

    55. dereito comunitario

      Disposicións legais que regulan o funcionamento das institucións da Unión Europea e as súas relacións cos estados membros. Distínguese entre dereito comunitario primario, integrado polo conxunto de tratados constitutivos, actas de adhesión e acordos que constitúen o proceso de integración europea, e o dereito comunitario derivado, subordinado ao primario, conformado polo conxunto de actos normativos emanados das institucións europeas e que teñen diferentes ámbitos de aplicación e forza imperativa, como son os regulamentos, as directivas, as decisións, as recomendacións e os ditames.

    56. dereito constitucional

      Normas que constitúen o Estado e que garanten os dereitos fundamentais. Delimita os elementos constitutivos e regula a organización e o funcionamento dos órganos superiores, as relacións xerais entre estes órganos e os cidadáns e a distribución territorial do poder.

    57. dereito consuetudinario

      Prácticas, hábitos e usos xurdidos da vontade popular que, logo dun uso reiterado, derivan en norma con rango de lei. O principio deste dereito está nas tradicións familiares e nos costumes dos pobos, que recollen hábitos de actuación utilizados para resolver os conflitos cotiás no que a lei non rexía. A admisión de normas consuetudinarias demanda uns requisitos determinados: estar de acordo coas relacións de vida e comercio, que a súa aparición sexa consecuencia dunha necesidade xurídica, non opoñerse aos usos morais, á razón e ao verdadeiro sentir do dereito positivo e, finalmente, ten que ser tolerado polo lexislador e ser de notoriedade pública.

    58. dereito de deliberar

      beneficio de deliberar.

    59. dereito de familia

      Normativa da institución familiar, que regula as relacións patrimoniais que se establecen entre os membros da familia entre si e respecto aos terceiros.

    60. dereito de pernada

      dereito de pernada.

    61. dereito de sucesións

      Parte do ordenamento xurídico privado que regula o destino das relacións xurídicas transmisibles das que era titular unha persoa finada.

    62. dereito de xentes [lat: ius gentium]

      Normas aplicadas a todos os homes libres da antiga Roma, formado por institucións comúns a todos os pobos, nacido da razón natural fronte ao dereito civil (ius civile), exclusivo de Roma e dos seus cidadáns. Neste dereito baseáronse as normas do dereito internacional contemporáneo.

    63. dereito dispositivo

      Ordenamento xurídico que lle deixa á autonomía das vontades a decisión sobre os aspectos dos negocios xurídicos nos que existen carencias nas regulamentacións.

    64. dereito divino

      Autoridade emanada de Deus.

  8. s m [DER]

    Sistema que ten por obxecto o estudo sistemático dun ordenamento xurídico, establecendo as categorías e elaborando un todo conexo en relación coa formación social e co tempo histórico no que transcorre.

  9. s m pl [ECON]
    1. Impostos ou taxas que gravan determinadas mercadorías.

    2. dereitos especiais de xiro [ingl: special drawing rights]

      Medida de pagamento internacional emitida polo Fondo Monetario Internacional (FMI) desde 1968, para aliviar a falta de liquidez dos Estados. Creada por acordo da maioría dos estados integrantes, contempla a posibilidade de que cada un destes poida dispoñer dunha parte proporcional á súa cota no FMI.

    3. dereitos reais

      Denominación antiga do imposto que grava as transmisións patrimoniais e outros actos xurídicos.

  10. adv

    Sen desviarse.

    Ex: Segues todo dereito e ó chegar onda o hospital torces á esquerda.

  11. dereitos de estola [RELIX]

    Remuneración que percibían os párrocos pola celebración de oficios relixiosos. A orixe dos beneficios eclesiásticos en Galicia remóntase á Alta Idade Media (s V). Consolidouse ao abeiro do feudalismo e prolongouse ata o s XX.