Dermestes

Dermestes
[ANIMAL/ENTOM]

Xénero de coleópteros, da familia dos derméstidos, constituído por escaravellos de entre 1,5 e 10 mm de lonxitude; os máis deles presentan cor escura e unha cuberta de pelos, antenas con forma de maza, un par de ollos compostos e un ocelo no centro da cabeza. Teñen a capacidade de recoller as patas baixo o corpo e permanecen inmóbiles cando se senten ameazados. As larvas son eirugas, as máis das veces de corpo alongado e con patas curtas. Son de hábitos preeiros e poden afectar a tecidos, peles e alimentos humanos almacenados. En Europa viven 19 especies deste xénero. A especie máis frecuente é D. lardarius, de 9,5 mm de lonxitude, propia das despensas, aínda que o seu hábitat orixinario é a prea, de distribución cosmopolita, que presenta na parte anterior dos élitros unha franxa ancha de cor cinsenta. As larvas aliméntanse de graxa animal, peixe desecado, coiros, pelos, cornos ou plumas. Outras especies do xénero son D. vulpinus, que aparece no coiro e nos intestinos do gando vacún; D. cadaverinus, que se alimenta de coiros, sedas e teas de algodón; D. carnivorus e D. peruvianus, que están presentes en Europa aínda que son especies orixinarias do continente americano; D. frischii, que aparece en tripas secas e peixe seco, e D. bicolor, propio das casas e niños de aves domésticas, especialmente pombais, onde lles afecta ás aves novas e incluso pode chegar a matar pitos de galiña e patos acabados de nacer.

Palabras veciñas

dermatose | dermatóxeno | derme | Dermestes | derméstido -da | dérmico -ca | dermo-