Descent of Man, The
Obra de Darwin publicada en 1871 co título The Descent of Man, and Selection in Relation to Sex (A orixe do home e a selección sexual), está considerada como unha das súas catro obras fundamentais xunto con On the Origin of Species by Means of Natural Selection, or the Preservation of Favoured Races in the Struggle for Life (A orixe das especies por medio da selección natural ou preservación das razas favorecidas na súa loita pola existencia, 1859), The Variation of Animals and Plants under Domestication (A variación dos animais e das plantas baixo a domesticación, 1868) e The Expresion of the Emotions in Man and Animals (A expresión das emocións no home e nos animais, 1872). Se Darwin en Origin fora un revolucionario, nesta obra, escrita once anos despois e logo dun período no que se publicaron algunhas das obras fundamentais da antropoloxía evolutiva, como as de Thomas Henry Huxley, Alfred Russell Wallace ou Ernst Heinrich Haeckel, foi un recapitulador. A obra, escrita nun contexto de plena oposición ao evolucionismo, demostra con argumentos anatómicos e embriolóxicos a procedencia animal dos humanos e a súa pertenza ao reino animal; así mesmo, trata a cuestión das orixes e da antigüidade da humanidade. Ademais, desenvolve en particular a teoría da selección sexual, baseada no papel dos instintos procreativos e de parentesco, xermolos do altruísmo, da apreciación da beldade, da influencia cultural das mulleres, da solidariedade social, dos sentimentos morais, dos comportamentos de asistencia aos débiles e, sobre todo, do amor. Contra a idea dunha extensión simple da selección natural que eliminaría os menos aptos, Darwin establece unha teoría da civilización e da relación natureza/cultura que funda o progreso humano e a ética na combinación dos instintos sociais e das facultades intelectuais, polo que instaura unha xenealoxía materialista da moral.