descrición

descrición

(< lat descriptiōne)

  1. s f

    Acción e efecto de describir.

    Ex: Fixo unha descrición polo miúdo de todo o que lle acontecera.

  2. s f [LIT]

    Figura retórica consistente na presentación das características físicas e/ou psicolóxicas de persoas, obxectos, animais, lugares, etc, que poden ser de natureza real ou fiticia. Pódense distinguir varios tipos: prosopografía ou descrición do aspecto externo dun personaxe; etopeia ou plasmación dos seus trazos morais; retrato ou combinación dos dous anteriores; pragmatografía ou descrición dun obxecto inanimado; topografía ou descrición dun lugar; e cronografía ou conformación dun período histórico. Aínda que é propia das obras literarias, úsase tamén en textos científicos, divulgativos e, en xeral, en calquera escrito de índole pragmática.

  3. descrición bibliográfica [BIBLIOT]

    Enumeración ordenada e xeralmente codificada dos elementos ou aspectos que identifican externamente un documento. Constitúen o núcleo do rexistro bibliográfico.

  4. [LING]
    1. descrición funcional

      Descrición lingüística que se basea no uso ou nos fins da linguaxe ou de calquera elemento ou unidade da linguaxe (funcionalismo). Cando a descrición considera que a linguaxe se organiza en estruturas, estase ante unha descrición formal (formalismo). Nunha descrición funcional interesa saber qué se pode facer coa linguaxe. Os dous tipos de descrición compleméntanse de acordo cos que postulan descricións sincréticas da linguaxe.

    2. descrición lingüística/da linguaxe

      Análise lingüística que ten como finalidade describir a linguaxe, especialmente se se fala de lingüística descritiva. Todas as descricións fanse de acordo cunha teoría e os enunciados das descricións deben ser adecuados (consoante coa finalidade, propósito ou fin da teoría), coherentes (ausencia de contradición) e tan sinxelos como sexa posible (claridade e economía).

    3. descrición metafuncional

      Descrición funcional que ten en conta as funcións de cada un dos elementos da linguaxe. Por exemplo, a definición dunha oración como unha estrutura sintáctica constituída por un suxeito e un predicado é funcional, xa que se fala da función de dous elementos.

    4. descrición semántica

      Exposición dos elementos semánticos que documentan a relación entre o definiendum e o definiens.

  5. teoría das descricións [FILOS]

    Teoría elaborada por Bertrand Russell, que pretendeu resolver os problemas derivados das descricións non denotativas definidas por Ferge e Meinong. Ferge indicou que expresións como “o sol polas mañás sae polo leste” e “o sol polas tardes cae polo oeste”, malia que se refiren á mesma estrela (significado), din cousas diferentes (sentido). Alexius Meinong analizou frases como “os nenos voadores non existen” ou “as aparicións non suceden”, que son proposicións verdadeiras pero que non o poden ser se non se refiren a unha realidade. B. Russell atacou o punto de vista de Meinong e para evitar enganos enunciou solucións a estas proposicións do tipo “non existe ningunha entidade que, ao mesmo tempo, sexa neno e voe”.

Formas incorrectas

descripción