desautomatización
Concepto do formalismo ruso que debe a súa primeira manifestación a V. Sklövski, quen sostiña que a linguaxe poética xorde da vontade de contrarrestar a automatización da linguaxe común. No uso ordinario, as palabras son instrumentos de referencia para nomear os obxectos e non interesan como tales palabras. Isto implica que a lingua se automatice porque a relación signo-realidade se converte en habitual e, polo tanto, réstase importancia ao discurso en si, que se converte en algo recoñecible, esperado, por estar ligado de forma rutinaria á realidade que representa. Posteriormente, o concepto ampliouse a través das contribucións de I. Tinianov e J. Mukarovski, que o empregaron para explicar a historia literaria. Sinalaron que o valor estético dos artificios verbais non é inmutable, senón que co uso acaba perdendo o seu carácter de novidade e, polo tanto, a súa efectividade, de xeito que consideran a evolución da arte como resultado da busca de novas formas que desautomaticen as que xa están gastadas e manteñan o interese e a sorpresa do receptor.